Opinión

O sistema quérelle impoñer “sutilmente” a liña ao nacionalismo

Ao día seguinte das eleccións os xornais destacaron os principais dados: que gañou o PP, que o BNG converteuse na primeira forza da oposición e que UP+EU+Anova (Galicia en Común) desapareceu do Parlamento Galego. Ou sexa, constatou feitos obxectivos. Mais axiña os medios máis representativos do sistema (por exemplo La Voz de Galicia, Faro de Vigo, e El País) aproveitaron os resultados para “botar liña”; é dicir: para sementar unha interpretación do sucedido  funcional aos intereses das clases dominantes. A groso modo inciden en que o importante ascenso do BNG debese á moderación na mensaxe e a un discurso transversal, ou sexa, que nega a loita de clases. Unha interpretación semellante faise do escaso avance do PSOE, xa que debería xirar máis ao centro disputándolle o voto a Feijóo (ao estilo Abel Caballero?). En resumo o éxito electoral está unido a non cuestionar a fondo a desigualdade social (o capitalismo) nen a dependencia nacional (imperialismo).

Porén estas teses de acumulación carecen de sustento na sociedade, son unha interpretación funcional aos intereses das clases dominantes que contradín o que revelan as enquisas e unha análise obxectiva. Vexamos.

A) Hai partidos na Galiza que representan e se reafirman en posturas transversais no social e moderadas na cuestión nacional, que naceron hai anos, como Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista, que acadaron resultados anecdóticos en todos os procesos electorais, Por non lembrar o carácter transitorio de Coalición Galega. Por outra banda, non se pode obviar que na división de 2012 o BNG perdeu milleiros de votos porque Beiras presentouse como valedor da esquerda rupturista fronte a un BNG que seica se limitaba á reivindicación da soberanía. Sobre está tese, que pouco tiña que ver coa realidade, porén que calou nunha parte significativa da base da fronte (axudoulle moito a prensa), construíuse a chamada “unidade popular”, que rematou sendo unha “confluencia” de Podemos, no sentido máis literal do termo. Polo tanto, e contra o que afirma Errejon, os mellores resultados de Podemos na Galiza acadounos na súa alianza con Anova e EU (En Marea), como “esquerda rupturista” e deixando aparcada a tranversalidade, e mentres mantivo unha mensaxe de confrontación radical co sistema.

Os mellores resultados de Podemos na Galiza acadounos na súa alianza con Anova e EU (En Marea), como “esquerda rupturista”

B) Todas as análises recoñecen que en gran medida o ascenso do BNG debese ao traspaso masivo de voto dende Galicia en Común, aínda que en realidade tamén recolleu unha parte que estaba na abstención, e mesmo algún voto que fora do PSOE. Segundo a enquisa de Sondaxe obtivo un 29,5% daqueles que en 2016 votaron o que hoxe é Galicia en Común (uns 80.000 votos), un 7,1% do PSOE (20.000), e outras cantidades menores doutros partidos, máis unhas 100.000 persoas que repetiron polo BNG (como en 2016). De onde saíron polo tanto eses máis de 100.000 votos que acadou a organización até os 310.000?

C) O BNG puido durante a campaña fidelizar todos os votos de 2016 e apañar máis votos de Galicia en Común+As Mareas, porén fundamentalmente todo indica que unha gran parte recolleunos da abstención e novos electores/as. Lembremos que a abstención é un espazo no que se refuxia xente que “pasa do sistema” por distintos motivos, por exemplo electores/as que están nese intre descontentes co partido que votaban. Trátase de persoas que fican fóra de xogo, entre os que destacan en porcentaxe e número a mocidade, clase obreira e desempregados/as. Na abstención segue estando en boa medida o salto cuantitativo que pode transformar a realidade institucional na Galiza. Pensemos que o BNG converteuse na primeira forza na mocidade (entre 18 e 34 anos) con só un 22% de intención de voto neste segmento, como consecuencia da alta abstención. As persoas que están satisfeitas coa situación económica e política normalmente votan. As que se absteñen carecen de representación institucional, de peso nas decisións políticas, mais iso non implica que non estean presentes nas loitas laborais, sociais e populares de todo tipo. Ligar ambas tamén ten importancia neste aspecto.

