Opinión

Unha sociedade progresista cunha Xunta de dereita (e a revolución de 1820)

Cando se fala de Galiza, por unha banda admirase a súa paisaxe, o xantar, e o noso protagonismo na Idade Media, e pola outra destacase o papel subalterno respecto da economía, das ideas e da política dos centros de decisión do Estado español, especialmente de Madrid. Neste retroceso da soberanía e do protagonismo como nacionalidade, que inclúe a utilización da lingua propia, son moitas as correntes e voces no nacionalismo actual que botan unha gran parte da responsabilidade sobre as costas das clases populares, ou sexa: das vítimas. Poñen como exemplo o pouco peso institucional dos partidos nacionalistas galegos, en comparación con Cataluña e Euskadi, así como o recuar no uso da lingua, malia a situación colonial. Porén até que punto esta valoración tan pesimista sobre o povo galego é correcta e sobre todo útil para marcar as tarefas prioritarias?

Se analizamos como se expresa a sociedade galega diante de feitos sociais e políticos relevantes, semella que as valoracións pesimistas non son correctas

Se analizamos como se expresa a sociedade galega diante de feitos sociais e políticos relevantes, semella que as valoracións pesimistas non son correctas. En temas tan relevantes como a relixión, o modelo de estado e a actitude diante do conflito catalán o noso País opta posturas que contrastan co cliché de feudo conservador. Algúns exemplos. Nas declaracións do IRPF só o 24,9% das persoas declarantes adica recursos á relixión católica, só Cataluña faino en menor medida, un 17,43%, mentres que en Madrid atinxe o 37,83% e Andalucía o 39,03%. En temas como a disxuntiva entre monarquía e república, en Cataluña opta por esta última opción un 74%, no País Vasco un 70,6%, na Galiza un 51,6% e no País Valenciá un 49,9%, en todos os demais territorios a monarquía é a postura dominante. E respecto de dar prioridade ou non no conflito catalán ao dialogo, que tanta polémica xera, segundo as enquisas de El Periódico e La Vanguardia, estaría a prol desta vía un 52,6% e 52,3% respectivamente da xente no Estado español. Sendo as nacionalidades históricas onde a porcentaxe é mais elevada. Segundo El Periódico: 86,7% en Cataluña, 74,1% no País Vasco e 62,4% na Galiza. Os territorios máis partidarios de aplicar o 155 son Andalucía, seguida das dúas castelas e Canarias.

Non só somos unha sociedade que mantén posturas progresistas sobre cuestións esenciais senón que ademais protesta

Agora ben, sendo estes temas medulares, e parte importante do debate político cotiá, e malia a falta de mecanismos institucionais na Galiza en comparanza cos que contan Cataluña e o Pais Vasco, non se pode ignorar que a resposta da sociedade galega ten un carácter claramente progresista. Esta actitude está moi vinculada á mobilización social, e moi especialmente á laboral. Vexámolo en dados. Concretamente no ano 2018 o noso País foi o que tivo unha maior participación no estado Español nas folgas convocadas, cunha porcentaxe de 0,86 (produto de dividir o número de participantes polo total de asalariados/as), seguido de Cataluña cun 0,38, Madrid e o País Vasco co 0,36, etc. Ese mesmo ano realizáronse 8.206 manifestacións de todo tipo en Andalucía, 3.627 en Madrid e 3.525 na Galiza (máis de nove ao día no noso País, lembremos que Andalucía triplícanos en povoación e Madrid ten o dobre). En poucas palabras, non só somos unha sociedade que mantén posturas progresistas sobre cuestións esenciais senón que ademais protesta. É así nos dados obxectivos para alén das vivencias subxectivas.

