Opinión

Tricontinental: sementar moitos Vietnam

O 3 de xaneiro de 1966, hai medio século, comezou na Habana a Conferencia da Tricontinental co obxectivo de analizar o contexto internacional e estudar os medios máis axeitados para combater o imperialismo, o colonialismo e o neocolonialismo.

O 3 de xaneiro de 1966, hai medio século, comezou na Habana a Conferencia da Tricontinental co obxectivo de analizar o contexto internacional e estudar os medios máis axeitados para combater o imperialismo, o colonialismo e o neocolonialismo. A este encontro de solidariedade asistiron 430 delegados/as e 60 observadores/as de máis de cen países de Asia, África e América Latina. Representaban governos, partidos da oposición e mesmo organizacións guerrilleiras. A conferencia foi inaugurada polo Presidente de Cuba, Osvaldo Dorticós. A xuntanza celebrouse poucos anos despois de que os Estados Unidos impuxeran o embargo contra Cuba, en outubro de 1960, como represalia polas expropiacións de corporacións norteamericanas na illa. 

Como resultado deste evento criouse a OSPAAAL (Organización de Solidariedade dos Povos de África, Asia e América Latina). Esta iniciativa hai que considerala consecuencia do avance do sistema socialista e moi especialmente dos procesos de liberación nacional. Estes últimos terían o seu reflexo institucional no Movemento dos Non Aliñados, que deu os seus primeiros pasos na Conferencia de Bandung, Indonesia, no ano 1955. A virtualidade da Conferencia da Tricontinental na Habana é que se alargou a partidos e organizacións revolucionarias armadas opositoras aos governos nos seus respectivos países, dándolle ao encontro un carácter máis político e ideolóxico que institucional. 

"A Conferencia da Tricontinental fica na memoria de moitos/as persoas pola mensaxei que enviou ao evento Ernesto Che Guevara dende Tanzania alentado o xurdimento de moitos Vietnam"

A Conferencia da Tricontinental fica na memoria de moitos/as persoas pola mensaxei que enviou ao evento Ernesto Che Guevara dende Tanzania alentado o xurdimento de moitos Vietnam. O Che atopábase de paso nese país despois da súa saída do Congo, e mentres se preparaba para participar na guerrilla en Bolivia. Este texto reflicte o pensamento do Che sobre o papel da loita armada no proceso revolucionario: “O campo fundamental da explotación do imperialismo abrangue os tres continentes atrasados, América, Asia e África (...) As burguesías autóctonas perderon toda a súa capacidade de oposición ao imperialismo (se a tiveron algunha vez) e só forman o seu furgón de cola (...) O elemento fundamental desa finalidade estratéxica será, entón, a liberación real dos povos; liberación que se producirá: a través de loita armada, na maioría dos casos, e que terá, en América, con seguridade, a propiedade de se converter nunha Revolución Socialista”.

Daniel Pereyra en “Del Moncada a Chiapas” (Libros de la Catarata, Madrid, 1995), destaca que o Che Guevara fixo tres contribucións fundamentais aos movementos revolucionarios de América Latina: “1) As forzas populares poden gañar unha guerra contra o exército. 2) Non sempre hai que esperar a que se dean todas as condicións para a Revolución; o foco insurreccional pode crealas. 3) Na América subdesenvolvida o terreo da loita armada debe ser fundamentalmente o campo”. Engade o autor, que esta teoría está explícita no libro do revolucionario arxentino-cubano “Guerra de Guerrillas” (Cuba, 1960), e posteriormente complétase na Mensaxe á Tricontinental. Será o que na América Latina se coñeceu como a “teoría do foco”, e os que a practicaban eran chamados “foquistas”. Un propagandista do foquismo foi, na década dos sesenta, o escritor francés Regis Debray, en “Revolución na Revolución” (1967), que posteriormente refugaría esta folla de ruta con “Critica ás armas” (1974).  Participou nun primeiro intre no grupo armado do Che en Bolivia. 

"No seu discurso, Fidel Castro afirmou: “ninguén se faga ilusións de que conquistará o poder pacificamente en ningún país deste continente"

En agosto de 1967 organizouse tamén na cidade da Habana a primeira conferencia da Organización Latinoamericana de Solidariedade (OLAS). No seu discurso, Fidel Castro afirmou: “ninguén se faga ilusións de que conquistará o poder pacificamente en ningún país deste continente (...) Isto non quere dicir que hai que coller un fusil mañá mesmo, en calquera sitio, e empezar a combater”. En outubro dese ano, o grupo de guerrilleiros comandados polo Che Guevara en Bolivia sería desarticulado polo exército, e o Che asasinado, despois de ser detido o día 8 de outubro. A OLAS, como sección latinoamericana da OSPAAAL, perdía parte da súa razón de ser, aínda que seguiu viva durante toda a década seguinte. 

