Opinión

A trampa do tacticismo electoral

Que o Partido Popular sexa derrotado nas vindeiras eleccións galegas é un paso necesario para iniciar unha viraxe que permita desenvolver a economía e xerar emprego digno, realizar políticas de protección social, e fortalecer a identidade nacional galega (lingua, cultura, coñecemento do país e da historia propia, etc.). Mais avanzar nestes cambios é imposíbel, neste tempo histórico, sen confrontar co capitalismo, sen realizar importantes mudanzas no modelo económico e social, sen conquistar a soberanía. 

Para entendermos plenamente o contexto, non podemos obviar que ficamos no medio dun acelerado proceso de concentración e centralización da riqueza e do poder no mundo, e que o ámbito  institucional non é máis ca un reflexo da correlación de forzas. Tamén debemos ter en consideración que a alta burguesía posúe, malia o carácter senil do capitalismo nesta etapa (Samir Amin), unha inmensa hexemonía no económico, militar, así como no eido da información e da formación das ideas e dos comportamentos sociais e políticos. Isto reflíctese claramente no retroceso da mobilización contra as medidas de axuste social nas potencias imperialistas e na súa periferia máis próxima (por exemplo na Galiza), e tamén no aumento das de intervencións e agresións naquelas nacións que queren realizar políticas soberanas. Son as dúas caras da mesma tendencia dominante, esa que favorece os intereses das grandes corporacións e fortunas.

Ficamos no medio dun acelerado proceso de concentración e centralización da riqueza e do poder no mundo  

Como parte desta tendencia que vai a máis, Galiza perdeu boa parte das competencias cedidas (da autonomía administrativa), do tecido produtivo e do control das empresas do país. Por se non abondase, está sometida ás decisións de Madrid e Bruxelas, que dan novos folgos a este duro axuste entre territorios así como entre clases. Con estes corsés, os cambios posíbeis serán sempre mínimos (e insuficientes) para reverter a tendencia actual, por máis peso institucional que se teña, dende un aparato administrativo tan limitado como o da Autonomía. A menos que se conte cunha sociedade mobilizada, organizada, e que faga seus uns obxectivos e unha folla de ruta estratéxica de liberación no social e no nacional para esta etapa.

Tampouco deberíamos esquecer, xa que o nacionalismo galego ten unha experiencia custosa neste aspecto, que de non se facer os cambios que o povo espera, malia se realizar un traballo inxente, a Xunta pódese perder nas seguintes eleccións galegas (serva de exemplo o bipartito), así como unha boa parte do prestixio político. E, canto máis grandes son as propostas de transformación por parte dunha forza política maiores son as esixencias dos votantes (e do povo en xeral), e os fracasos teñen consecuencias de maior calado (por iso os incumprimentos teñen máis castigo para a esquerda que para a dereita). A xente non valora co mesmo prisma os que procuran mudar o sistema que a aqueles que só o queren xestionar. Ademais os/as votantes de cada partido non teñen a mesma escala de prioridades, xa que inciden razóns socio-económicas, así como culturais, relixiosas, etc.

Canto máis grandes son as propostas de transformación por parte dunha forza política maiores son as esixencias dos votantes

Malia que, en principio, derrotar á dereita nas eleccións galegas sería un paso adiante, esta valoración só será acertada para o nacionalismo se durante a lexislatura se realizan cambios significativos a prol das clases populares. De non ser así, podería significar a destrución total do proxecto político, máxime existindo o antecedente do bipartito, porque escenificaría por segunda vez que falta folla de ruta, que a dirección non está á altura das circunstancias. E ninguén valora, e polo tanto se organiza e vota, un proxecto que non é capaz de transmitir fortaleza e cumprir os obxectivos que afirma son a súa razón de ser. Polo tanto, mesmo  no seo dunha coligazón, os maiores custes son sempre para a forza da que máis se espera, como é lóxico, por máis que desenvolva unha xestión moi eficaz nos marcos do sistema. 

A derrota do Partido Popular, tanto a nivel do Estado como na Xunta, só abre unha porta. E dependerá dos obxectivos, da folla de ruta, da fortaleza das forzas transformadoras e da  vontade política que se produzan os cambios necesarios a prol das clases populares. E iso vai para alén da xestión. Para conquistar cambios e construír poder popular é necesario rachar cos corsés que coloca o capital, o imperialismo, que atrancan as políticas autónomas que contrarían a lóxica globalizadora e neoliberal. Significa, no caso de Galiza, que en todo momento e ámbito cómpre confrontar con Madrid e con Bruxelas, recuperando espazos de soberanía nacional e popular, tanto conquistando novas competencias blindadas, como mediante a toma de decisións unilaterais da Xunta de Galiza. Ou sexa, ficamos nunha situación de disputa, entre os dereitos do povo e unha legalidade opresiva imposta polo Estado español (as súas clases dominantes). E neste último aspecto, o que está a suceder en Catalunya é unha experiencia a termos en consideración (sen copiar), moi especialmente na consolidación de novos espazos de decisión e xestión autónoma, que implican a conquista de ámbitos de autogoverno (paso previo a unha declaración de independencia, para a que cómpre unha hexemonía social e política, tamén necesaria para os que só aspiran a un Estado Confederal). 

Ficamos nunha situación de disputa, entre os dereitos do povo e unha legalidade opresiva imposta polo Estado español

Non é posíbel que o nacionalismo galego de esquerda acade estes obxectivos facendo de muleta de Podemos e das súas confluencias. Tampouco axuda a acumular conciencia nacional de esquerda favorecer o éxito do seu discurso, que xira arredor da revalorización de España, aínda que acepte un Estado plurinacional (na teoría e por rendibilidade electoral nas nacións oprimidas), e non racha co proxecto da UE. É necesario construír dende Galiza e para o povo galego, como fixo o BNG durante décadas, ter un discurso e unha práctica propia e centrada nos intereses das clases populares. Só así a conciencia política e social, o debate público, e todas as enerxías do povo poderán estar en función da liberación nacional e social. Só así, poderase desenvolver unha economía autocentrada, sostíbel e ao servizo das maiorías sociais, lograr que a democracia sexa participativa, e que o fortalecemento da cultura e linguas propias teña efectos reais. E estes avances só serán posíbeis se non están supeditados ao que acontece e se decide polos partidos españois en Madrid, Bruxelas ou calquera outro centro de poder exterior. 

http://manuelmera.blogaliza.org/