Opinión

Son fortes!... hoxe só cunha porra na man

Un Goberno que toma medidas represivas sobre a poboación faino porque non é quen de conseguir a súa complicidade por medio dunha xestión eficaz e das políticas que desenvolve. Pretende superar a súa debilidade coa ameaza, a coacción e limitando os dereitos democráticos de protesta e as  reivindicacións da sociedade. Isto é o que pasa cando Gobernos de dereita, como o de Rajoy, que dan alento a un duro axuste a prol dos grandes grupos económicos e  do centralismo de Madrid (e por extensión ao Reino de Castela como sinónimo de España), perden apoio social. Ten a seu favor que a aprobación parlamentar non ten grandes atrancos, xa que o PP conta con maioría absoluta no Congreso, e que a Comisión Europea e o hexemónico imperialismo norteamericano, comparten obxectivos e métodos. 

Un Goberno que toma medidas represivas sobre a poboación faino porque non é quen de conseguir a súa complicidade por medio dunha xestión eficaz e das políticas que desenvolve. Pretende superar a súa debilidade coa ameaza, a coacción e limitando os dereitos democráticos de protesta e as  reivindicacións da sociedade. Isto é o que pasa cando Gobernos de dereita, como o de Rajoy, que dan alento a un duro axuste a prol dos grandes grupos económicos e  do centralismo de Madrid (e por extensión ao Reino de Castela como sinónimo de España), perden apoio social. Ten a seu favor que a aprobación parlamentar non ten grandes atrancos, xa que o PP conta con maioría absoluta no Congreso, e que a Comisión Europea e o hexemónico imperialismo norteamericano, comparten obxectivos e métodos. 

"Quérese reducir drasticamente a liberdade de expresión para esmagar o dereito da clase traballadora a exixir melloras nas condicións laborais, mais tamén para frear o reclamo de soberanía das nacións oprimidas no Estado español".

Con estas apresuradas reformas quérese reducir drasticamente a liberdade de expresión para esmagar o dereito da clase traballadora a exixir melloras nas condicións laborais, mais tamén para frear o reclamo de soberanía das nacións oprimidas no Estado español. Trátase de dúas iniciativas lexislativas, ás que se lles pode engadir algunha máis tendo en consideración o acontecido noutras materias durante estes dous anos de Goberno da dereita. Polo de agora o Consello de Ministro acaba de aprobar o proxecto de Lei de Seguridade Cidadá e, con certeza, non adiará moito facer o propio coa Lei de Servizos Mínimos, a fin de restrinxir o dereito de folga. Daquela, aínda que podería parecer unha esaxeración, que a portada do semanario Sermos Galiza valorase que imos “cara un Estado policial”, tendo en consideración a historia de Europa occidental no último medio século, é unha apreciación correcta, se analizamos cales van ser as consecuencias prácticas destas dúas leis. 

A democracia en Europa occidental foi sempre máis limitada do que se predicaba, xa que nunca entrou nas empresas, e a política estivo acotío moi condicionada polas relacións económicas. Asemade, nas últimas décadas as institucións políticas fóronse baleirando de poder en beneficio das grandes fortunas, de xeito tal que practicamente non hai diferenzas entre os partidos sistémicos de “esquerda” e de dereita. O capitalismo nesta etapa, baséase na economía especulativa, depredadora e delituosa, e esta tendencia estase a afondar (a corrupción no eido económico e político, a carencia de ética nos medios de comunicación, a mercantilización de todo, a represión, son síntomas desta deriva). Polo tanto estas reformas son un paso máis do mesmo proceso, como consecuencia dunha correlación de forzas mundial negativa para as clases populares no plano social e nacional, xa que en ambos se libra hoxe a loita de clases coa mesma intensidade. E, no caso concreto de Galiza, e doutras nacións sen Estado propio, danse a un tempo e cunha inmensa interdependencia, tanto no estratéxico como na andaina a percorrer no proceso de liberación nacional e social.  

"O capitalismo nesta etapa, baséase na economía especulativa, depredadora e delituosa, e esta tendencia estase a afondar".

Malia que se rebaixaron algunhas sancións máximas, no texto aprobado polo Consello de Ministros, coa finalidade de facer máis dixeríbel unha lei represiva, dende calquera lado que se olle, engade novos supostos e mantén a esencia reaccionaria do proxecto. As protestas contra os desafiuzamentos só poderán ser simbólicas e moi lonxe dos afectados/as. As mobilizacións laborais e cívicas que atranquen o tráfico con calquera tipo de barreiras para chamar a atención diante de situacións dramáticas, estarán suxeitas a duras sancións (de ate 30.000 euros). E multas de 3.000 euros a quen se considere que insulta a un/unha policía. As pancartas e outros feitos que fagan alusión pexorativa ao Estado español e aos símbolos tamén serán sancionadas (supoño que falar do seu carácter imperialista será considerado unha ofensa e non unha constatación da realidade). E un longo etcetera doutras tipificacións suxeitas a multas, para converter a protesta social en anécdota. Ademais, sancións poderán ser impostas pola propia policía e abondará coa palabra dun membro do corpo. 

Contraatacan os defensores destas medidas represivas coa posibilidade de recorrer no xulgado,  mais será despois de pagar e a reclamación estará suxeita á lei de taxas con importantes custes, e non pola vía penal. Non hai motivo ningún para estas leis; mesmo a normativa vixente xa é abondo restritiva e represiva en relación á mobilización social. Trátase de reformas que suprimen dereitos esenciais, e queren gañar tempo mediante medidas autoritarias para impoñer un axuste que concentra e centraliza riqueza e poder.

"Son leis que reflicten a febleza de Rajoy e da súa equipa. Se lles abondase coas mentiras e o apoio dos medios de masas, para manter un amplo apoio da poboación, non proporían medidas que saben son moi impopulares"

Volvo á afirmación que facía no limiar deste artigo, no senso de que son leis que reflicten a febleza de Rajoy e da súa equipa. Se lles abondase coas mentiras e o apoio dos medios de masas, para manter un amplo apoio da poboación, non proporían medidas que saben son moi impopulares. Deciden tomalas porque esperan que a resistencia da xente vaia a máis, tanto no aspecto social como nas reivindicacións dos dereitos das nacións oprimidas polo Estado español. E, como fieis servidores das clases dominantes, teñen que frealas como sexa para poder impoñer toda a axenda neoliberal (os axustes para maximizar o lucro), que como asegura unha e outra vez Rajoy é o seu obxectivo (claro está coa falsa escusa de que é beneficiosa para a sociedade). 

Agora ben, o Goberno do PP ten atrancos que non son doados de superar por diante. O primeiro, que todos os demais partidos están en contra da Lei de Seguridade Cidadá, o que lle resta credibilidade ás manipulacións da opinión pública utilizando os grandes medios de masas. O segundo, que a historia demostrou que estes métodos represivos non funcionan eficazmente por moito tempo,... porque a inxustiza alenta o reaxer da xente, e sempre haberá suxeitos políticos dispostos a transformar a realidade. 

http://manuelmera.blogaliza.org/