Opinión

Sociedade, conciencia e liberación nacional

Permítame o/a leitor/a que, antes de publicar a segunda parte propositiva do artigo publicado neste mesmo dixital o pasado 3 de xuño 1 encol dos retos que implicaban os resultados das Eleccións Europeas, faga algunhas breves consideracións previas encol da caracterización da sociedade galega, as súas tendencias, e como se forma a conciencia. 

Permítame o/a leitor/a que, antes de publicar a segunda parte propositiva do artigo publicado neste mesmo dixital o pasado 3 de xuño 1 encol dos retos que implicaban os resultados das Eleccións Europeas, faga algunhas breves consideracións previas encol da caracterización da sociedade galega, as súas tendencias, e como se forma a conciencia. Coido que ambos os aspectos son fundamentais para sermos quen de marcar unha folla de ruta, etapas, e métodos de traballo correctos, que nos permitan avanzar, máxime tendo en conta a complexidade de toda “conxuntura histórica”. 

Algúns comentarios a respecto da caracterización da sociedade: 

A) É verdade que o nacionalismo ten na Galiza unha representación institucional moito menor que en Cataluña e Euskadi, porén non se pode dicir o mesmo respecto da súa incidencia e capacidade mobilizadora no eido social. Tampouco o españolismo ten na nosa nación moito maior peso, como expresión social, aínda que si política, que a que posúe nesas dúas nacións oprimidas. Ademais, en Cataluña e Euskadi dáse un forte nacionalismo de centro-dereita, que representa unha poderosa fracción da burguesía media, un aspecto inexistente na Galiza. Na nosa nación esa corrente só existe como unha expresión política marxinal, de traballadores acomodados e autónomos que se ven como socios dunha burguesía emerxente ligada á nación, de costas á enorme concentración e centralización da riqueza e do poder do neoliberalismo e a estranxerización do poder económico. 

"Este comportamento político tan distinto non é casual, nen resultado de eivas inherentes á sociedade galega, e moito menos ás clases populares, senón consecuencia do longo e duro proceso de conquista e colonización da nosa nación"

B) Evidentemente este comportamento político tan distinto non é casual, nen resultado de eivas inherentes á sociedade galega, e moito menos ás clases populares, senón consecuencia do longo e duro proceso de conquista e colonización da nosa nación, que é diferente e anterior ao de Cataluña e Euskadi. Por iso é tan importante o coñecemento da historia, para entendermos os procesos. E aínda que a maior parte da poboación permaneceu na marxinación durante séculos, favorecendo a forte implantación da lingua e cultura propias, foise formando no subconsciente colectivo a idea dunha incapacidade conxénita para dar solución aos atrancos políticos, a non ser mediante intermediarios diante do poder (Madrid) tanto baixo a Monarquía como durante a República; o famoso caciquismo. E este proceso de alienación vai a máis en todo o mundo, tamén no Estado español, coa escusa do multiculturalismo e as forzas do mercado. Agora ben, non é algo secundario, e ten un enorme valor, que a inmensa maioría dos galegos e galegas, para alén da súa postura política, se sintan como tales, e que non teñan unha actitude de hostilidade cara o nacionalismo, tal como se comproba no conflito social e sindical, coa influencia da CIG, por exemplo. Este é o punto de apoio sobre o que se debe colocar a panca para transformar a sociedade, ou, se se quer: o punto máis débil do imperialismo no noso país. 

C) Chámame moito a atención que todos os días se fale tanto da emigración da mocidade como algo dramático, e que despois, para alén das consideracións demográficas e laborais, non se faga ningunha valoración sobre como incide este tema tan grave na situación cultural, lingüística e política. Se comparamos os datos de 2013 con 2003, nunha década temos 86.000 persoas nativas menos, para unha poboación practicamente semellante. Por outra banda, un 13,24% das persoas que viven na Galiza non ten ningunha ligazón coa nosa lingua e cultura, e súmanse aos que tendo nacido no país renegan da identidade colectiva. Ademais, temos que engadir a emigración ilegal, e a alta taxa de natalidade dos inmigrantes. Son aspectos que dan folgos á desgaleguización, para alén de casos meritorios nos que o emigrante toma conciencia do carácter diferencial do noso pobo. Son temas que non se poden ignorar, e que necesitan dunha reflexión e de medidas de regulación e integración, así como de políticas especificas dirixidas a estes colectivos por parte do nacionalismo. Tampouco incide do mesmo xeito nos resultados electorais dos diferentes partidos a emigración e inmigración; nen no aspecto lingüístico. Unha simple observación amosa que afecta en maior porcentaxe ao peso institucional do nacionalismo, así como á redución dos galego falantes. Exactamente canto? Non é un tema menor e, para alén da análise, que medidas prácticas se deben tomar para organizar politicamente estes colectivos e manter e aumentar o seu vínculo coa Galiza.

"As clases dominantes teñen cada vez menos relación co país. Tanto os donos dos grandes medios de produción como unha boa parte dos directivos dos mesmos son estranxeiros".