Estas actitudes progresistas na Galiza non son casuais, responden ao proceso histórico, ás contradicións económicas, sociais e culturais, e sobre todo ao papel que tivo o nacionalismo galego a través de todas as súas etapas, e moi especialmente no último medio século. Dirase que estes dados non responden ao peso institucional do soberanismo, agás momentos moi concretos, é verdade. Porén  en troque correspondese coa súa presenza no eido laboral, e coa participación en todo tipo de accións reivindicativas. Mais, nas últimas décadas produciuse un evolución diverxente, por unha banda esta presenza fortaleceuse no ámbito sindical asalariado, mentres que recuou no medio rural, estudantil, nos barrios e localidades, e no eido da cultura e institucional. Evidentemente este retroceso non foi por idénticas razóns. Porén houbo aspectos comúns, nomeadamente incidiu a caída do socialismo real e o retroceso dos procesos de liberación, así como a consolidación da globalización neoliberal, co que isto implica negativamente respecto da soberanía nacional e dos dereitos laborais. Entón porque na Galiza para o soberanismo os resultados son tan distintos segundo o ámbito?... Polos métodos de traballo? Pola mensaxe? Pola folla de ruta? Por todos estes aspectos en distinta medida?... Son cuestións para analizar e tirar conclusións respecto da propia práctica e do proceso histórico.

O evidente é que as eivas máis destacadas non están na sociedade, nen na problemática especifica, nen nos obxectivos políticos

O evidente é que as eivas máis destacadas non están na sociedade, nen na problemática especifica, nen nos obxectivos políticos, nen na cuestión lingüística, tal como reflicten os dados comparativos con outras nacionalidades. E moito menos na actitude das clases populares galegas. Todo indica, como sempre foi en todo país e momento histórico, que están nos atrancos que nos impón o sistema, e nas nosas debilidades como forza transformadora. Asemade, non se pode ignorar que unha organización onde ten maior capacidade de transformación é sobre ela mesma.    Especificamente para realizar as rectificacións axeitadas nos métodos de traballo, folla de ruta, mensaxe, transmisión individual e colectiva do proxecto, etc.. Cómpre engadir que a autocrítica debe ser parte da vida política, porque a realidade é cambiante e o suxeito para a transformación sempre debe mellorar. Outra cuestión son os principios e obxectivos, que teñen un carácter estratéxico.

Respecto da diferenza cuantitativa entre a resposta social e a política das clases populares non se debería obviar o fenómeno da abstención, que afecta sobre todo á clase obreira e á mocidade. Como facela participe do cambio é un dos retos que ten todo proceso de liberación nacional e social.

Por último quero lembrar neste artigo, o papel sobranceiro da nosa nación na revolución de 1820 (hai dous séculos). Estas revoltas liberais alargáronse por varios países europeos (Estado español, Portugal, Italia, Francia Alemaña...) e foron un reaxer contra a restauración do absolutismo, como consecuencia da derrota da Francia Revolucionaria. Unha restauración que aplicaría os acordos do Congreso de Viena de 1915 e que contaba para executalos coa forza intervencionista da Santa Alianza (Austria, Prusia e Rusia).

Por último quero lembrar neste artigo, o papel sobranceiro da nosa nación na revolución de 1820

No Estado español o levantamento estaría protagonizado po Riego en Cabeza de San Juan, dando paso ao Trienio Constitucional. Este triunfaría grazas ao pronunciamento do exército na Coruña, o 21 de febreiro de 1820, e que se estendeu axiña ás outras cidades galegas, agás aquelas que tiñan sedes de bispados, que serán ocupadas días despois. É de sumo interese salientar a participación popular no levantamento na Galiza, por exemplo: na comarca do Morrazo reúnense 600 paisanos dispostos a colaborar co exército no sometemento das vilas e cidades máis próximas. As sociedades patrióticas serán a estrutura que sirva de canle para a preparación do levantamento e a participación popular. Outra cuestión importante a destacar é que se formou o 21 de febreiro na Coruña a Xunta Superior de Governo con plenitude de poderes para tomar decisións en toda Galiza (recobrando así a experiencia de 1809 na loita contra a ocupación francesa). A “Xunta considerábase a depositaria da soberanía popular mentres non se constituíse un poder central”. Duraría até xullo dese ano.

https://obloguedemera.wordpress.com/