D) Nunha análise pos-electoral feito pola Voz de Galicia salienta que o BNG acada mellores resultados nas zonas cunha media de ingresos de entre 11 mil e 13 mil euros, mentres que o PP arrasa nas áreas con ingresos superiores aos 20 mil euros, e naquelas por debaixo dos 9 mil, que son as zonas rurais. Polo tanto o crecemento do BNG non é consecuencia de gañar votos pola súa dereita, nen de sectores acomodados, senón todo o contrario, como o sinalan tanto as enquisas de Sondaxe como a realizada polo CIS onde os/as consultados sitúan ao BNG e a Galicia en Común, e aos seus/súas votantes, na esquerda ideolóxica.

O crecemento do BNG non é consecuencia de gañar votos pola súa dereita, nen de sectores acomodados, senón todo o contrario

O triunfo do PP e o fortisimo ascenso do BNG non é unha casualidade ten razóns subxectivas e obxectivas, que amosan un pulo no estado de animo da xente e do nivel de conciencia, como consecuencia do fracaso e exclusións do sistema. Por iso, por unha banda, os resultados responden a actual hexemonía no eido das ideas das clases dominantes, a través dos poderes facticos. Porén, por outro lado, son unha contestación ao importante aumento das desigualdades económicas, sociais e territoriais, e sobre todo a un futuro incerto, ateigado de interrogantes. Este medre das contradicións, e a polarización social, son as que sostiveron ao PP como expresión da continuidade da globalización neoliberal, porén tamén as que dan pulo ao BNG como o suxeito político que mellor pode defender os intereses populares e nacionais na Galiza.

Semella que os/as votantes do BNG, vellos e novos, non están a buscar tanto unha ferramenta que se modere nos obxectivos, e sexa ben vista polos valedores do sistema, como unha forza coherente, combativa, teimosa, que poña por diante a xustiza social, a soberanía, a igualdade, a defensa do ecosistema, da solidariedade internacionalista. Segundo as enquisas todo indica que para a maioría social esa é a imaxe que teñen da fronte nacionalista, ou é a que esperan que sexa, e pola que votaron hoxe e farano mañá. Por este motivo, de tanta transcendencia, danse as presións do sistema, para eliminar ou reducir as resistencias ao retroceso que se anuncia: peche de empresas, baixos salarios, xornadas extenuantes e precariedade, rebaixa dos servizos e prestacións públicas, emigración da mocidade, machismo, illamento da cultura e lingua, etc. Loitas a prol da soberanía, do ecosistema, dun modelo económico e social xusto e sustentábel, diversificado, circular...

Os/as votantes do BNG, vellos e novos, non están a buscar tanto unha ferramenta que se modere nos obxectivos, e sexa ben vista polos valedores do sistema, como unha forza coherente

Sei que o BNG é e será sensíbel a estas loitas defensivas e reivindicativas, que aceptará estes retos e contribuirá a lles dar folgos para que se convertan en conquistas populares e nacionais. Que analizará correctamente o presente a aprenderá do seu pasado político. Farao como sempre, coa mobilización, cos argumentos, con folla de ruta axeitada, dende o respecto e a firmeza. Farao con métodos que respondan a esta etapa da sociedade, ás súas características e formas de comunicación e organización, que sempre serán unha combinación do novo e o vello, do colectivo e individual, do principal e secundario. A cuestión está nas porcentaxes, nos equilibrios, en cal é a tendencia dominante, que sempre será a que marca a imaxe e consolida a liña política; ou sexa, a que permita avanzar máis rapidamente no cambio, na construción do proxecto de trnsformación. 

https://obloguedemera.wordpress.com/