Opinión

Siria e Rusia superan unha nova trampa

Un pacto de alto o fogo en Siria non era o que precisamente buscaba o presidente de Turquía, xa que resulta evidente que se chegou a unha confrontación directa porque así o quixo, co obxectivo de eternizarse neste territorio. Tampouco é algo secundario que a xuntanza se fixese en Moscova, deixando en evidencia quen necesitaba deter a confrontación directa antes de que lle tivese custes moi grandes sobre o terreo e na imaxe pública do seu país. Sen dúbida Erdogan calculou mal tanto a fortaleza do exército sirio, como o compromiso de Putin coa integridade deste país, e sobre todo que a UE e os Estados Unidos se ían meter nun enfrontamento tan directo con Rusia, por un “aliado” tan camaleónico e con intencións expansivas. Grazas a estes condicionantes evitouse, polo momento, un conflito que colocaba ao mundo diante dun salto cualitativo na confrontación de bloques.

Segundo varias webs especializadas en temas militares e no conflito sirio, a ofensiva turca contou con máis de sete mil soldados e con numerosa artillería e tanques, así como drons. Estes últimos eran esenciais xa que ademais de situar exactamente ás tropas sirias no terreo, para que os ataques da artillería fosen máis efectivos, ademais permitía atacalas mediante bombardeos directos. Sábese que Rusia non empregou a súa aviación para impedilo, utilizou equipos aéreos de detención de obxectivos e que ademais neutralizaron os sistemas turcos. Daquela que este país perdese unha gran cantidade de drons durante eses días, e non puidese cumprir as promesas de Erdogan de ocupar toda a provincia de idlib. Se esta análise fose correcta, amosaría o avanzada que está Rusia no control das comunicacións, un aspecto do que sen dúbida tomará boa nota a OTAN e o Pentágono.

Porén a cuestión é canto durará este alto o fogo. Resulta evidente que a maior parte dos grupos armados de idlib e doutras zonas de Siria, non controladas polo governo, foron alentados e apoiados por Turquía, e tamén polos Estados Unidos e aliados. Tampouco se pode ignorar que para Ancara a destrución da autonomía curda é básica, e que aínda seríalle máis favorábel coa súa estratexia repovoar as zonas limítrofes con turcománs e arabés (tal como está a facer en certas áreas do norte de Siria, segundo organismos internacionais). Este xeito de axer respondería á pretensión de Erdogan de “reconstituír” dalgún xeito o imperio otomán. Estes obxectivos estratéxicos semella que condicionaron que non cumprise os acordos de Sochi, que só gañase tempo nunha conxuntura  delicada polo afastamento de Washington, despois do frustrado golpe militar no ano 2016.

Rusia non empregou a súa aviación para impedilo, utilizou equipos aéreos de detención de obxectivos e que ademais neutralizaron os sistemas turcos.

Agora ben, malia estes antecedentes e as pretensións insensatas de Erdogan, o certo é que con este acordo, malia que se adíe a recuperación de todo o territorio sirio, sen ningunha dúbida tanto Damasco como Moscova saen fortalecidas. A baza de crear unha invasión de inmigrantes para forzar o apoio da UE non lle valeu a Turquía, tampouco foi quen de reconquistar os territorios recuperados na provincia de idlib e Alepo polo exército sirio, aínda que este aspecto foi o obxectivo da intervención militar, e ademais Rusia enviou dúas modernas fragatas ás costas sirias. Outro aspecto que non se debería subestimar é que o uso masivo de artillería e drons por parte de Turquía non tivo o efecto desexado máis que nos primeiros días, xa que logo o exército sirio recobrou rapidamente a iniciativa en a maior parte do territorio. Agora non só controla a estratéxica estrada M-5, entre Damasco e Alepo, senón que Erdogan quedou comprometido a abrir a M-4 entre esta última cidade e Latakia.

Con toda seguridade tanto a OTAN como Israel tomaron boa nota do sucedido no eido militar durante estes días en Idlib

Con toda seguridade tanto a OTAN como Israel tomaron boa nota do sucedido no eido militar durante estes días en Idlib, e tamén o fará Rusia respecto do uso masivo de drons non só na observación do terreo senón tamén no ataque a tropas. Asemade, non se debe esquecer que Estados Unidos ocupa ilegalmente, pola forza, as principais zonas petroleiras de Siria, nas que tamén Turquía ten interese (Erdogan seica lle propuxo a Putin unha asociación para a explotación destes pozos). E que, especialmente Francia e o Reino Unido están comprometidos coas accións de Washington na zona, e ademais existe certa relación entre a situación en Siria e a confrontación entre Arabia Saudí e Rusia respecto da produción petroleira.

En resumo. Mesmo que as potencias occidentais non podan impoñer seus criterios, mesmo perdesen batallas e espazo sobre o terreo, aínda o governo de Damasco non gañou totalmente a guerra, partes do país seguen ocupadas. Resulta evidente que a esta altura que Estados Unidos e aliados non teñen capacidade nen argumentos para vencer, porén contan cos medios necesarios para esmagar un país. E isto é o que pretenden a esta altura, porque disciplina a unha morea de estados que teñen un papel subalterno. Polo tanto, a liberación total do territorio sirio da inxerencia externa sería un salto cualitativo, para alén de ligalo ou non á xustiza social e á democracia, necesitará de novos sacrificios... por canto tempo? https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios