Opinión

Trump xoga no límite,... dálle resultado

Estados Unidos acaba de dar seu apoio para que Israel se apropie definitivamente dos Altos do Golán, que invadiu na Guerra dos Seis Días (1967) e do Yom Kipur (1973), malia que o Consello de Seguridade das Nacións Unidas, segundo súa resolución 242, considera este territorio como ocupado. Esta área ten un carácter estratéxico, tanto pola auga como pola súa proximidade a Damasco. Hoxe a metade da povoación é israelí, por mor das políticas de colonización e expulsión da maioría dos habitantes sirios.

Esta medida de Trump, xunto co recoñecemento de Xerusalén como capital de Israel, implica botar máis leña no conflito árabe-israelí, nun contexto no que toda a zona está patas arriba. Asemade deixa en evidencia que para os Estados Unidos as decisións das Nacións Unidas carecen de calquera valor, non sendo cando fai o papel de recadeiro das posturas de Washington. Agora ben, este xeito de axer non se pode considerar como unha arroutada do Presidente de Estados Unidos e dos seus asesores, xa que conta co respaldo dunha fracción importante do capital e grupos de poder do país (complexo militar, sector da enerxía, banca, etc).

A política de “Estados Unidos primeiro” non implicou, na práctica, dar pulo ao illamento senón reaxustar a globalización neoliberal

 

A política de “Estados Unidos primeiro” non implicou, na práctica, dar pulo ao illamento senón reaxustar a globalización neoliberal en beneficio desta potencia, mudando as regras de xogo. Para este fin desenvolvéronse políticas máis agresivas respecto das potencias alternativas (emerxentes), como China e Rusia. Asemade impuxo un novo reparto máis favorábel aos Estados Unidos ás potencias asociadas (Alemaña, Francia, Reino Unido, Xapón, etc) na rapina das nacións subalternas e dependentes.

Esta estratexia agresiva de Trum, aproveitando a súa actual superioridade no militar, na información e cultura de masas, no ámbito das finanzas, da especulación, ate o momento deulle resultado. Tal como se confirma no medre do PIB e a creación de emprego, no ascenso das corporacións norteamericanas no ránquing mundial, e na actitude submisa das potencias aliadas, malia que poña a orde patas arriba e os perigos que iso implica (tanto respecto dunha guerra nuclear como da desfeita ecolóxica). Pola súa banda Rusia e China, sabedoras de que o tempo xoga ao seu favor, evitan todo choque directo, ruptura das relacións, e buscan atraerse á Unión Europea e outras nacións aliadas e subalternas do imperio norteamericano.

Neste aspecto entre republicanos e demócratas hai unha postura única, unha pelexa por ver quen é máis duro para evitar un mundo multipolar

 

É verdade que tanto China como Rusia, e outros países que pelexan pola súa soberanía, toman todo tipo de medidas para construír mecanismos de protección diante das sancións e bloqueos dos Estados Unidos, mesmo en sectores como as redes, as finanzas. Mais isto leva tempo, e o Governo de Trump non deixa de tomar medidas, ou sexa, ten a iniciativa polo momento. Tamén é certo que estas dúas potencias emerxentes teñen armas nucleares, unha gran potencia industrial China, e enormes recursos enerxéticos e minerais Rusia. Porén, os Estados Unidos aínda é a maior potencia en áreas fundamentais e, sobre todo, ten tecidas antigas relacións de preeminencia  respecto doutras potencias rexionais e países subalternos que non é doado substituír ou modificar. Ademais, para alén do debate político para a galeria, neste aspecto entre republicanos e demócratas hai unha postura única, unha pelexa por ver quen é máis duro para evitar un mundo multipolar. Hai sectores demócratas que teñen unha actitude distinta, menos agresiva, porén non son determinantes na política do partido, nos medios e no ámbito económico.

Estados Unidos non vai mudar a política actual, de agresión e desprezo polos acordos internacionais, porque é a única resposta efectiva coa que conta para manter a súa hexemonía, que ademais sempre se baseou en boa medida na forza e na extorsión. Así o reflicten as súas bases no exterior, e unha historia ateigada de intervencións militares. Tamén quere obrigar a Rusia a realizar gastos excesivos para a dimensión da súa economía no eido militar, na procura de conseguir esgotala como fixo coa Unión Soviética. Este xogo agresivo, ao límite, colocando o mundo rente do precipicio, é posíbel porque a Unión Europea arroupa estas prácticas. Como se comproba en relación con Siria, Iran, Venezuela e respecto de Rusia e China, aínda que segundo o caso faga matices e escenifique certa independencia. É así porque as principais potencias que a integran participan da rapina nos países subalternos e compiten con China e Rusia.

En resumo, as ameazas de Trump dan resultados, non tanto como para conseguir (aínda) un cambio cualitativo que evite que no futuro China se coloque como primeira potencia económica e Rusia no eido militar. Porén válelle para impoñer disciplina nos países aliados e subalternos, que teñan a tentación de mudar de bando ou manter unha postura neutral, e consolidar así un bloque que lle garante a hexemonía en todos os ámbitos. Neste escenario no que Washington deu pasos tan regresivos e de inxerencia na cuestión de Iran, dos altos do Golán, e Venezuela, o interrogante máis inmediato nesta estratexia é: tomará a iniciativa de invadir Venezuela? Se fose así, será porque conta co aval explicito ou implícito non só do Brasil e Colombia, senón tamén de Reino Unido, Francia e Alemaña (e por suposto o Estado español).

Estas disputas no seo do capital agochan, por unha banda, as profundas contradicións por mor dos atrancos actuais de acumulación do capitalismo

 

Daquela, que teña tanta importancia como se resolva a cuestión da inxerencia externa en Venezuela, a presenza de tropas norteamericanas, francesas, alemáns e británicas en Siria, e de como remata o conflito do Brexit. Este último non se pode analizar sen ter en consideración que se trata dunha confrontación entre as dúas follas de ruta das clases dominantes das potencias hexemónicas. Se a súa cabeza é exclusivamente anglosaxona ou máis ampla, incluíndo a Xapón, Alemaña, Francia,...

Agora ben, estas disputas no seo do capital agochan, por unha banda, as profundas contradicións por mor dos atrancos actuais de acumulación do capitalismo, e por outro lado, o medre das tensións sociais polo grande aumento da explotación e da desigualdade entre clases sociais e territorios. Polo tanto cara o futuro hai máis dun escenario posíbel, e un sistema xusto, solidario, respectuosos co ecosistema, como a única saída garante do futuro da humanidade. As outras dan folgos á explotación e opresión, a través da violencia  ou a paz dos cemiterios.