mércores 19.02.2020

Superar as eivas para avanzar

Se hai algo das pasadas eleccións xerais do que debería tomar nota a dirección do BNG

Se hai algo das pasadas eleccións xerais do que debería tomar nota a dirección do BNG, é que o descenso electoral desta fronte non é por mor das siglas, nen por non presentar candidaturas “unitarias” feitas á medida da conxuntura. Tampouco semella que sexa consecuencia da actitude da militancia. Abonda con ollar para os resultados das municipais, onde o traballo de base foi fundamental (aínda que o batacazo nas cidades, agás Pontevedra e algunha vila importante, reflectía un problema de imaxe da fronte). Nestas xerais hai mesmo quen lle bota a culpa ao povo (que seica está moi españolizado). Mais, se non houbo receptividade, sería por razóns que a dirección debe considerar e solucionar. Non hai tanto tempo que o BNG superaba o 20% dos votos. Daquela facíase unha valoración moi distinta. Por outra banda, hai década e media que a fronte retrocede en votos. Cómpre logo considerar todo o período, e para alén do electoral.

Hai quen traslada a mingua de votos a unha maior presión mediática. Algo que é certo, como consecuencia da revolución tecnolóxica e da globalización. Porén, isto non xustifica un recuar tan importante, nen tampouco que non se puxesen os medios para confrontar esta nova realidade. Daquela que as comparacións con Cataluña e Euskadi teñan unha valía parcial (mal de moitos, ...). Asemade, o laio vale de moi pouco. Mesmo é contraproducente porque transmite incapacidade para transformar a realidade. Aceptar esta caracterización derrotista significaría que non se pode superar o sistema, convertendo en letra morta un obxectivo como o da liberación nacional e social. 

As opinións no seo do BNG coinciden en que os resultados das xerais significan un retroceso electoral preocupante, grave

Como non podía ser doutro xeito, as opinións no seo do BNG coinciden en que os resultados das xerais significan un retroceso electoral preocupante, grave, tal como se recoñece pola dirección e destacaron varios artigos nestes días. O que me sorprende é que se esperase outra cousa. A dirección do BNG leva dous anos escenificando unha política errática, e perdeu moita iniciativa na mobilización e na loita das ideas. Fixo alianzas (ás veces seguidismo), primeiro con pequenos grupos da esquerda independentista, e despois, acordos co estremo oposto ideolóxico, onde, o europeísmo marca unha folla de ruta electoralista, sen transformación social. Nestas confluencias, hainas que son estratéxicas, pola proximidade ideolóxica, porén iso non se dá en todos os casos. Parecería que non existe unha política de alianzas coherente co proxecto. Semella que prima o tacticismo. Lembremos que aquilo de “dime con quen andas e direiche quen es” é máis ca un refrán.

Por se non abondase co anterior, tanto no discurso como na práctica, debuxouse unha e outra vez no imaxinario colectivo que a fronte perdera a conexión coa sociedade (concretándose esta eiva no mundo urbano e na mocidade), e que faltaba alternativa para esta etapa (había que abrir as portas á xente, consultala sobre o que facer). Reinterpretouse o resultado da Asemblea de Amio como un erro da maioría (algo reiterativo nas intervencións do portavoz nacional), como unha expresión de sectarismo, malia que os que marcharon non aceptaron os acordos tomados democraticamente por milleiros de afiliados/as. Déuselle pulo á idea de que non había futuro sen reunificación, especialmente con Anova, e que o éxito de AGE era produto do carisma de Beiras. En poucas palabras, que o BNG perdera o seu referente máis valioso. 

