Opinión

Serán estas as eleccións que inicien o cambio?

Seriamos moi inocentes se aceptásemos o argumento de Núñez Feijóo de que convocou as eleccións galegas para o 5 de abril, coincidindo coas vascas, porque seica quería evitar as tensións que implicaría unha ringleira de procesos até final de ano, tendo en consideración que ademais vanse realizar as de Cataluña. Todo fai pensar que foron outras as razóns. Por exemplo: non dar tempo a que os partidos do Governo podan tomar medidas que lles permitan aumentar a complicidade social, tanto de persoas que se podan situar no centro político como abandonando a abstención; que Ciudadanos e VOX puidesen armar listas electorais con algún atractivo, disputándolle o voto de dereita; evitar o deterioro na imaxe pública do PP galego polas posturas de estrema-dereita da equipa de Casado; e que os resultados no País Vasco puidesen condicionar as eleccións galegas, e cuestionar ao PP como partido alternativo no ámbito do Estado.

Respecto dos condicionantes das eleccións, o que ten maior relevancia son os compromisos do PSOE-UP e os acordos co BNG e outras forzas soberanistas

Respecto dos condicionantes das eleccións, o que ten maior relevancia son os compromisos do PSOE-UP e os acordos co BNG e outras forzas soberanistas. Como é o caso da derrogación da reforma laboral, da lei mordaza, do artigo 315.3 do CP, da LOMCE, así como medidas que dean solucións á eutanasia, á igualdade, ao despovoamento do rural, etc. Asemade, no caso concreto de Galiza, de iniciativas que sexan resposta á problemática das centrais de enerxía térmica, ás empresas electro-intensivas, estaleiros, así como aos custes e á transferencia da AP9, etc. Moitos destes aspectos son recollidos no acordo de investidura entre o BNG e PSOE, para os que existe unha comisión de seguimento entre ambos partidos, e que se deberían comezar a executar no menor tempo posíbel.

Cumprir os acordos non debería ser unha cuestión secundaria para o PSOE-PSdeG, xa que serían responsábeis de incumprir este pacto (tamén de UP, malia que non o asinase, xa que forma parte do Governo). Trataríase dun argumento electoral que utilizaría a dereita, e que condicionaría tanto as votacións como un governo de coalición na Xunta, xa que se trata dun pacto que o BNG non podería nen debería deixar de lado. É verdade que non hai tempo material para artellar algúns temas, porén no referente ás empresas en situación crítica urxen as solucións, e outro tanto sucede coa reforma laboral, e non só con aspectos moi graves como o despedimento por baixa de enfermidade. Hainos que abranguen acotío ao conxunto da clase traballadora, como a recuperación da ultra actividade, a primacía dos convenios de sector, reducir as causas de descolgue das empresas dos convenios, acoutar os contratos temporais a situacións moi especificas, etc.

Agora ben, en principio, se o Governo central acelera a posta en práctica das medidas comprometidas na investidura de Pedro Sánchez, entre as que están as acordadas co BNG, hai expectativas reais de que a dereita perda a Xunta de Galiza. Xa que as eleccións xerais e municipais, aínda que non sexan un calco das autonómicas, marcan unha tendencia descendente do PP, que a suma de votos e deputados/as de VOX e Ciudadanos non compensaría. Pola súa banda as enquisas destacan un medre importante do PSOE e do BNG, dándolle ao primeiro a presidencia. Lembremos que nas xerais practicamente houbo un empate entre o PP e o PSOE, e nas municipais o PSdeG fíxose coa maioría das alcaldías das principais cidades, cinco de sete, e de moitas vilas, aínda que o PP superou aos socialdemócratas en menos dun punto en votos no computo nacional.

Os resultados das últimas eleccións amosan un crecemento do BNG, como consecuencia da súa coherencia respecto do tema nacional galego

Os resultados das derradeiras eleccións amosan un crecemento do BNG, como consecuencia da súa coherencia respecto do tema nacional galego, unha práctica ligada á defensa dos intereses das clases populares, non só nas institucións senón tamén na mobilización laboral e social. Asemade, obter de novo representación no Congreso do Estado, nunha conxuntura tan determinante, e ser capaz de negociar co PSOE para garantir a presidencia de Pedro Sánchez un acordo no que se contemplan cuestións esenciais para Galiza e a clase traballadora, implicou un salto cualitativo. Hai que caracterizalo así, porque deixou en evidencia o valor da presenza do BNG no Congreso do Estado, e puxo en entredito o papel dos/as deputados dos partidos sistémicos (PP+PSOE+Ciudadanos, etc), e tamén daqueles que se presentan como rupturistas (UP+EU). Amosou na práctica diante de toda a sociedade canto se podería facer a prol de Galiza cunha representación do BNG maior, e ademais cuestionou todas as formulas de confluencia institucional do soberanismo con forzas de ámbito estatal. Xa que, estes anos nos que o BNG non estivo no Congreso, foron excepcionais (e dependentes de quen fose o deputado/a) as intervencións con problemáticas ou perspectivas que tivesen a Galiza como centro.

