Opinión

O triunfo de Trump amosa as fendas do capital

Contra todo prognóstico, Trump gañou as eleccións presidenciais nos Estados Unidos (USA). Ou sexa, triunfou a fracción do capital prexudicada ou menos favorecida pola globalización, polo que resulta lóxico que rexeite os tratados de libre comercio (TLCs) e non considere prioritarias as accións militares ligadas á súa expansión. Despois de todo, estes tratados afectaron negativamente a unha parte da burguesía, tendo en conta que non toda dislocou as súas empresas, e que os TLCs eliminaron 7 millóns de empregos industriais en Estados Unidos. Daquela que este cambio de Governo non sexa un feito máis, xa que cuestiona a fundo no seu discurso as alianzas internas e externas sobre as que se sustenta o imperialismo hexemónico. Só así se entende que potencias tan submisas durante décadas aos ditados de Washington, como Alemaña e Francia, fagan declaracións tan duras a respecto do novo Presidente dos Estados Unidos e mesmo lle lembren os compromisos contraídos en cuestións económicas e respecto da inxerencia en Medio Oriente.

Diante deste novo escenario a fracción hexemónica das clases dominantes, e os medios de comunicación de masas afíns, utilizan toda a artillería contra este empresario populista de dereita. Nuns casos axitando a mobilización social contra as súas declaracións ofensivas contra as mulleres, a emigración e a preservación do medio ambiente, noutros augurando que as trabas ao libre comercio causarían un desastre. Pasan por alto que a etapa de maior medre do PIB foi a do período de maior fortaleza da Unión Soviética e da independencia das colonias occidentais, despois da Segunda Guerra Mundial, nas que as políticas dominantes consistían en potenciar o desenvolvemento da produción e do consumo internos. Ademais, moitos dos economistas máis lúcidos indican que estamos de novo rente dunha nova crise, neste caso por mor da especulación financeira, alentada polas débedas soberanas, a flexibilización cuantitativa e o medre da desigualdade. Todo isto, produto da sacralizada globalización neoliberal, que dá folgos á centralización e concentración da riqueza e do poder. Como consecuencia, alentouse a supremacía da especulación, da actividade delituosa e do militarismo, en detrimento da economía produtiva, das condicións laborais dignas e do pleno emprego, do avance social e da participación democrática.

A fracción hexemónica das clases dominantes, e os medios de comunicación de masas afíns, utilizan toda a artillería contra este empresario populista de dereita

O triunfo de Trump implica moitas incertezas no futuro inmediato, tanto no eido económico como no político. E sendo Estados Unidos a potencia hexemónica, os cambios, de habelos, terán repercusións sobre todos os países do mundo. Mais, deste proceso xa podemos tirar algunhas conclusións. A primeira delas, que unha parte moi importante da sociedade norteamericana, especialmente a clase obreira, rexeita a globalización neoliberal, e que ademais a mensaxe de Trump a este respecto tivo máis forza electoral, por urxencia social, que as súas posturas regresivas en relación a cuestións como a da muller ou a ecoloxía. Segundo, os resultados das votacións evidencian que existe unha fenda moi grande entre os sectores que apoian a globalización e os que a rexeitan, non só no plano económico, senón tamén no identitario e no da construción no imaxinario individual do proxecto de futuro, cruzando transversalmente tanto a dereita como a esquerda tradicional. Terceiro, que o anterior débese a que foi perdendo o seu carácter central na esquerda o aspecto de clase, a cuestión das relacións laborais, que é esencial para a maioría do povo. Cuarto, Hillary Clinton non era unha opción progresista, xa que representa a guerra, a corrupción e a globalización, e sobre todo, máis do mesmo, ou sexa, o establishment, avanzado só nas relacións persoais. Quinto, o Partido Demócrata, ao servizo de Wall Street, impediu por todos os medios que Sanders, cun programa máis social e de oposición aos tratados de libre comercio, gañase as primarias do partido, malia que as enquisas o situaban claramente por riba do candidato republicano. Sexto, tampouco se pode ignorar que unha gran parte da povoación se abstén nas eleccións, como un síntoma máis da fenda entre os partidos políticos tradicionais e sectores moi amplos da sociedade norteamericana. Sétimo, o triunfo de Trump, sexa cal for a evolución posterior do seu Governo, deixa un pouso de fractura nas clases dominantes, e de desconfianza entre as distintas nacións capitalistas, xa que termina co mito de que todo está atado e ben atado; co que isto ten de positivo para a construción do proxecto popular.

A esta altura, ninguén ten claro que se vaian cumprir todas as promesas electorais feitas por Trump. Ante todo, porque o seu foi un triunfo máis persoal que do Partido Republicano, que manifestou durante a campaña importantes discrepancias públicas co candidato. Como será agora a convivencia co partido? Sobre que cesións mutuas se establecerán os acordos que garantan unha maioría parlamentar? As respostas a estas preguntas con toda seguridade serán contestadas en poucas semanas; levará máis tempo despexar outras incertezas. Polo momento, filtrou que seica manterá o programa de sanidade pública Medicare e non vai impulsar accións xudiciais contra Hillary Clinton (como anunciou en campaña). Sabedores destas debilidades, ás grandes corporacións transnacionais (incluíndo o complexo militar), están a utilizar o poder mediático, os famosos e os lobbys para condicionar o novo Governo en relación cos TLCs e a intervención militar exterior. Daquela que, sendo as mobilizacións na súa contra positivas para frear os posíbeis retrocesos en dereitos individuais, tamén son un arma nas mans dos poderes económicos hexemónicos, que queren utilizar o descontente social para evitar como sexa calquera medida que faga recuar ou free a globalización. A súa proposta de rebaixar a tensión militar con Rusia e China é positiva, aínda que dixo ben pouco en relación coa confrontación económica. En cambio, Hillary Clinton apostaba pola guerra (como se o perigo nuclear non lle importase), tiña unha íntima relación co nacemento do EI e mantén complicidades cos réximes de Arabia Saudita e de Catar.

A esta altura, ninguén ten claro que se vaian cumprir todas as promesas electorais feitas por Trump

Polo momento, o realmente importante é que se abriu unha fenda considerábel na estratexia das clases dominantes, como se manifestou no Brexit. Nos vindeiros meses haberá moito que analizar a respecto das consecuencias das medidas que tome o novo Governo norteamericano, e da resposta social e política no plano interno e nos países que se vexan afectados. Con seguridade, estes cambios, de se producir, incidirán sobre o futuro da OTAN e da Unión Europea, e polo tanto sobre o porvir da nación galega. O reto está en que a esquerda, tamén a nacionalista, sexa quen de aproveitar estas contradicións do capital para avanzar na construción dun mundo sen opresión e explotación.

http://manuelmera.blogaliza.org/

Comentarios