Opinión

Tendencia dominante e cambios posíbeis

Os últimos feitos, guerra na Ucraína e Cumio das Américas, entre outros, deixan en evidencia que os Estados Unidos e aliados seguen a ter a hexemonía en ámbitos como o militar, financeiro e da comunicación, e mesmo na iniciativa, mais, mesmo así, a tendencia dominante apunta a un futuro escenario no que van rapidamente perdendo relevancia. Poderíase poñer como exemplo a saída apresurada de Afganistán ou a actitude ambivalente de Turquía. Feitos aos que neste intre hai que sumar o búmerang contra USA e a UE que están resultando as sancións aplicadas contra Rusia.

Ademais, as potencias occidentais como carecen a esta altura doutra alternativa que non sexa a militar, asociada á demonización do adversario, e á estratexia a aumentar a dose das sancións (para converter o cuantitativo en cualitativo), o que non fai máis que multiplicar o efecto negativo non só sobre a economía mundial, senón sobre aqueles que as utilizan para esmagar á Federación Rusa. Consecuencias deste tipo non foron tan evidentes en Cuba e Venezuela, e outros países sometidos a un bloqueo propio da Idade Media, mais tamén reflectiron as limitacións e consecuencias colaterais, o que se multiplica cando se trata dunha potencia das dimensións de Rusa. Nos primeiros países que lembrei lesionou e lesiona ás clases populares e ao comercio externo, mais non conseguiu torcer a vontade política do povo. No caso de Rusia engádese a súa dimensión (un PIB próximo aos 5 billóns de dólares). Ademais, ao sumar aos países anteriormente sancionados as sancións terminan afectando ao conxunto da economía mundial, xa moi machacada pola pandemia, a desfeita ecolóxica, a desigualdade, a violencia, a especulación...

Daquela que aínda que Washington tomase a iniciativa arrodeando a Rusia e China militarmente, para condicionar a súa forza nuclear nun caso, e poder económico no outro, deixando a un lado os conflitos “menores” (por exemplo Afganistán), non valorou correctamente o efecto das sancións. Tampouco o fixo respecto da capacidade militar de Rusia, dos lazos tecidos por esta con China, e outras nacións de Asia, África e América Latina, e da ambivalencia das potencias rexionais (India, Turquía, Brasil, Indonesia, Arabia Saudí, México...) que buscan ter un rol máis importante na cadea de valor e gañar en soberanía.

Como resultado destas fendas, produto das contradicións e límites da globalización neoliberal, e dun mundo no que USA, malia seus erros e debilidades, aínda é hexemónica en varios ámbitos, o que condiciona as actitudes ambivalentes dalgúns estados. Por exemplo a decisión tomada polos países produtores de petróleo en relación ás esixencias de Washington, dando unha de cal e outra de area; o fracaso do Cumio das Américas, ao faltar presidentes como o de México, recibir a criticas doutros como os da Arxentina e Chile por non estar convidados Cuba, Venezuela e Nicaragua. Ou que Turquía se opoña á entrada de Suecia e Finlandia na OTAN, para facer valer a súa propia axenda expansionista. Son actitudes impensábeis hai poucos anos, máxime cunha situación tan tensa no eido militar e xeoestratéxico.

O mundo está mudando. Até que punto o resultado da guerra na Ucraína acelerará as transformacións, así como a cuestión ecolóxica, o baixo crecemento do PIB, as migracións masivas, o medre da violencia, e das contradicións entre centro e periferia e entre clases sociais? Sen dúbida importa o que se faga en cada nación, a correlación de forzas, porén estes feitos sempre estarán moi ligados á cuestión internacional. Daquela a importancia de telos presentes.