Sen dúbida a fronte patriótica está diante dunha nova oportunidade que pode aproveitar ao máximo se une aos méritos comentados á iniciativa e atrevemento, e deixa patente en todo momento que coloca os intereses colectivos por diante dos de grupo e persoais, xa que estes últimos son propios dos partidos sistémicos. Neste aspecto non axuda evitar contestar as preguntas sobre unha posíbel  alianza electoral con outras forzas nacionalistas, pondo o acento en que: “temos un proxecto sólido a favor do país e un liderado claro coa candidata de Ana Pontón”. Pode existir un acordo ou non con outras forzas, xa que dependerá do programa e da folla de ruta, mesmo do reparto do poder, porén non se pode fuxir do tema (máxime cando nas eleccións anteriores houbo un acordo con Compromiso por Galicia). Tampouco se lle fai un favor á portavoz e ao BNG poñendo como o valor máis sobranceiro seu liderado persoal, suplantando deste xeito como suxeito central ás clases populares, á militancia e á equipa de dirección. Tampouco é críbel que se poña como obxectivo nestas eleccións acadar a presidencia; na sociedade non todos son cadros políticos, mais a xente sabe medir a correlación de forzas e ten opinión sobre as posibilidades de cada quen.

Todo indica que a parte débil do “bloque-de-esquerda”, para sacar ao PP da Xunta, é a constituída por Podemos+Esquerda-Unida+Anova-As-Mareas+Mareas-locais

Todo indica que a parte débil do “bloque-de-esquerda”, para sacar ao PP da Xunta, é a constituída por Podemos+Esquerda-Unida+Anova-As-Mareas+Mareas-locais, xa que está moi fragmentada polas contradicións e disputas e foi perdendo peso nos últimos anos. Asemade hai interrogantes non resoltos sobre como se presentaran ás eleccións: Irán baixo unha soa sigla ou divididos en varias? Na primeira opción contarían co paraugas e os límites de estar asociados ás políticas do Governo central. Se fose a segunda: primará na decisión a cuestión da soberanía ou a disputa polo reparto do poder? A esta altura o único certo é que Anova e As Mareas foron perdendo peso electoral en beneficio de Podemos e, en menor medida, de Esquerda Unida. Unha situación ben distinta a das eleccións autonómicas de 2016 e non digamos de 2012.

Sen dúbida este é un tema para o debate e para a reflexión das forzas á esquerda do PSOE, especialmente daquelas que se reclaman soberanistas, republicanas, e loitan pola xustiza social e a igualdade. É verdade que a participación de Unidas Podemos no Governo central convírtea nunha forza funcional para sectores que están á esquerda do PSOE, sen cuestionar o capitalismo. Porén tamén aumenta a fenda de UP con aqueles que buscan cambios sistémicos e séntense traizoados por  esta viraxe estratéxica. Este tema e o da auto-organización xa teñen expresión en Andalucía co saída da disciplina de Podemos dun número importante de cargos políticos.

Canto voto perderá na Galiza respecto das eleccións de 2016 este bloque arredor de Podemos é unha incógnita, así como se ficará por diante ou detrás do BNG, aínda que as enquisas estiman que a fronte patriótica será a terceira forza nestas eleccións. A tendencia dos últimos anos reforza esta hipótese, tamén a súa maior estrutura. En calquera caso, é unha cuestión que ten importancia, tamén se hai un governo progresista xa que afecta á intensidade dos cambios. Mesmo así, nunca está demais lembrar que as transformacións seguiran dependendo en gran medida da mobilización, organización, e capacidade para gañar a loita das ideas, por parte do movemento nacional popular galego. Ou sexa, de cal sexa a participación e protagonismo das clases populares, e moi especialmente do movemento obreiro, na confrontación política, superando o marco da empresa, da aldea, do barrio, da problemática especifica...

https://obloguedemera.wordpress.com/