Opinión

Soberanismo e globalización neoliberal

Os resultados da repetición das eleccións xerais, tanto pola fragmentación do voto, como polo medre da abstención, así como as constantes rectificacións que lle fai a xustiza da UE á española, e non só respecto do seu proceder no conflito catalá, amosa a crise política do Estado español. Até tal punto que, para o PSOE, a saída menos problemática semella ser a de deixar que todo siga igual, con reformas mínimas, abrindo un dialogo máis como escenificación que na procura de dar solucións reais, que obrigarían a unha profunda transformación do Estado. Por exemplo, é impensábel que se atreva a propoñer a constitución dunha Confederación. Claro que esta opción obrigaría a recoñecer o carácter plurinacional, e que todas as nacionalidades históricas sexan entes constitutivos, con dereito á autodeterminación.

Mais, como xa dixen, todo reflicte que o PSOE non se quere enfrontar o conflito nacional con perspectiva histórica, e tampouco a crise do capitalismo (desigualdade, precariedade, desfeita ecolóxica, corrupción e violencia estrutural, etc), polo que seguiran medrando as contradicións. Estas son, por unha banda a as alentadas pola dereita que quere aumentar a represión e impoñer un retroceso nos dereitos nacionais e sociais, aínda que sexa en distinta medida segundo se trate de VOX, PP e Ciudadanos. Pola outra, as reivindicacións dos movementos independentistas, que especialmente en Cataluña teñen hoxe unha gran forza social e política, e ven o momento como unha oportunidade histórica para poder avanzar na súa capacidade a decidir; ou cando menos conseguir un encaixe no Estado que lles garanta un certo grao de soberanía coa que facer fronte ás cuestións máis urxentes.

Malia que a xustiza da UE rectifique sentenzas a actuacións da española non implica que sexa favorábel ás teses do independentismo

Agora ben, malia que a xustiza da UE rectifique sentenzas a actuacións da española non implica que sexa favorábel ás teses do independentismo catalán, se houbese casos que deixen esta impresión estes serían unha excepción. Os poderes da UE teñen como finalidade e filosofía potenciar a globalización neoliberal, a unidade do mercado, a superación dos intereses nacionais, especialmente das nacións máis débiles e dependentes. Porén necesitan, para se consolidar seu discurso transversal e teoricamente de igualdade de trato, que se cumpran as normas e as acusacións sexan e sentenzas fundadas, seguindo os criterios dos estados que iniciaron a Unión, na procura de minguar así realidades e intereses tan diversos.

Para a UE este é un intre moi delicado, tanto polo medre das persoas desilusionadas coa Unión, como polo aumento da conflitividade social (Francia), e as diverxencias internas (grupo Visegrado), tanto respecto da política social como das relacións internacionais. O Brexit, a difícil relación cos Estados Unidos e con Turquía, o pantano de Ucraína e Siria, a militarización da UE na fronteira con Rusia, e a perda de poder económico diante de China e India, non son cuestións menores. O futuro da UE está en entredito. Deberíanos preocupar? Depende de cal sexa o obxectivo. Non se pode ignorar que a Unión acrecentou a desigualdade entre territorios e entre clases sociais, despois de usar a modernización das comunicacións como engado, máxime cando o chamado estado de benestar é cousa do pasado, mesmo que só abrangueu algúns dos países centrais da UE. Daquela que os maiores defensores da UE sexan as clases dominantes, a burocracia europea, altos directivos, profesionais... Grecia é un exemplo de que non é un bloque solidario, e Francia e Reino Unido exteriorizan de distinto modo o descontente popular coa Unión.

A desaparición da UE podería abrir novas oportunidades, por exemplo para Galiza, e tamén para Cataluña, Euskadi,... 

Tampouco se pode obviar, como un escenario posíbel no futuro, que a desaparición da UE podería abrir novas oportunidades, por exemplo para Galiza, e tamén para Cataluña, Euskadi,... En caso de que estoupase a Unión Europea e os anacos se reconfigurasen en varias entidades máis homoxéneas no seu grao de desenvolvemento e intereses. Se fose así, existiría unha oportunidade para construír unha república confederal entre Estado español (e Portugal), que para garantir un equilibrio debería integrar como parte constitutivas as nacionalidades históricas do EE. Lembremos que está era a proposta da Irmandade e do Partido Galeguista e do Primeiro Congreso da UPG. Que se fragmente o EE é unha posibilidade máis difícil, cando menos a medio prazo, máis non imposíbel.

Especulase moito con outras andainas posíbeis, como a aceptación dun referendo en Cataluña por Madrid, ou que se impoña un proceso unilateral. Mais, todo amosa que hoxe todas as portas están pechadas no Estado español e na Unión Europea á independencia de Cataluña, e os exemplos da URSS e Iugoslavia non son validos, xa que obedecen ao trato que se dá á potencia vencida. Respecto de Escocia non se pode ignorar que a súa situación legal responde ao que no Estado español era o antigo réxime, onde a Coroa servía de punto de encontro. Mais, repito, nun escenario tan complexo e dinámico, a situación pódese transformar en moi pouco tempo.

O discurso vangardista convive en moitos casos cunha práctica reformista, cando non de simple xestión do sistema

Polo tanto, neste contexto, o fundamental sempre será construír poder popular (aumentar o nivel de conciencia do povo, mobilizar, xerar un estado de animo reivindicativo, organizar,...) para aproveitar ao máximo calquera dos escenarios posíbeis. Algo moi difícil de conseguir sen proxectos intermedios para esta etapa, correlación de forzas e alternativas que se vexan como realizábeis. Máxime cando entre a realidade actual e os obxectivos estratéxicos mais altos (independencia, socialismo...) hai un abismo, e a tendencia dominante no mundo vai noutro sentido, malia que o imperialismo estea en crise. Daquela que o discurso vangardista convive en moitos casos cunha práctica reformista, cando non de simple xestión do sistema, ante a imposibilidade de casar o concreto co estratéxico. Daquela que os partidos da esquerda e os movementos de liberación antisistemicos foron perdendo base militante, mocidade, e cinguindo súa práctica política ao ámbito institucional e a respostas tácticas.

A esta altura, todo indica que ERC permitirá un Governo do PSOE+Podemos. E seguirá buscando unha solución para está conxuntura que lle permita modificar en beneficio do soberanismo, a medio prazo, o empate existente hoxe en Cataluña entre as persoas que están a prol da independencia e as que non. É para o que dá a conxuntura vendo o proceso en clave estratéxica. Só con discursos non se transforma a realidade.

A globalización neoliberal aínda non está derrotada como ideoloxía, con todo o que isto implica no ámbito da percepción na sociedade da cuestión nacional. En relación con esta realidade, que non é a da Guerra Fría e do auxe dos procesos de liberación nacional, hai que construír o relato, a folla de ruta e os obxectivos para esta etapa. É verdade que a globalización neoliberal, o capitalismo, está en crise, mais aínda non está claro cal vai ser o sistema alternativo (máis imperialismo e represión, ou voltar aos estados nacionais e con que nivel de socialización?). O que sabemos seguro é que hai que camiñar nesta dirección, aprendendo dos erros de experiencias anteriores. Cantas etapas implicará? Dependerá de cada realidade nacional e da situación rexional e internacional, da correlación de forzas, da historia de cada nación, dos resultados obtidos. Non se trata de poñer o listón máis alto en todo momento, senón de avanzar ao tope das posibilidades, nen de correr máis, senón de superar etapas.

https://obloguedemera.wordpress.com/