Opinión

A UE rexeita a derrogación da reforma laboral

Esta semana varios medios publicaron unha información que aclara, aínda que se daba por sabida, máxime tendo en consideración a correlación de forzas no seo da Comisión, cal é a postura da Unión Europea respecto da derrogación no Estado español da reforma laboral. Isto é o que salientan os medios: “A Comisión Europea rexeita que o Governo derrogue a reforma laboral, se España quere acceder aos fundos de recuperación”. Esta afirmación tan rotunda é de Valdis Dombrovkis vicepresidente da Comisión Europea e comisario do euro e de Dialogo Social. E engaden os medios de comunicación: “o vicepresidente asegura que vixiara as medidas laborais do Governo. Non se pode volver atrás e isto esixe unha evaluación polo miúdo”.

Evidentemente isto non pode ser unha novidade para o PSOE, que formou parte dos acordos para a creación do fundo e ten unha intima relación coa cúpula da UE, especialmente a través de Nadia Calviño a Ministra de Economía. Tamén Podemos debería ter información, daquela a presión interna ao PSOE sobre o tema, ou no SMI, mais sen rachar o taboleiro das negociacións co seu socio maioritario no Governo central. Acaso existía interese en ambos partidos de gañar tempo para recoller os méritos pola implantación dos ERTE, IMV, ampliación do desemprego, eliminar como xustificado o despedimento por un número de baixas, etc, que son decisións que dan prestixio, porque son positivas, aínda que non toquen os aspectos estruturais das relacións laborais?

Pedro Sánchez negociou con UP, Bildu e BNG e outras forzas a derrogación da reforma laboral non hai tanto tempo

O anterior dá que pensar. Máxime cando Pedro Sánchez negociou con UP, Bildu e BNG e outras forzas a derrogación da reforma laboral non hai tanto tempo (apoio á investidura, programa de governo). Esta reforma foi vital para que o capital conseguise aumentar súa participación no PIB até superar as rendas do traballo, malia que estas últimas representen un 85% da masa laboral. Teñamos en conta que no ano 2012 os salarios representaban o 46,2% do PIB e os ingresos do capital o 43,9%, mentres que no ano 2018 os salarios atinxían o 43,9% e as rendas do capital o 46,1%. A pregunta é: ademais existía un coñecemento previo e o PSOE asinou estes acordos con estes partidos á súa esquerda sabendo que non os ía cumprir? Se fose así, ademais dunha postura entreguista, derrotista, habería que engadir o cinismo.

Lembremos que as reformas laborais do PSOE en 2011, e despois a do PP en 2012, facilitaron o despedimento, crearon contratos a proba abusivos dun ano, alentaron o traballo a tempo parcial non desexado... Aínda que a modificación de maior envergadura foi a relacionada coa negociación colectiva xa que se eliminou a ultra-actividade dos convenios, deulle prioridade aos convenios de empresa sobre os de sector (e non o máis favorábel para o traballador como era até ese momento) e dotouse aos empresarios de máis mecanismos de axuste e modificación das condicións de traballo, e para a regulación temporal e o despido colectivo.

A derrogación destas (contra) reformas laborais, así como da Lei Mordaza, e do artigo 315.3 do Código Penal, son esenciais

A derrogación destas (contra) reformas laborais, así como da Lei Mordaza, e do artigo 315.3 do Código Penal, son esenciais para recuperar a capacidade de presión da clase traballadora, e polo tanto para conseguir aumentar e manter o valor real dos ingresos salariais, e para que se cumpra a xornada pactada e mesmo avanzar en diminuíla, tendo en consideración o medre da produtividade. As consecuencias das reformas laborais son evidentes: retroceso dos salarios e aumento dos lucros do capital. Unha tendencia que a UE quere consolidar dado que a flexibilidade laboral é unha das condicións da liña elaborada pola Comisión no chamado “semestre económico”, de aplicación para a aprobación dos proxectos acollidos aos fundos de reconstrución. A isto referíase Dumbrovkis.

Todo fai pensar que CCOO e UGT, tamén UP, aínda que verbalmente reclaman a derrogación, na práctica están atadas a procurar un acordo coa patronal nas mesas de negociación. E a CEOE xa dixo por activa e por pasiva que rexeitaba a derrogación, engadindo como escusa a crise actual, cando esta non afecta a todos os sectores produtivos nen empresas, e en realidade a derrogación só tería efecto sobre aquelas que obteñen beneficios. Na mesa sindicatos (CCOO e UGT), patronal e governo están liados en sacar adiante unha regulación do teletraballo e do emprego uberizado, algo necesario, porén que tamén interesa á patronal, dentro duns parámetros, para evitar a competencia desleal. Intentar que esta mesa de negociación “social” chegue a un acordo sobre as derrogacións da reforma laboral é pura utopía, neste tema o Governo central, o PSOE e UP, debe cumprir cos seus compromisos, asumindo que ten que superar a oposición da CEOE e CEPYME.

Moi especialmente a CIG, e tamén sindicatos doutras nacións do Estado, están a realizar campañas e manifestacións, que cómpre valorar como moi positivas

Moi especialmente a CIG, e tamén sindicatos doutras nacións do Estado, están a realizar campañas e manifestacións, que cómpre valorar como moi positivas, a prol da derrogación das contra-reformas e medidas que reprimen a protesta sindical e social. Agora ben, as limitacións impostas pola pandemia son un atranco que non se pode obviar e que beneficia á patronal máis concentrada,  máxime cando se lle suma a postura derrotista de CCOO e UGT. Polo que todo indica que habería que buscar neste intre complicidades máis amplas no social e político, para garantir un reparto xusto dos fondos de recuperación, evitar o desmantelamento industrial, os despedimentos masivos, e esixir a derrogación da reforma laboral e das pensións, Lei Mordaza, etc.

Non estaría de máis a existencia dunha fronte con acento no laboral e certos temas sociais no ámbito nacional galego, que podería ter algún tipo de coordinación con outras forzas a nivel do Estado español e mesmo Portugal en certos temas. Son cuestións nas que nos xogamos moito, e a política de alianzas, mesmo que sexa con pequenas forzas, sempre é importante, axuda a socializar, fortalece no debate e na mobilización, e alenta o cambio na correlación de forzas, e nesta conxuntura concreta permitiría aproveitar ao máximo o contexto da pos-pandemia.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios