Opinión

Ucraína, sal nas feridas

Todo fai pensar que Kiev considera que está a punto de esmagar o levantamento popular en Lugansk e Donestk.

Todo fai pensar que Kiev considera que está a punto de esmagar o levantamento popular en Lugansk e Donestk. Cando menos iso dá a entender a visita de Angela Merkel a Ucraína, o pasado sábado, ofrecendo unha doazón de 500 millóns de euros para a reconstrución. Aínda así o presidente Poroshenko non puido cumprir a súa promesa de pacificar o Donbass antes do Día Nacional da Ucraína, o 24 de agosto. As milicias populares están amosando que son un oso duro de roer, malia que resulta evidente que carecen de apoio militar da Federación Rusa. Se non fose deste xeito, a confrontación armada tería un desenvolvemento distinto. A Putin non lle interesa ter nas súas fronteiras, nen unha guerra, nen experimentos de repúblicas populares.

"A estratexia de Kiev é utilizar os bombardeos e a artillaría para machacar os federalistas, mesmo sabendo que deste xeito causa unha destrución inmensa e milleiros de mortos"

Sobre o terreo, no aspecto militar as diferenzas son abismais, e non se poden salvar só con vontade e ilusión. Mais, na ofensiva destes días, as milicias amosan que teñen aínda capacidade de combate, e que ao exército fáltalle a forza da razón. Como dicía, as tropas ucraínas triplican as das milicias federalistas, e multiplícanas por dez no relativo a armamento pesado, como tanques e artillería. Iso sen esquecer que controlan o espazo aéreo, xa que os rebeldes carecen de aviación. Por esta razón, todo indica, que a estratexia de Kiev é utilizar os bombardeos e a artillaría para machacar os federalistas, mesmo sabendo que deste xeito causa unha destrución inmensa e milleiros de mortos e feridos entre a poboación civil. Unha táctica que sen dúbida é consecuencia do asesoramento das potencias occidentais, que a utilizan decote noutros conflitos, como Libia, Iraq ou Palestina. O número exacto de baixas nas áreas rebeldes non se coñece con exactitude, aínda que se calcula son máis de dous mil os mortos, e tres veces máis os feridos, a maior parte deles civís.

"Co remate da resistencia armada, todo indica que os paramilitares acentuaran a belixerancia contra a xente nas áreas conquistada, botando máis sal na ferida"

Neste contexto, Poroshenko esperaba que o cerco a Lugansk e Donestk, coa falta de luz, auga e alimentos, durante as últimas tres semanas, causarían un reaxer da poboación civil e sementarían a división entre as milicias, permitindo así unha rápida conquista do territorio. Por esta razón, a axuda humanitaria de Rusia foi entendida como unha inxerencia no conflito, xa que debilitou a estratexia de cerco contra a poboación civil. Ese foi o motivo para reter os camións rusos con axuda humanitaria na fronteira, colaborando vergonzosamente a Cruz Vermella na brincadeira. E cando Rusia, cansa de xogos, decidiu entrar no territorio contra a vontade de Poroshenko, protestaron a OTAN e os Estados Unidos. Asemade, todo fai pensar que para alén do discurso para a galería, Merkel non preme a prol dunha saída negociada, ou sexa, da constitución dun Estado federal, ou carece de capacidade para modificar a postura de Washington e outros países da UE. En fin, o importante é que a solución para este intre vai a ser a militar. Algo co que conta Rusia, tendo en consideración o fortalecemento do seu programa de armamento e a realización de manobras.

"O conflito do Donbass non está solucionado e retornará a medio prazo máis forte e radicalizado. A convivencia está totalmente rota" 

Agora ben, mesmo que remate en pouco tempo o confronto armado no Donbass (que está por ver), e se inicien axiña as obras de reconstrución, algo que non é doado considerando a grave situación económica da Ucraína, o grao de corrupción existente, e que 500 millóns non dan para moito, o conflito social e político non se pode dar por rematado. Un millón de persoas refuxiáronse fóra da área dos combates, uns 800.000 en Rusia e o resto na Ucraína. Estará disposto o Goberno de Poroshenko a facilitar o regreso dos que fuxiron a Rusia, sabendo da utilización do feito étnico polos grupos políticos hexemónicos? Daquela, dado o carácter neofascista do goberno de Kiev, grupos paramilitares pagados por oligarcas xa axen hoxe no Donbass, e outras zonas de fala rusa, con métodos expeditivos. Co remate da resistencia armada, todo indica que os paramilitares acentuaran a belixerancia contra a xente nas áreas conquistada, botando máis sal na ferida. Cómpre lembrar o acontecido en maio en Odesa, onde queimaron vivas no edificio dos sindicatos ducias de persoas, que protestaban contra o golpe neofascista en Kiev.

