Opinión

Todo depende da correlación de forzas

Se temos en consideración a situación laboral, as manifestacións do 1º de maio terían que ser masivas, porque a precariedade non deixa de medrar e os salarios manteñen a tendencia á baixa. Practicamente todo o crecemento do PIB é absorbido polo capital, cada vez máis concentrado e centralizado (unha gran parte das empresas galegas pasaron a mans de capital foráneo nestes anos), co que isto implica en relación á investigación e ao afastamento dos centros de decisión.

Como teño insistido en moitos artigos, esta tendencia regresiva afecta especialmente as condicións de vida da clase traballadora, así como a outras camadas populares, e aplícase mediante varias vías: salarios máis baixos, maiores xornadas e ritmos de traballo, aumento da presión fiscal, menores prestacións e servizos públicos. Como consecuencia, mentres no ano 2009 os ingresos do traballo representaban un 48% do PIB, hoxe só atinxen o 42,9%. No mesmo período as rendas do capital pasaron do 43,8% ao 47,1%. O traballo perdeu 1,1 puntos só no ano 2016, o mesmo que creceron os ingresos dos empresarios/as e autónomos/as en relación ao PIB.

Os dados anteriores reflicten que a hipótese da patronal e dos partidos sistémicos segundo a cal cando medre a economía crecerá o emprego e aumentarán os salarios en igual proporción, é pura fantasía. Aínda que algúns sindicatos mercan esta mensaxe porque lles é funcional, dado que son simples xestores do pacto social. Hoxe co mesmo PIB que no ano 2009 hai 156.000 persoas ocupadas menos na Galiza, e os salarios perderon como media un 18% no segmento con menores ingresos, mentres que no tope superior aumentaron un 3% neste período. Conclusión obxectiva que confirma a historia do movemento obreiro: o capital nunca vai aumentar os salarios e mellorar as condicións de traballo se non se ve forzado a facelo. A loita de clases existe!

Os dados anteriores reflicten que a hipótese da patronal e dos partidos sistémicos segundo a cal cando medre a economía crecerá o emprego e aumentarán os salarios en igual proporción, é pura fantasía

A cobiza e as arelas de poder no capitalismo non teñen máis límite que a falta de man de obra e unha correlación de forzas máis favorábel ás clases traballadoras. A primeira condición, na globalización neoliberal é pouco doado que se dea, polas migracións masivas, a deslocalización empresarial, e a libre circulación de mercadorías e capitais baixo o único principio da rendibilidade corporativa. Polo tanto, calquera progreso nas condicións laborais depende en exclusiva da correlación de forzas, da capacidade de organización e mobilización da clase traballadora para mellorar as condicións laborais e sociais.

Agora ben, estes avances do traballo sempre serán limitados e pódense perder en pouco tempo (porque se está a remar contra a corrente) se as transformacións non se trasladan ao sistema. E isto implica dar o debate no eido das ideas, cunha alternativa estratéxica emancipadora e unha folla de ruta propia, e ter unha presenza hexemónica na rúa e nas institucións políticas. Para desenvolver a primeira destas tarefas, no marco da empresa e da sensibilización sobre a problemática, cómpre unha central sindical de masas e combativa. Mais para mudar a situación realmente, confrontando co capitalismo, é necesario e inevitábel contar cun partido da clase traballadora.

Estes avances do traballo sempre serán limitados e pódense perder en pouco tempo

Despois, tacticamente ou nesta etapa, este partido de clase pódese integrar nunha fronte, cando se trata dun proceso de liberación nacional. Mais sempre debe colocar os obxectivos da clase traballadora na mesma orde de prioridades que a cuestión nacional, máxime cando na teoría se consideran interdependentes. Sobre todo nunha sociedade como a galega, onde máis do 80% da povoación ocupada é asalariada, non existe burguesía nacional, e o proceso de liberación non se albisca como inmediato neste intre. Só así mudará realmente a correlación de forzas, no interno e no externo. Sen partido da clase traballadora, que o sexa na praxe, ou sexa na teoría e na práctica, non se conquistará a democracia popular e a soberanía.

http://manuelmera.blogaliza.org/