Opinión

Triunfo comunista en Turquía

Que o Partido Comunista de Turquía (TPK) conquistase o concello de Tunceli (en curdo Dersim), nas eleccións locais, acadando o 32,41% dos votos, reflicte a complexidade do momento actual en Turquía. Teñamos en consideración que ficou por riba do Partido Democrático e Popular (HDP) pro curdo, nacionalista de esquerda, que conseguiu o 27,97% dos votos, e que até agora governaba a alcaldía. Ademais derrotou á principal forza da oposición, o CHP, socialdemócrata laico; así como ao AKP partido de Erdogan, confesional de dereita, que só acadou 14,76% de apoio. 

Este resultado aínda que moi localizado é significativo cara o interior de Turquía, porque tanto Erdogan como os governos anteriores fixeron o imposíbel por afogar tanto aos comunistas como á nacionalidade curda. E para o resto do mundo, porque dende o exterior como norma analízanse os estados como se fosen espazos con características sociais e culturais comúns. Ignorase a pluralidade interna, no histórico, social, cultural e lingüística. Esta visión simplista é que a maioría dos medios divulgan, por ignorancia ou para agochar a realidade. Este esquema rachase en mil anacos cando as contradicións internas derivan en conflito, por exemplo no caso de Curdistán, Escocia, Catalunya, Euskadi, etc. Porén estas diverxencias coa visión imposta non son máis que a punta do iceberg.

O resultado obtido polo TPK en Dersim non está á marxe de que o partido de Erdogan pérdese o control das cidades máis importantes

O resultado obtido polo TPK en Dersim non está á marxe de que o partido de Erdogan pérdese o control das cidades máis importantes, como Istambul, Ancara e Esmirna. Asemade, hai que destacar que o HDP gañou en Diyarbakir, a maior cidade do Curdistán (así como en Van, Batman, Igdir, Mardin; un total de 8 cidades e 45 distritos). Mais o que ten unha relevancia en todo Turquía son os bos resultados do CHP, tanto por gañar nas seis maiores cidades, como nas provincias da costa mediterránea. A analista iraniana Nazanín Armanian (http://www.nazanin.es/) destaca como unha das causas do retroceso do AKP: “a recesión económica: depreciación da lira, unha inflación do 20%, un desemprego xuvenil do 25%, unha débeda externa das empresas privadas turcas de 250.000 millóns de dólares (...) presentouse sen éxito como un gardián da Turquía mártir”

No caso concreto de Turquía é importante saber que este estado está conformado por máis de 30 nacionalidades diferentes, das que os curdos son a maior, despois dos turcos. A loita comandada por Atatürk contra a inxerencia externa, coa caída do sultanato e o desmenbramento do imperio,  culminou coa declaración da república en 1923. Esta nova xeira primou todo o otomano, polo que respondeuse á diversidade nacional e cultural con todo tipo medidas de contención e represivas. Mais a cuestión curda segue viva, xa que constitúe un aspecto non resolto, e de inestabilidade no Próximo Oriente, xa que ademais son minoría en Iraq, Iran e Siria. Sen dúbida tratase dun conflito que só se pode resolver dándolle unha saída que garanta a capacidade de decisión do povo curdo.

Respecto da provincia de Tunceli, que é o motivo deste artigo, convén saber que está no interior de Turquía, nunha zona montañosa, e ca súa povoación vense reducindo dende hai décadas, por mor dunha forte emigración a Istambul. Segundo o xornal portugués Avante, que salienta o feito de que un comunista fose eleito alcalde de Tunceli, a capital da provincia, ten 86.000 habitantes e un censo electoral de 56.943 persoas. Polo tanto o triunfo electoral máis que cuantitativo é cualitativo (Turquía ten 82 millóns de habitantes). Que a capital dunha das 81 provincias turcas teña un alcalde comunista, que ademais representa unha minoría nacional, contradí os alicerces sobre os que está construído o imaxinario otomano e o neoliberalismo confesional de Erdogan, así como o nacionalismo kemalista socialdemócrata do CHP, ou sexa, os dous principais sustentos e versións do sistema capitalista en Turquía. 

