Opinión

Que tipo de turismo queremos?

Para alén do acerto ou non da resposta dalgúns grupos á masificación turística [1], este debate chegou para se manter, mentres non se lle dea unha solución axeitada a un problema que causa descontente en sectores cada vez máis amplos da povoación residente. Sen dúbida, o turismo provoca o aumento dos prezos na hostalaría e no aluguer de apartamentos, naqueles lugares nos que existe unha invasión dos lugares públicos, ou cando menos daqueles máis céntricos. Dende o Governo central, a Xunta de Galiza e a patronal, especialmente a ligada ao sector, arguméntase que se trata de lugares e momentos moi puntuais, e que o turismo é unha actividade moi importante para o medre do PIB. Seica no caso de Galiza xa representa máis de 10% do PIB. E por suposto, ponse unha grande énfase na xeración de emprego, porque se sabe que esa é unha cuestión sensíbel entre as clases populares.

O tema precisa unha reflexión previa: ningunha actividade económica pode ter un custo, en termos sociais, económicos, culturais e medioambientais, máis grande que os beneficios que dela se obteñen colectivamente. E perda de espazos públicos, o aumento dos prezos de determinados produtos (e sobre todo, do custo da vivenda, que é unha parte importante do gasto das familias), son aspectos que non se poden ignorar, ou ter por cuestións menores. A partir desta valoración previa, hai dous aspectos que cómpre analizar máis detidamente. Refírome á importancia real do turismo sobre unha economía como a galega. E ademais, á necesidade de debater co rigor necesario, se o noso país debe (e pode) apostar por este sector como unha actividade estratéxica para o seu desenvolvemento. Analicemos entón un chisco estes dous aspectos para centrar máis o debate.

Non se pode negar que o turismo medrou moito, especialmente en número de persoas chegadas a Galiza nos últimos anos. Débese a dúas razóns fundamentais: situacións negativas que afectan a estados competidores (Turquía, Tunisia, Grecia, Exipto, etc), e unha certa recuperación na UE, especialmente do PIB e en menor medida do emprego (aínda que neste último caso, as condicións laborais seguen unha tendencia regresiva). Porén, afirmar que representa 10% do PIB e dos asalariados/as non reflicte a realidade. Segundo o número de afiliacións á Seguridade Social no ano 2016, todo o sector da hostalaría atinxía as 73.441 persoas, dun total de 953.775, ou sexa: 7,7%. Ademais, estas persoas atenden os consumidores residentes, que son moitos máis que os turistas en calquera época do ano, no caso do noso país.

O turismo medrou moito, especialmente en número de persoas chegadas a Galiza nos últimos anos

 

Dende a Xunta dáse unha cifra de 4.300.000 turistas no ano 2016. Mesmo se pasasen aquí unha semana, que non é o caso (pensemos nos que chegan en cruceiros por un día), na media do ano representarían 3% da povoación. Mais semella unha sobrevaloración en relación ao consumo, dado que afecta esencialmente a gastos de estancia, comidas, e obxectos de recordo. Non son poucos os comerciantes que denuncian que boa parte do turismo é de mochila, que realiza un gasto mínimo, e que mesmo é inferior este ano ao do 2016. Todo indica que se está esaxerando o fenómeno do turismo no referente á súa contribución ao PIB e tamén ao emprego, cando menos no caso galego. Non será que se pretende xerar unha sensación ficticia de crecemento, para alentar o investimento e o consumo, e forzar así o crecemento, e ao mesmo tempo, frear o descontente social, creando unha falsa sensación de bonanza?

Agora ben, o centro do debate é se este sector é estratéxico para Galiza ou non. É dicir, se é unha actividade capaz de xerar emprego, tanto en cantidade como en calidade, e ao mesmo tempo inducilo noutras actividades económicas. Así sucedeu historicamente coa industria: automoción, naval, confección, pesca, lousa, granito, enerxías alternativas, etc. Asemade, non se pode obviar que o turismo na Galiza está moi centrado nos meses de vran, con contratos temporais e con salarios baixos. As nacións e autonomías do Mediterráneo salvan esta poza mediante o turismo da terceira idade, grazas ao papel tractor do INSERSO. Non semella que existan as condicións políticas e xeográficas para que Galiza obteña esta axuda na mesma medida, Ademais, como xa se dixo, unha parte importante do turismo que chega é de mochila, de estadías moi cortas, e cun consumo moi baixo. Tampouco se pode ignorar, que calquera razón externa, ou situación de inestabilidade interna (real ou creada polos medios hexemónicos), pode reducir rapidamente o número de turistas. Isto estaba escrito antes dos atentados terroristas en Catalunya, que sen dúbida terán o seu efecto, como aconteceu antes en París, por poñer un exemplo.

Non se pode obviar que o turismo na Galiza está moi centrado nos meses de vran, con contratos temporais e con salarios baixos

 

Polo tanto, trátase dunha actividade que se debe repensar polo miúdo. Tanto para evitar os seus efectos nocivos: converter os espazos públicos nun pesadelo para os residentes (por exemplo cun imposto turístico, regulando o tema dos apartamentos, etc). Como para que se optimicen os beneficios económicos, procurando que aumente o gasto, e apostando por unha mellora das condicións laborais. Hai que primar un turismo de calidade. Dá que pensar que o Estado español reciba o mesmo número de turistas que Estados Unidos, e este triplique os ingresos por ese concepto. Algo falla.

Temos 85.000 asalariados/as menos que hai oito anos, medrou a precariedade e os salarios perderon 9,2% do poder adquisitivo durante a crise

 

En calquera caso, non di moito a prol do governo galego que mida tan mal o seu efecto sobre o conxunto da economía, e non vexa os problemas que alenta. Sería bo que papase un pouco de realidade, e que pense que o povo fai números e valora os atrancos e os beneficios. Por exemplo, que temos 85.000 asalariados/as menos que hai oito anos, que medrou a precariedade, e que os salarios perderon 9,2% do poder adquisitivo durante a crise. Máis do que representa o gasto do turismo exterior que tanto aloumiña a Xunta (dá que pensar). Non se pode fuxir da realidade. Para a nosa nación, a cuestión principal segue a estar na potenciación da industria transformadora (comezando por completar os ciclos produtivos do sector primario) e dar pulo ás empresas que achegan anovación e tecnoloxía. Tampouco se debería ignorar a importancia de ampliar os servizos básicos, sobre todo os de atención á dependencia. Para poder avanzar por este camiño, é esencial un reparto xusto do traballo e da riqueza. Unha economía baseada nestes alicerces beneficiaría a todas as comarcas, tamén ás rurais, hoxe abandonadas.

http://manuelmera.blogaliza.org/

[1]. Por exemplo, en Catalunya a campaña das CUP non axuda a centrar o debate principal, que é o referendo, e ademais, pode dividir neste aspecto a base favorábel á independencia, con accións demasiado contundentes para un debate no que as posturas de esquerda non están aínda abondo socializadas.

Comentarios