Opinión

Soberanía e autodeterminación

Resulta evidente que cada governo entende a soberanía segundo máis lle conveña ás clases dominantes. Daquela que a Unión Europea, que coa súa complicidade avala a ocupación de parte de Siria polos Estados Unidos, e fai o propio pechando os ollos cando o governo iraquí pide que as tropas de ocupación se retiren do país. Nestes dous casos consideran que a soberanía ten un papel menor fronte á garantía dos “dereitos democráticos” que “occidente” seica sempre garante. O propio fai o Estado español, ate hai poucos meses coidaba que o Sáhara tiña dereito á autodeterminación, tal como o entenden as múltiples resolucións as Unións Unidas, agora coida, nun cambio de 360 graos, que a solución máis convinte é que se incorpore a Marrocos como unha autonomía, avalando a ocupación e negando ao povo saharauí o dereito a decidir seu futuro.

A negación a exercicio do dereito de autodeterminación afecta a non poucos países, tal como se comproba esencialmente polos conflitos internos entre territorios dentro dos estados (produto das discriminacións culturais, lingüísticas, económicas, de dependencia...). Hai moitos intereses para que teña un papel secundario no debate ou se ignore a problemática, coa escusa da necesidade de construír un mundo máis aberto. Obviando que se fai a costa de condenar a un lugar secundario e mesmo á desaparición unha gran parte da diversidade histórica, cultural e lingüística da humanidade, e facendo da discriminación parte esencial do modelo de relación entre os povos,... en beneficio da centralización e concentración do poder e da riqueza, tal como viu acontecendo aceleradamente coa Globalización neoliberal.

Cómpre preguntarse: porque unha pequena illa do Caribe ou do Pacifico pode ser hoxe un estado-nación e non selo un país como Cataluña con sete millóns de habitantes, ou Galiza? ... Só porque a potencia colonial así o quixo (esperando contar manter o control co neocolonialismo e o respaldo nos organismos internacionais?) E, en relación co segundo caso,  non son recoñecidos o dereito a decidir mesmo que constitúan nacións moi antigas, teñan unha identidade moi marcada, e representen millóns de persoas. Resulta evidente que no primeiro caso tratouse de reproducir a estrutura colonial, obviando as vellas nacións autóctonas, en moitos casos con millóns de integrantes, que foron en moitos casos divididas entre dous e tres dos novos estados-nación. Non sería máis lóxico e democrático que ficase aberta a porta a unir a moitos destes povos se o quixeren, (independencia, confederacións...). 

Agora ben, indo ao fondo do problema, o centralismo é un mal que afecta a todas as potencias e á inmensa maioría dos países, mesmo aos que teñen un rol subimperialista, en poucas situacións se recoñece un dereito democrático básico como é o de decidir sobre a soberanía. No caso da ex URSS e ex-Iugoslavia aceptouse porque se trataba de debilitar a ambas federacións e esperando así controlar mellor aos novos estados-nación por parte da UE e do imperialismo estadounidense. Foi distinto no relativo a Kosovo, porque non estaba recoñecida como unha república, mais tratábase de debilitar Serbia. Agora ben, se o obxectivo era respectar a vontade do povo, deberíaselle dar esa mesma capacidade á minoría serbia do territorio kosovar para que optase entre Kosovo e Serbia. E mesmo abrir a opción de Kosovo a se integrar en Albania. Favorecer a independencia permitiu aos Estados Unidos construír a súa maior base en Europa, e manter run control total sobre este territorio (este era o obxectivo). Se o fundamental houbese sido respectar a vontade dun povo respecto do dereito de autodeterminación, porque non se aplica en Cataluña, Sáhara, Flandes, Donbass, Curdistán, etc. Que o povo vote e decida! Porque hai tanto medo a este dereito esencial!

Ficamos nunha conxuntura complexa, de graves problemas medioambientais, de límites nos recursos, de desigualdade social, de confrontación entre bloques nun mundo multipolar, polo que haberá moitos cambios, de posturas, tamén de “muros” e “divisións” nas estruturas político-territoriais neste período. Mais estados-nación ou estruturas de tipo confederal ou ambos modelos territoriais a un tempo?... O real é que a cuestión nacional non é un problema do pasado, como non o é a loita de clases. Aínda que Europa vaia a remolque nestes temas e en moitos máis.