A povoacion de Tunceli está integrada principalmente polos zazas e curdos. Os primeiros son maioría e de etnia iraní,

A povoacion de Tunceli está integrada principalmente polos zazas e curdos. Os primeiros son maioría e de etnia iraní, e polo tanto de orixe aria como os curdos. A súa relixión é a aleví. Segundo a wikipedia: “os alevís recollen valores como a humanidade, a democracia e un amplo respecto polos dereitos humanos. Séntese obrigados a cumprir estes valores dun xeito mecánico. Admiran a liberdade de pensamento e relixión”.

En relación con este tema, quero lembrar unha visita de oito días que realicei no ano 1996 ao Curdistán baixo control turco, en representación da CIG. Nesta viaxe estiven en Dersim, ademais doutras cidades curdas, como Diyarbakir e Igdir. A viaxe estaba organizada por asociacións da emigración en Francia próximas ao PKK, e nela participaron persoas de distintas forzas da esquerda e progresistas de Europa. Tamén se incorporou en Turquía, entre outros, un xornalista que militaba nun partido comunista turco en Istambul, e era orixinario da provincia de Dersim (Tunceli).

Fixen ao respecto da visita a esta cidade e provincia a seguinte reflexión: “Os alevís, que por mor da represión, son dobremente condenados, por curdos e renegados, practicamente son ateos; son maioría en Tunyeli (Dersim en curdo) onde representan o 87% dos 135.000 habitantes. Esta é a provincia máis pobre de Turquía e berce do movemento nacionalista curdo e da extrema esquerda turca. Os alevís son unha nota diferencial dentro de Turquía e o Curdistán, beben viño e cervexa, as mulleres teñen un papel semellante ao do home, visten con mini-saia ou vaqueiros. Isto, que sería común en Europa, é algo utópico mesmo nunha Turquía laica, onde o integrismo ten hoxe un peso evidente, e nas cidades vense non poucas mulleres cubertas de negro até os pés e outras cunha especie de sotana entallada ó corpo, do estilo que empregan en Alxeria. Anque no Curdistán a maioría das mulleres visten ó xeito curdo: pantalón de baixo da saia e pano na cabeza, e todo en cores moi vivas” (Unha viaxe polo Curdistán, cunha tanqueta, Tempos Novos). Lembremos que a esta altura aínda non governaba Erdogan, ou sexa, un partido confesional.

Malia os malos resultados de Erdogan nas grandes urbes, aínda non se pode considerar certa a sua derrota nas vindeiras eleccións presidenciais

Agora ben, malia os malos resultados de Erdogan nas grandes urbes, aínda non se pode considerar certa a sua derrota nas vindeiras eleccións presidenciais. Sen dúbida é un golpe que perdese cidades tan significativas como Istambul, a maior cidade do país, e Ancara, a capital de Turquía. Mais, lembremos que o seu partido, o KP, conseguiu o 51,62% dos votos emitidos, fronte ao 37,56% do CHP. Por outra banda, non se pode ignorar, que é unha caída limitada respecto das eleccións presidenciais de 2018, cando acadou un 52,4% do total dos votos. Asemade, as súas criticas aos Estados Unidos son ben vistas pola maior parte do povo, e valóranse positivamente os logros conseguidos na economía nos seus primeiros mandatos. Pesan en contra, a situación social actual, e que ficase refén do conflito sirio e da cuestión curda. Non lle será doado remontar a crise (cun 13,5% de desemprego) nun contexto tan complexo no político, tanto a nivel mundial como rexional, e no que as previsións da economía internacional non son precisamente optimistas.

Respecto da situación política en Turquía, Nazanín Armanian reflexiona: “non se pode desbotar que os novos alcaldes da oposición terminen na cadea acusados do que sexa, nen que millóns de cidadáns volvan a desafiar ao réxime nas rúas”. Daquela que se elixise un alcalde comunista, ou varios curdos e da oposición socialdemócrata, non se pode entender como exemplo de democracia. En todo caso é unha demostración máis de que a democracia representativa, cada vez máis afastada das clases populares, vai axustar a súa roupaxe a cada conxuntura, sempre en beneficio das clases e nacionalidades dominantes. Aínda que a globalización neoliberal, como proxecto tamén ideolóxico e cultural, pretenda converter a ambos conceitos en resesos, propios de épocas pasadas.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios