Opinión

O soberanismo toma a iniciativa (e a destitución de Torra)

O acordo do PSOE e ERC, permitirá a investidura de Pedro Sánchez con todo o que isto implica, respecto de dar unha viraxe á esquerda en certos temas laborais e sociais. Mesmo que estes cambios sexan inferiores ás expectativas sementadas polos socialdemócratas e Podemos, estes partidos sempre serán máis sensíbeis á mobilización laboral e social que unha dereita cada vez máis retrograda. Ábrese polo tanto un período complexo, dinámico, ateigado de contradicións e expectativas, nos que a política, os proxectos alternativos, poden ter de novo a forza que nos últimos anos se lles quixo quitar a través dos xestos, pretendendo que as formas substituísen os contidos, para que todo seguise igual.

Resulta evidente que para chegar a este punto foi fundamental o recoñecemento por parte do PSOE, un dos partidos máis importantes que avalan o sistema, de que en Cataluña existe un conflito político. Unha valoración que significa un salto cualitativo dunha enorme relevancia. Tanto porque cuestiona a persecución política dos últimos meses, como porque lle permite a ERC retomar a iniciativa. Unha iniciativa que o soberanismo catalán perdeu como resultado da dura represión do Estado español (aplicación do 155 e as condenas e detencións), da actitude dos medios, da ofensiva do bloque españolista de todas as forzas sistémicas, da postura pasiva da UE (para alén de manter as formas), da correlación de forzas en Cataluña... 

A recuperación da iniciativa por parte do soberanismo é o aspecto principal a destacar neste intre

Ao meu entender a recuperación da iniciativa por parte do soberanismo é o aspecto principal a destacar neste intre, mesmo por riba da división que xera no independentismo, especialmente entre ERC e JxCat. É verdade que o atrevemento ten seus riscos, especialmente a curto prazo, xa que o centro dereita catalán quere vender este acordo como unha traizón ao dereito de autodeterminación. Coa intención de converter os sentimentos en votos, e poder así manter a Presidencia da Generalitat, poñendo nun segundo plano o debate sobre a folla de ruta e o proxecto de país. Torra pretende deixalo todo supeditado a resistencia popular e a unha UE sensíbel ao dereito a decidir e ás normas democráticas (isto ten moito de utopía e dunha falsa lectura da realidade). Porén, cal será o sentimento na rúa respecto do acordo tendo en consideración o bloqueo actual? Todo indica que a postura de ERC busca dar resposta a estas preguntas.

As últimas enquisas realizadas deixan en evidencia que as persoas que optarían pola independencia son menos que as que están en contra. Mesmo tendo este dado moito de conxuntural, o certo é que o país está dividido polo tema, e que hai moitas forzas interesadas en alentar a fractura. Mentres que en cuestións como o dereito a decidir, ou a solicitude de liberdade dos presos/as políticos, e a República, existe base para unha maioría moi ampla sobre a que construír no futuro o proceso de independencia, se se amplían as complicidades e se reducen as posturas belixerantes. Neste aspecto pode axudar moito un capitalismo na súa etapa senil, a crise da globalización, do proxecto da Unión Europea e do Estado español, etc. Especialmente tendo en consideración que van a máis as grandes mobilizacións sociais en todo o mundo, que reflicten unha etapa chea de incertezas, porén tamén de cambios e oportunidades.

Existe base para unha maioría moi ampla sobre a que construír no futuro o proceso de independencia, se se amplían as complicidades

É verdade que está a medrar a estrema dereita e o españolismo, porén ao mesmo tempo o futuro governo do Estado español necesita, como nunca antes, do soberanismo (catalán, vasco, galego, etc) para levar adiante un programa de esquerda, alternativo á dereita. A este crecemento das forzas que loitan pola capacidade a decidir nas súas nacións hai que lle engadir a aqueles partidos rexionalistas e localistas que se opoñen ao proceso de centralización.  Esta suma pode axudar a construír novas maiorías a prol dun reparto territorial máis xusto do traballo e da riqueza... do recoñecemento do carácter plurinacional do Estado español, do dereito á autodeterminación... da nacionalización dos sectores estratéxicos, da xustiza social, a igualdade e solidariedade.  O dito, unha conxuntura na que medran as contradicións, complexa, dinámica, ameazada de retrocesos e aberta ás transformacións. Hai que conquistalas con iniciativa e atrevemento.

Despois de rematado este artigo coido necesario facer un breve comentario, logo de coñecer a decisión da Xunta Electoral Central (XEC) de destituír a Qim Torra como Presidente da Generalitat, xa que esa é a consecuencia inmediata de retirarlle a acta de deputado. Que a XEC, fora de período electoral e a instancia do PP, Ciudadanos e VOX tome esta decisión que é dubidoso que lle competa e ademais desproporcionada, amosa até que punto existe un condicionante partidista e ideolóxico en sectores ligados á xudicatura. Non se pode obviar que se trata dun ente administrativo para facer seguimento dos procesos electorais, e que neste caso intervén directamente nun problema político, no momento no que se vai a debater a investidura de Sánchez. As alianzas sobre as que se forxa o novo governo cuestionan algúns dos intereses dos grandes grupos económicos (reforma laboral, salario mínimo, pensións, fiscalidade...) e dos partidos da dereita, que prefiren unha nova convocatoria electoral.

Sería un paradoxo que na investidura tanto JxCat como a CUP terminaran sumándose aos votos negativos

Por último sería un paradoxo que na investidura tanto JxCat como a CUP terminaran sumándose aos votos negativos, escenificando unha fronte común co PP, VOX e Ciudadanos, aínda que as razóns sexan moi diverxentes. Pódese explicar a abstención, mesmo non acudir á investidura, porén facer do máis malo a opción preferíbel é moi difícil de argumentar, e fortalece o illamento social. Amosaría que a folla de ruta dunha parte do independentismo catalán ten como única opción o resistencialismo.

https://obloguedemera.wordpress.com/