"Ucraína tamén coloca en primeiro plano o tema da Unión Europea, o seu carácter imperialista, de forza agresora alí onde considera que ten intereses económicos ou xeoestratéxicos"

Non todos os procesos históricos seguen a mesma andaina. Porén con métodos autoritarios e represivos non se solucionan os conflitos, senón que se lles dá folgos. Aínda que no futuro teñan novas expresións, formas organizativas e tipos de resposta, sempre volven radicalizados. E todo fai pensar que será deste xeito no Donbass, a menos que o Goberno de Kiev dea unha viraxe radical e acepte unha federación, marxine do executivo os grupos neofascistas, e dedique cuantiosos medios á reconstrución do Donbass. Mais esta é unha hipótese irreal neste contexto, especialmente porque non lle interesa aos Estados Unidos, xa que a súa estratexia para recuperar o control total do mundo pasa pola tensión, o militarismo e o caos (Afganistán, Libia, Iraq, ...), a economía especulativa e delituosa. Mentres, as corporacións da UE e os seus partidos sistémicos aceptan esta estratexia porque así garanten recursos e mercados encadeados; polo tanto pechan os ollos aos masacres, á desigualdade, á pobreza, á destrución ecolóxica, etc. Tampouco se pode pasar por alto, porque reflicte o contexto político, que o Partido Comunista fose expulso da Rada da Ucraína en maio pasado (e hoxe en proceso de ilegalización), cando nas eleccións de 2012 obtivo 32 escanos e o 13,2% dos votos. En resumo, o conflito do Donbass non está solucionado e retornará a medio prazo máis forte e radicalizado. A convivencia está totalmente rota. E alí onde antes se exixía algo tan lóxico como unha federación, con seguridade no futuro pedirase a plena soberanía, a independencia.

Por último, o conflito da Ucraína volveu a amosar a importancia dos medios de comunicación na formación da conciencia colectiva, e como practicamente todos eles, nos países occidentais, transmiten unha única versión acrítica dos acontecementos, servil aos intereses imperiais. Do avión malaisio derribado sobre o Donbass, que serviu para acusar a Rusia, xa non se soubo máis. Será porque as investigacións apuntan para outro lado, como dicía Putin cando pedía unha comisión independente? O presunto ataque das milicias a un convoi de refuxiados con moitos mortos, desmentido por estas, foi noticia dun día, así como a fantasiosa incursión de trinta tanques rusos, seica destruídos polo exército de Kiev. A insistente cualificación de “pro rusos” é un simplismo, que pretende converter Kiev en garante da unidade, cando o que fai é esmagar a pluralidade nacional. Son todas noticias que pretenden formar, como a pinga a pinga sobre a pedra, a idea de que Rusia e as milicias son os malos da película, rexeitando a análise ou a comprobación dos feitos, porque son unha montaxe. Por iso os/as xornalistas de esquerda din que a primeira sacrificada nestes conflitos é a veracidade da información. Mais neste aspecto, o que resulta evidente é que os Estados Unidos e os gobernos da OTAN son mestres da manipulación, da mentira.

Comprenderase a importancia de que os movementos populares e de liberación teñan medios de comunicación propios, de calidade. Sementemos e organicemos hoxe para recoller mañá. Ucraína tamén coloca en primeiro plano o tema da Unión Europea, o seu carácter imperialista, de forza agresora alí onde considera que ten intereses económicos ou xeoestratéxicos que preservar ou conquistar. Hai quen coida que é unha situación modificábel dende dentro. Porén a medida que pasa o tempo, a súa expansión territorial semella ir parella ao seu desenvolvemento como proxecto autoritario, regresivo e militarista. É un tema que necesita moita clarificación e debate.