 D) Non menos importante, para caracterizar a situación, é o feito de que as clases dominantes teñen cada vez menos relación co país. Tanto os donos dos grandes medios de produción como unha boa parte dos directivos dos mesmos son estranxeiros. Practicamente todo o sector da banca e seguros, enerxía e das comunicacións é propiedade do capital foráneo; un proceso que se acelerou moito coa globalización neoliberal, e moi especialmente coa crise, e que  non se pode dar por rematado. Ademais destes sectores económicos estratéxicos o proceso de desvinculación é moi forte nas grandes superficies de venda polo miúdo, e mesmo na industria transformadora: Citroën, Alumina, Celulosa, Pescanova, Barreras, etc. Non foron procesos casuais, nen imparciais, xa que as políticas desenvolvidas por Bruxelas e Madrid favoreceron a concentración e centralización, a costa daqueles sectores e territorios que carecían de poder económico e político suficiente para confrontar esta batalla. Hai unha década, das 99 maiores empresas existentes na Galiza por número de traballadores, 39 tiñan a sede en Madrid, 3 en Cataluña, 2 no País Vasco, 1 en Cantabria e outra en Canarias. Hoxe a tendencia sería moito máis negativa para a nosa nación. 

Ademais de facer unha caracterización correcta da sociedade e iso significa, como xa dixen, ir para alén dunha foto fixa, ou sexa, termos un coñecemento moi amplo da evolución histórica, e non só da máis recente, cómpre tamén considerar as tendencias hexemónicas e como se van desenvolver no futuro. Necesitamos analizar e explicar unha sociedade en evolución e o seu papel no contexto mundial. Claro que sería un erro caer no economicismo, xa que, malia que a contradición de clase sexa na maioría dos países a máis evidente, poden existir outras contradicións centrais e que están indisolubelmente ligadas a esta, como a nacional no caso da Galiza. 

"Cando falamos da conciencia, e máis concretamente da formación da conciencia, non podemos considerar exclusivamente as cuestións económicas, nen a práctica cotiá das persoas, xa que os procesos de alienación utilizan tamén outros mecanismos"

Polo tanto, cando falamos da conciencia, e máis concretamente da formación da conciencia, non podemos considerar exclusivamente as cuestións económicas, nen a práctica cotiá das persoas, xa que os procesos de alienación utilizan tamén outros mecanismos, como por exemplo a manipulación da historia ou a propagación de prexuízos como considerar o ser humano como egoísta por natureza. E resulta evidente que os mecanismos de alienación funcionan. É deste xeito, porque a conciencia fórmase a partir da práctica e o coñecemento (información, formación, cultura de masas), e neste último aspecto as clases dominantes (e o españolismo) teñen unha gran hexemonía no debate das ideas. En poucas palabras, unha forza capaz de ser referencia na loita social non ten porque selo tamén no político, se non é quen de asociar as contradicións sociais coa loita de clases (que na Galiza, polas súas contradicións principais, xiran arredor da liberación nacional e social). Neste caso, por máis revolucionario que sexa o programa, pódese caer no practicismo e no economicismo, e non ser quen de acumular forzas para a ruptura. 

Algúns comentarios máis encol da formación da conciencia: 

A) O elo máis débil das clases dominantes está no ámbito social, nos baixos salarios e nas condicións laborais precarias, nas cativas pensións, nas prestacións e servizos públicos insuficientes, na emigración masiva e o elevado desemprego, e no ofensivo que resulta en contrapartida a enorme acumulación de riqueza e poder nuns poucos. No relativo á contradición nacional, malia que sexa un aspecto fundamental para o desenvolvemento e a liberación da clase traballadora,  a maioría aínda non o albisca deste xeito; razóns: séculos de colonización e o empeño do Estado dominante por afogar toda particularidade. 

"O debate coa esquerda estatal temos que centralo tamén no ámbito social, xa que non abonda con fixar as diferenzas exclusivamente no eido nacional, como ás veces se fai con teimosía"

Polo tanto, neste contexto, é esencial conectar o social co nacional. Tal como o fixemos hai catro décadas. Por esta razón teño afirmado unha e outra vez que nos setenta, nacionalizamos a esquerda rupturista. Fixémolo a costa e grazas á actitude derrotista do eurocomunismo estatalista, malia que foran a principal forza de oposición a ditadura na década anterior. Isto non significa poñer nun segundo plano a cuestión nacional, o que sería un erro e impediría crear conciencia e acumular para a liberación do pobo galego, senón que o debate coa esquerda estatal temos que centralo tamén no ámbito social, xa que non abonda con fixar as diferenzas exclusivamente no eido nacional, como ás veces se fai con teimosía, se cadra, pensando que a insistencia chega para que avance a conciencia nacional. Na nosa realidade, o avance da conciencia nacional pasa por ligar as contradicións de clase co nacionalismo de esquerda como o suxeito político que garante a liberación das clases populares. Para iso é fundamental que o nacionalismo sexa considerado, non só na práctica, senón ademais no debate dos obxectivos estratéxicos no campo social (nacionalización dos sectores económicos como banca, enerxía e telecomunicacións, condicións laborais e sociais, euro, OTAN, UE, etc.) como unha forza rupturista co capital. 