A campaña centrouse no nacional como un feito existencial, máis que como un proxecto político e social, e a cuestión de clase ficou totalmente relegada

A mensaxe reiterativa pola fronte da urxencia da reunificación volveuse escenificar durante os meses previos ás eleccións xerais, confundindo tomar a iniciativa con ter proposta alternativa. Renunciouse a ter referencias propias que disputaran o imaxinario colectivo, conformándose con salvar os móbeis. Algo do que os medios fixeron caricatura e divulgaron masivamente, e que unha gran parte da base do BNG consumiu como unha debilidade dados os precedentes. Nesta mesma liña, a campaña centrouse no nacional como un feito existencial, máis que como un proxecto político e social, e a cuestión de clase ficou totalmente relegada, sen propostas estratéxicas, reducida a uns conflitos concretos, malia o aumento da explotación e a ser interdependente da cuestión nacional. As Mareas, como antes AGE, primaron unha imaxe de esquerda (o social) disputando unha parte importante da base do BNG, mentres a fronte teimaba en marcar exclusivamente un perfil nacionalista. O cambio de siglas, a utilización anecdótica da simboloxía e da referencia ás loitas e á xestión exemplar de décadas en concellos, fixo o resto. O discurso perdeu forza diante da escenificación e da ruptura rebaixada ao ámbito do individual.

Mais, o que choca sobre todo é a pouca autocrítica, que non existan diverxencias significativas na valoración dos atrancos e das eivas propias e de cales foron os erros da dirección. A menos que exista temor a socializar abertamente as distintas posturas entre o conxunto dos/as afiliados na fronte. Se esa fose a razón, non axudaría para recobrar a confianza, rectificar e avanzar. Especialmente cando esta postura contrasta coa disposición a discutilo todo, comezando por mudar o nome do BNG (ou sexa, facer outra organización distinta) e, “se fixese falla, cambiar todo o que sexa necesario” en palabras do portavoz nacional. Sen dúbida cómpren mudanzas, comezando por aquelas que se aprobaron en Amio e que nunca se aplicaron. Mais estes cambios valerían de ben pouco se non houbese unha renovación nos referentes nacionais.  Os referentes nunha organización de esquerdas non deben reducirse a unha ou dúas persoas coma nos partidos sistémicos onde son unha “marca” política tan importante como o proxecto. Deben ser persoas con capacidade para conectar co povo, con praxe. Da entrega e valía dos actuais non teño dúbidas, mais non abonda. A empatía social dos referentes políticos é esencial nesta época de tanto peso do mediático. É verdade que nas vindeiras eleccións autonómicas hai unha predisposición maior a votar forzas do país, mais non se pode ignorar a tendencia á baixa. Polo que se trata de invertila de inmediato.

A empatía social dos referentes políticos é esencial nesta época de tanto peso do mediático

Por último, quero facer rápida mención a cinco aspectos que están conectados coa análise anterior:

1).- Coido que é necesario rematar cos exclusivismos. O nacionalismo non é o país, e o BNG non é todo o nacionalismo, só unha parte determinante del. Existen outros proxectos con outras estratexias definidas e persoas sen militancia que se reivindican como nacionalistas. É positivo que o fagan, cantos máis mellor; é un aspecto menos a debater. Con eles, haberá disputa teórica sobre a estratexia e a  práctica. Iso non resta valor ás alianzas, especialmente na xeración de conciencia nacional e na mobilización laboral, social, democrática (cómpre recuperar neste eido a iniciativa, superando o seu carácter conxuntural e sectorial actual). Debemos converxer todos e todas nos movementos de masas. Para iso resulta esencial non trasladar mecanicamente a loita polo poder e as diferenzas políticas.

2).- A base social e electoral do BNG está integrada tanto por persoas para as que o nacionalismo é o aspecto esencial, como por outras que, sen rexeitar o soberanismo, valoran especialmente da fronte a proposta e a loita laboral e social. Non se pode ignorar que o noso país ten séculos de colonización e que as cuestións laborais e sociais son moi graves; tanto que xa afectan negativamente á demografía. Tampouco se pode esquecer que o éxito do nacionalismo anticolonial estivo na creación de organizacións no ámbito obreiro, labrego e estudantil: nacionalizouse a esquerda. Porén hoxe, ficamos mergullados nun proceso de globalización moi forte. E isto, ademais de consecuencias no económico, tamén as ten no cultural e no imaxinario colectivo en relación aos estados-nación. Non hai máis que ver o que acontece en Cataluña, Euskadi ou Escocia. O proxecto de soberanía debe ser quen de atraer a ese sector que coloca as condicións de vida en primeiro plano, non só o identitario.

