Opinión

Syriza, Podemos, a vía morta do atallo

O Governo de Tsipras gañou un chisco de tempo, catro meses. Isto pódelle valer para preparar un plano alternativo, ou sexa, a saída do euro (e despois da UE)

O Governo de Tsipras gañou un chisco de tempo, catro meses. Isto pódelle valer para preparar un plano alternativo, ou sexa, a saída do euro (e despois da UE). Tamén para seguir o camiño dos seus antecesores, vendendo ao povo grego que a única vía é aceptar submisamente as regras de xogo neoliberal da Unión Europea. Mesmo sabendo que o futuro non está escrito, todo amosa que se está percorrendo o último dos escenarios, por máis que se teime en presentar como un triunfo o que no esencial é unha claudicación. Así o albisca tamén o sector de esquerda de Syriza, como o euro-deputado Manolis Glezos que publicou un comunicado moi critico sobre o proceder do Governo nestas negociacións, e que terminaba pedindo desculpas ao povo grego “porque eu tamén tomei parte na creación desta ilusión”.

"Esta estratexia que todo o supedita aos negociadores, constrúe no subconsciente colectivo a falsa idea de que o poder na UE é sensíbel aos padecementos e reclamos das clases populares"

Asemade, esta actitude tan optimista por parte do Governo grego resta máis que suma para manter unha sociedade mobilizada, algo que é fundamental para defender os intereses do país diante de forzas tan poderosas. Esta estratexia que todo o supedita aos negociadores, constrúe no subconsciente colectivo a falsa idea de que o poder na UE é sensíbel aos padecementos e reclamos das clases populares, e que mediante as negociacións iranse acadando avances importantes que permitirán rematar coas políticas de austericidio. En resumo, que as solucións están condicionadas máis polos argumentos e a teimosía, que polos intereses de clase e a correlación de forzas. Na práctica, néganse as leis fundamentais que rexen a historia da humanidade, para alén de situacións moi conxunturais. 

O acordo do eurogrupo, que aprobou un texto pactado previamente pola Troika, máis os ministros de facenda de Alemaña, Italia e o presidente grego, implica liquidez para a banca e o Governo heleno, porén coa condición “de que Grecia cumpra os requisitos pactados” e un calendario moi preciso. A primeira condición para liberar os recursos é que Atenas presente unha listaxe de reformas o luns 23 que deberá aprobar o eurogrupo o martes. Polo momento, isto significou que se aprazou a tramitación de lei contra os desafiuzamentos, e que outras medidas, como o aumento do salario mínimo fica adiada. Ademais, Grecia terá que pasar varios exames para contar cos préstamos, o primeiro dentro dun mes. Non se pode falar polo tanto dunha vitoria como proclamaba Tsipras, se a continuación manifesta, en clara contradición, que o povo terá que facer sacrificios.

"Sen soberanía real, cambios sistémicos que rachen coas regras de ferro da globalización neoliberal, e que impliquen un control sobre o movemento de capitais e o sistema produtivo, non é posíbel que consigan resultados significativos".

Seica o camiño “salvador” que vai utilizar Syriza é o da loita contra a fraude fiscal, que de se corrixir permitiría eliminar o déficit público e reducir a débeda. Mais, non é unha tarefa sinxela, porque na Unión Europea, e na maior parte do mundo, hai neste intre unha guerra por atraer capitais mediante a rebaixa de impostos ás empresas e grandes fortunas, mesmo de procedencia opaca, e a evasión fiscal é o pan de cada día para os que máis teñen. Sen soberanía real, cambios sistémicos que rachen coas regras de ferro da globalización neoliberal, e que impliquen un control sobre o movemento de capitais e o sistema produtivo, non é posíbel que consigan resultados significativos. E aplicar estas medidas leva o seu tempo. Ademais, como nun principio esixía Syriza, a permanencia na eurozona implicaría, como mínimo, unha quita importante dunha débeda que se debe considerar odiosa. Mesmo así, na práctica, as regras de xogo existentes seguirán a recrear a desigualdade entre clases e territorios, polo que sería só un parche conxuntural que obrigaría a tomar en pouco tempo medidas máis radicais.

Encol de Syriza e as limitacións do seu programa e da folla de rota que propuxo, publiquei neste xornal varios artigos, co obxectivo de poñer algo de racionalidade ás expectativas que espertou na sociedade. Ilusión que alentaron algúns medios de comunicación e unha actitude derrotista no debate ideolóxico por unha parte da esquerda. Non se pode pasar por alto que a evolución, a composición social, e a estratexia e programa, permiten caracterizar unha forza. E neste caso, tanto Syriza como Podemos, alén das diverxencias na súa construción e de que asuman ou non a confrontación entre esquerda e dereita (ou sexa a tradición marxista), manifestaron por activa e por pasiva que acepten plenamente como marco a UE e a eurozona, ou sexa: un campo de xogo que favorece o capital e os centros de poder, aspectos que están nun proceso ascendente. 

 "A realidade é teimosa, e a práctica reflicte os límites da estratexia da socialdemocracia, que máis unha vez resulta unha vía morta"

Tampouco se pode esquecer que ambas as forzas propoñen a mesma folla de rota: conquistar as institucións, alentar proxectos semellantes noutros estados, e convencer a Troika de que mude a súa política económica e social. Como se repetir o fenómeno Syriza e Podemos fose tan sinxelo, e en todas partes se contase coa complicidade táctica dunha parte dos medios de comunicación hexemónicos.  Ignorando algo tan importante como é que as posturas dos dirixentes da Troika non son subxectivas senón expresión das clases dominantes, que boicotearían calquera medida que non lles fose beneficioso (a guerra económica en Venezuela, e antes no Chile de Allende, son expresión de como entende a democracia o capital).

Que bonito sería cambiar todo sen grandes sacrificios e organizacións disciplinadas, só cos votos e coa unidade superficial das forzas! Mais a realidade é teimosa, e a práctica reflicte os límites da estratexia da socialdemocracia, que máis unha vez resulta unha vía morta, xa que ignora ou pretende canear a loita de clases e a cuestión nacional e que non hai unha democracia real. Un espellismo, como recoñecía o euro-deputado Manoli Glezos. Ideas incorrectas que levan á derrota, que favorecen as clases dominantes e fortalecen no imaxinario colectivo a concepción de que o cambio é imposíbel. Ideas que sementan estas novas forzas, que se suman deste xeito ás renuncias da socialdemocracia tradicional. Mágoa que estes espellismos tamén teñen acubillo nalgúns militantes do nacionalismo galego, que na procura do atallo, coa copia das modas do centro na periferia, terminan perdendo o camiño.

http://manuelmera.blogaliza.org/