Opinión

Tixolo a tixolo

Ficamos nunha conxuntura histórica como consecuencia da crise do sistema capitalista, acentuada pola pandemia. Ou sexa, atopámonos nun intre onde a disputa entre potencias é tan aguda que se pode transformar a realidade da humanidade, abrindo ademais unha nova etapa na loita de clases. Mais este cambio, que podería ser favorábel ás clases populares e nacións subalternas, non está garantido e pode substituírse (por un tempo) utilizando novas medidas represivas e realizando cambios cosméticos. Polo tanto a esta altura son varios os escenarios posíbeis, polo que ninguén sabe cando se vai producir este cambio cualitativo, tanto no aspecto nacional como social, porque implica un mundo multipolar e unha forte modificación da correlación de forzas a prol das clases populares. E neste aspecto, ademais da planificación e organización en cada país, é fundamental que en distintos lugares e mesmo por diferentes razóns xurda e se estenda a ruptura co capitalismo. 

Nen a Revolución Francesa, nen a Rusa, nen a Cubana, nen moitas outras que se deron na historia da humanidade estaban escritas, foron proxectos que se desenvolveron sen data predeterminada de asalto ao poder e éxito garantido. E esta perspectiva é igual de valida para a situación internacional e nacional na actualidade, malia a forte disputa entre potencias por manter unha hexemonía única ou partillada. Este último sería un mellor escenario para as nacións subalternas. Isto é valido tamén para aquelas nacións, como Galiza, que carecen de soberanía para se desenvolver en todos os aspectos, dende o económico até o cultural. 

Nas colonias, neocolonias e países dependentes a ruptura, a transformación, hai que construila tixolo a tixolo, fortalecendo e ampliando o

En resumo: nas colonias, neocolonias e países dependentes a ruptura, a transformación, hai que construila tixolo a tixolo, fortalecendo e ampliando o suxeito social e político revolucionario, preparándoo para aproveitar o momento oportuno, e rexeitando o desalento que agocha o derrotismo de facelo todo dentro do marco imposto dende o exterior polas clases dominantes. Tampouco existe cambio posíbel asumindo actitudes románticas, mesmo que verbalmente ofrezan conquistar o ceo para as clases populares, cando obvian a realidade, a correlación de forzas, o estado de ánimo, o contexto interno, rexional e internacional. O proceso, as etapas intermedias, os métodos de traballo, están condicionados pola situación obxectiva e subxectiva. Cando se fala e practica a política de fronte asúmense as limitacións de partida.

Neste contexto e conxuntura histórica é fundamental para o proxecto de cambio ligar os obxectivos estratéxicos (revolucionarios) coas propostas que implican avances sociais e democráticos que nos fortalecen no marco do sistema (reformismo) cando o desbordan aínda que sexa parcialmente. Porén para que se perciba deste xeito pola sociedade é esencial a participación (con protagonismo!!!) da clase traballadora e outros sectores populares, para que cree conciencia política, fortaleza o estado de ánimo, e alente a participación organizada na loita a prol da liberdade, xustiza social, igualdade, e a solidariedade. Dar a batalla na primeira liña ten como obxectivo ir desbordando acotío o marco do cerco, con coherencia e teimosía, isto é o que fai do suxeito político unha forza rupturista. Só deste xeito pódese ofrecer unha alternativa que supere o reformismo sistémico, que é a expresión do derrotismo da acción política da esquerda. Porén tamén para deixar en evidencia ao vangardismo, afastado da maioría social, e que se refuxia na simple proclamación verbal dos obxectivos finais. O conflito laboral e social, a mobilización, organización, presenza nas institucións, e a difusión-debate-politización, son as armas máis efectivas que posúe o povo, e todas elas necesarias e complementarias para avanzar nas conquistas estratéxicas.

Trátase de ligar as reclamacións primarias (que a povoación olla como necesarias e ve como posíbeis, e que contan coa súa complicidade) á mensaxe e aos obxectivos transformadore

Polo Tanto, trátase de ligar as reclamacións primarias (que a povoación olla como necesarias e ve como posíbeis, e que contan coa súa complicidade) á mensaxe e aos obxectivos transformadores da vangarda política (o proxecto estratéxico). Polo que as organizacións sindicais e sociais de base teñen un papel importante no proceso liberador, onde o partido revolucionario debe ser aglutinador e forza motriz. Este é hoxe o único xeito de ofrecer e construír unha folla de ruta que poda ser asumíbel pola maioría social, mudar a correlación de forzas, e polo tanto ser capaz de conquistar a liberación nacional e social das clases populares. Daquela que sexa esencial ampliar os conflitos, convertendo o que é local en nacional, o que é de empresa en sectorial, o que é de sector en nacional, sempre que sexa posíbel. E para isto é fundamental a socialización dos conflitos, das alternativas, da folla de ruta, das medidas represivas, do papel que cumpre cada clase, sindicato e partido,... trátase de dar argumentos, de clarificar, de politizar e organizar.  

Ou sexa, é necesario o debate, a análise e axitación. É esencial comunicación e dialogo coa sociedade. A información e formación ten un papel de primeira orde na construción do cambio, daquela a importancia de utilizar todos os medios (panfleto, mural, radio, televisión, redes, charlas, actos...) tanto de medios propios como próximos, e cando haxa oportunidade mesmo daqueles que forman parte do engrenaxe do sistema. Por algo Simón Bolívar, liberador de varios países oprimidos polo Reino de España,  dixo cando saíu o primeiro número do Correo do Orinoco, que este xornal era máis importante que 200 canons; algo semellante representou para o Partido Bolchevique o Iskra. O cambio constrúese tixolo a tixolo, organizadamente, coa complicidade do povo, na fábrica, comercio e oficina, no barrio, no centro de ensino, no bar, na rúa... na loita das ideas, na práctica cotiá.

https://obloguedemera.wordpress.com/