Tampouco se pode esquecer que o éxito do nacionalismo anticolonial estivo na creación de organizacións no ámbito obreiro, labrego e estudantil: 'nacionalizouse' a esquerda

3).- Reconstituír a fronte non debe ser un tabú. A cuestión é se resulta necesario, para que e con quen. Polo tanto, cal vai ser o programa, a folla de ruta, a simboloxía, o tipo de organización, a política de alianzas, ... En definitiva: se permite alargar a base social e a militancia, vincular mellor o inmediato co estratéxico, se asume ás loitas pasadas e o proxecto de liberación nacional e social. O que non semella coherente é ter unha fronte integrada noutra, formada para a conxuntura. Estas estruturas teñen moitas fendas que opacan os dereitos e a capacidade de decisión da militancia organizada e mais tamén daqueles/as que o fan a título individual.

4).- As organizacións deben ter paredes de cristal. Esa é a mellor defensa contra a terxiversación dos medios e os ataques das clases dominantes. E neste aspecto, a vantaxe das frontes, ademais de unir esforzos, é que están integradas por partidos con diferenzas no estratéxico, polo que para a sociedade o debate é parte da súa esencia orixinal. Carecer de zonas escuras  é o muro máis efectivo contra a  terxiversación e os ataques nos medios. E para que o debate sexa unha virtude, non unha eiva, débese dar con sinceridade, sen medos, porén rexeitando o insulto, os ataques persoais, a descualificación, a caricatura. Deste xeito medrará a capacidade de argumentación de militantes e simpatizantes, e o grao de conciencia política do povo galego.

A esencia dunha fronte é reunir ao máximo de forzas posíbeis que coincidan nos obxectivos, na folla de ruta e na política de alianzas para esta etapa

5).- A esencia dunha fronte é reunir ao máximo de forzas posíbeis que coincidan nos obxectivos, na folla de ruta e na política de alianzas para esta etapa. Polo que estará integrada por partidos que poden manter diferenzas na caracterización da sociedade e no programa estratéxico. Mais a fronte perde eficacia se os partidos se converten en grupos de poder interno sen vida política propia, porque se dilúen as propostas estratéxicas, e polo tanto a formación da conciencia superadora desta etapa. Isto pode significar, na Galiza, sacrificar a plena soberanía, a construción dunha sociedade sen clases, etc. Outra deriva negativa é cando os partidos perden vida propia, e pretenden que a fronte asuma todo o proxecto estratéxico, polo que este perde capacidade para atraer sectores sociais intermedios. Cada organización debe cumprir o seu papel, para que o proxecto sexa referencialidade tanto da vangarda como dos sectores intermedios, e poda deste xeito ter azos abondo como para arrastrar os sectores menos formados politicamente, que son a maioría social. 

A fronte non poderá conquistar a hexemonía obsesionándose co institucional e con obter espazo nos medios hexemónicos

O BNG ten unha militancia moi grande, inserción social, boa xestión nos concellos e, polo xeral,  unha oposición activa onde non governa, e unha longa historia de loitas e iniciativas a prol das clases populares e a súa liberación nacional e social. Debe manter e dar pulo a esta liña de oposición frontal ao sistema, ao imperialismo, superando as eivas, algo que levará o seu tempo. Agora ben, nesta nova etapa, ademais debe disputar neste espazo a hexemonía con outras forzas do nacionalismo e da esquerda, por exemplo AGE e Podemos. E iso significa que a fronte non poderá conquistar a hexemonía obsesionándose co institucional e con obter espazo nos medios hexemónicos, aínda que as institucións sexan importantes. Debe premer por un campo de xogo máis amplo que o definido polo sistema. E para esta loita contra corrente, o BNG necesita dunha extensa e moi formada militancia, dar pulo ao debate das ideas e á mobilización social; ou sexa: construír poder popular. Para outras andainas, Syriza amosa os límites na práctica do reformismo; e tamén mostra cal é o futuro electoral daqueles críticos serodios que se baixen dese tren. Non hai atallos!

http://manuelmera.blogaliza.org

Superar as eivas para avanzar