A consigna de “dous, tres... moitos Vietnam” coa que se orientaba a mensaxe do Che Guevara na Tricontinental seguiría dando forza ao movemento guerrilleiro no continente. Tamén a polémica no seo da esquerda marxista, entre aqueles que coidaban necesaria a loita armada e os que apostaban pola coexistencia pacífica, doutrina de Khrushchov na Unión Soviética (1956). Fidel Castro e o Che Guevara mantiñan diferenzas neste aspecto co PCUS, o que os confrontou cos partidos comunistas na América Latina (por exemplo co de Venezuela). Isto causou a ruptura de moitos destes partidos e o nacemento de novas forzas revolucionarias. A esta fenda producida polo triunfo da revolución armada en Cuba sumouse a confrontación chino-soviética sobre a coexistencia pacífica. 

"Asemade, existían as diverxencias na caracterización e no modelo de sociedade a construír, na folla de ruta, na política de alianzas, e nos métodos de traballo entre as forzas de esquerda que propuñan a loita armada"

Asemade, existían as diverxencias na caracterización e no modelo de sociedade a construír, na folla de ruta, na política de alianzas, e nos métodos de traballo entre as forzas de esquerda que propuñan a loita armada. O profesor cubano Alberto Prieto, en “Las guerrillas contemporáneas en América Latina” (Ocean Sur, Colombia, 2007) fai a seguinte caracterización: “Unha tendencia defendía a práctica do foco guerrilleiro para iniciar a revolución. Os maoístas esgrimían a guerra popular prolongada do campo á cidade. Os trotskistas crían na autodefensa campesiña. Os vangardistas opinaban que era privilexio duns poucos integrantes dunha elite revolucionaria urbana derrubar o réxime burgués. Os militaristas rexeitaban a loita política”. Como sinala este autor, as diferenzas de folla de ruta e/ou de programa entre as forzas guerrilleiras debilitaron a loita armada, favorecendo a represión. 

Marta Harnecker salienta algunhas das eivas do movemento guerrilleiro nesa etapa, no seu libro América Latina, izquierda y crisis actual (Siglo Veintiuno Editores, México, 1990): “Moi poucas veces o debate céntrase na realidade nacional, na maioría das ocasións discútense modelos, non só foráneos, senón ademais caricaturizados. Discútese sobre caricaturas da insurrección bolxevique, do foco guerrilleiro, da guerra popular prolongada, da guerrilla urbana do cono sur, etc. As polémicas son tan agres, que non se logra rescatar nada do positivo da experiencia do contrincante político”.

"Na maior parte dos casos, a loita armada carecía de apoio de masas, e que estas non se ergueron co agromar do “foco guerrilleiro” que tampouco alentou a súa mobilización e organización"

Mais, o foquismo, fose rural ou urbano, sería daquela o método de loita que maior forza tivo entre os movementos guerrilleiros na América Latina. E a praxe reflectiu que na maior parte dos casos, a loita armada carecía de apoio de masas, e que estas non se ergueron co agromar do “foco guerrilleiro” que tampouco alentou a súa mobilización e organización. Faltaba traballo previo, e considerar a achega política no eido laboral e social como esencial... Ademais, moitos dos mellores cadros do movemento de masas foron captados para a estrutura armada. Fíxose unha lectura esquemática da Revolución Cubana e considerouse que se podía facer unha copia noutros países de América Latina, esquecendo as distintas realidades e evolucións históricas. E isto foi unha eiva, tanto do foquismo, como daqueles que daban un papel destacado ao movemento de masas, como a insurrección popular ou a guerra popular prolongada. 

As eivas do foquismo non cuestionan a necesidade da loita armada no continente, naquel intre, ateigado de ditaduras e represión, senón como se desenvolveu o proceso, como evidencian os resultados, malia a entrega militante de milleiros e milleiros de activistas. Houbo outras experiencias de loita armada que obtiveron maior éxito, como as FARC en Colombia, o FPL en Salvador, o FSLN en Nicaragua, porén son procesos afastados do foquismo. 

Texto da Mensaxe á Tricontinental do Che Guevara 

http://manuelmera.blogaliza.org/