B) Non é posíbel realizar a conexión entre o concreto e o xeral, o social e o nacional, sen ligar acotío a práctica coa teoría, ou sexa, sen socializar a caracterización da sociedade galega e mundial (na que a evolución histórica e as tendencias futuras son algo fundamental), a folla de ruta e os métodos de traballo axeitados. E neste aspecto, é esencial o debate, o discurso, os seminarios, porén sobre todo os medios de comunicación de masas (panfleto, cartaces, artigos, xornais, vídeos, webs, etc). Como se pode aumentar o nivel de conciencia no estratéxico, cando esta é unha tarefa secundaria, conxuntural ou cinguida a dar resposta no momento aos ataques do poder que semellan máis álxidos?

"Hoxe, o traballo das organizacións de masas óllase na sociedade como debilmente ligado á fronte, e polo tanto ao proceso de emancipación".

C) Durante os últimos anos da ditadura e na transición, o nacionalismo galego axía como unha fronte de liberación nacional todo el, dende o partido da clase traballadora, que era considerado como a vangarda do proceso, ate as distintas organizacións de masas e asociacións que fomentaban a cultura nacional. Polo tanto, daquela, o concreto sempre estaba vinculado co estratéxico, permitindo xerar unha conciencia transformadora e acumular forzas para a ruptura. Esa non é a situación actual. As organizacións de masas desenvolvéronse, xa non forman parte da fronte de liberación, e esta ten máis unha finalidade institucional que de disputa do poder e de organización estratéxica para a liberación nacional e social da Galiza. 

Hoxe, o traballo das organizacións de masas óllase na sociedade como debilmente ligado á fronte, e polo tanto ao proceso de emancipación. Co agravante de que o partido de clase diluíuse na fronte, facendo das súas coincidencias e diferenzas un problema interno, de cúpulas, que se reflicte como de loita polo poder. É lóxico que as organizacións de masas e a propia fronte mudaran a súa funcionalidade, porque o proceso de ruptura foise alonxando, a acumulación converteuse nun obxectivo importante, e a división de tarefas era necesaria para se abrir á sociedade (algo que aínda hoxe algúns reclaman sen concretar, ¿será para se pregar ao sistema?). Porén o preocupante é que isto implicou unha ruptura entre o sectorial e o xeral, o concreto e o estratéxico, e polo tanto contribuíu a perder a perspectiva nacional e de clase, acentuando o social no mundo obreiro e sindical, e o nacional na clase traballadora acomodada e no ámbito institucional. Unha fractura, que se debe salvar, porque implica non só conseguir o equilibrio necesario entre o social e o nacional, senón tamén nas formas en como se transmite o proxecto e as persoas que o deben facer. Porque na formación da conciencia, tamén teñen un papel moi importante estes aspectos. 

"Nun país colonizado dende hai tanto tempo como Galiza, é necesaria a divulgación da historia e da identidade do país e das súas potencialidades, ligar as contradicións sociais coa nacional, e sobre todo socializar os aspectos positivos da loita popular"

Agora ben, este papel de unir o concreto co xeral, o táctico co estratéxico, só o pode cumprir o partido da clase traballadora, e iso non se pode facer na “clandestinidade”. Cómpre polo tanto que participe do debate político estratéxico, e que realice proselitismo abertamente. Isto dinamiza a fronte institucional, o sindicalismo, as asociacións culturais, e todas as demais organizacións de masas.  Na relación apropiada entre partido, fronte e organizacións de masas está unha das chaves para a acumulación de forzas e avanzar na liberación. 

En resumo, para a liberación nacional de Galiza é fundamental partir da realidade, dunha caracterización da sociedade correcta, por máis dura que sexa, aproveitar os puntos débiles do sistema, e termos uns métodos correctos de traballo. Mais para formar a conciencia política para esta tarefa, nun país colonizado dende hai tanto tempo como Galiza, é necesaria a divulgación da historia e da identidade do país e das súas potencialidades, ligar as contradicións sociais coa nacional, e sobre todo socializar os aspectos positivos da loita popular, para combater o derrotismo sementado dende hai séculos polo imperialismo español. En todo caso, para vencer os atrancos e eivas que hai no camiño, non hai salvadores supremos, nen tribuno, nen deus. Todo depende de nós mesmos,... da nosa capacidade de autocrítica e superación. O demais sempre serán xustificacións demostrativas da incapacidade, da falta de alternativas.

http://manuelmera.blogaliza.org/

1. http://www.sermosgaliza.com/opinion/manuel-mera/retos-nacionalismo-despois-do-furacan-eleitoral-1/20140602154525027942.html