Opinión

Seica Rusia estaría derrotada

A retirada do exército ruso da ribeira esquerda de Dnieper na provincia de Xerson foi ollada nun principio pola Ucraína con sorpresa, despois como unha trampa, e agora como un triunfo.

Daquela Zelenski escenificase unha campaña de publicidade na zona, ao que se sumaba o relato dunha cidade desfeita, mortos a moreas durante a ocupación, e persoas que recibían con flores ao exército liberador. Esta é a única versión en occidente. Non se di que a maior parte da provincia segue en mans rusas, que máis de cen mil civís optaron por se marchar cos “ocupantes”.Tampouco se tivo en consideración que Rusia diu como motivo para retirada (neste caso táctica) a destrución das pontes sobre o Dnieper o que impedía un abastecemento axeitado de alimentos para os civís e de municións para o exército. Tamén esquecéronse axiña as fotos, polo impacto negativo, con presuntos colaboradores atados a unha arbore acosados pola xente que permaneceu en Xerson, e por suposto ninguén lembra que todos os partidos políticos de oposición están prohibidos na Ucraína, coa argumento da guerra, e de que son prorusos. O Partido Comunista xa foi prohibido no ano 2015, e tiña un 14% de representación no Congreso.

Neste contexto algúns medios sistémicos occidentais falan dun acordo de paz que se basearía nun abandono de Rusia das provincias anexadas en referendo (incluíndo a Crimeia). O territorio sería controlado por forzas da ONU (ou sexa, polas potencias occidentais) até que comezasen dentro duns anos as negociacións definitivas. É dicir o G-7+OTAN aceptaría unha resolución do conflito que non fose inmediata, sempre que implicase a derrota de Rusia, e evite converter a Zelenski no gran triunfador, un papel que con esta folla de ruta outorgaría a ONU, e sobre todo Washington. Para dar realismo a este relato tómanse como base as xuntanzas (necesarias en calquera circunstancia) que neste intre teñen Estados Unidos e Rusia respecto dos mísiles estratéxicos, que son un tema moi especifico.

Trátase máis unha vez de presentar a Rusia como derrotada ou demonizala, tanto se está aberta ás negociacións como se non, mentres manteña os obxectivos iniciais da “invasión-operación especial”. Daquela que a estratexia de occidente teñen como razón de fondo moito máis que o conflito que representan os dereitos do Dombass e Crimeia, e a soberanía da Ucraína, xa que está en xogo se Estados Unidos mantén a hexemonía total ou acepta o multilateralismo. Ou sexa, se o imperialismo dominante recoñece como mínimo que ficamos nun mundo no que existen máis potencias, para alén daquelas que están asociadas e exercendo unha función subimperialista. E sobre todo que o planeta ten unha enorme diversidade humana e pluralidade política, e que enfronta graves problemas de tipo ecolóxico e de límites nos recursos enerxéticos, de minerais, e de produción alimentar, mesmo de carácter migratorio e demográfico... ademais dun reparto inxusto e medre da desigualdade, que fica nun segundo plano sendo fundamental.

Para alén da escenificación, se analizamos os feitos dos últimos meses temos guerra para longo, máxime con algúns governos botando máis leña ao lume (como Polonia, os países bálticos, etc... até Pedro Sánchez saca peito). E tampouco axudan as resolucións do G-7, da ONU. Algunhas tendo aparentemente unha base de aposta pola paz, por exemplo cando se pide que Rusia teña que indemnizar á Ucraína polos efectos da guerra, aínda que non piden o mesmo respecto dos bombardeos deste país contra o Dombass, con 14.000 civís mortos. Ou en relación cos ataques de Estados Unidos e aliados en Iraq, Afganistán, Siria, etc. Unha dobre vara de medir cada vez máis común, que alenta a división do mundo, daquela que cada vez son máis os países que votan en contra ou se absteñen (o que tamén deixa ver as contradicións e feblezas de moitos governos, que votan a prol, en contra ou se absteñen, segundo a votación, mesmo que haxa un nexo entre elas).Os bombardeos de Rusia desta semana sobre a infraestrutura da Ucraína amosan a súa capacidade militar non só en termos de armamento atómico senón tamén convencional. O exército ruso pode cometer erros, como minivalorar ás forzas da Ucraína e sobre todo as consecuencias da axuda da OTAN durante meses, porén iso non implica que non corrixa, e que se esvaese seu poder militar. O final desta guerra e doutras no está fusil, nen nas sancións, senón nas garantías de seguridade, en que os povos decidan, en eliminar a desigualdade e o trato subordinado.

Unhas últimas preguntas en función do acontecido estes días: até que punto a montaxe de Polonia+Ucraína de lanzar á segunda un mísil sobre territorio da primeira para acusar a Rusia, e implicar á OTAN directamente na guerra, pode minar esta estratexia e acelerar unha saída, dado que o perigo que xa representa o apoio a Zelenski para seus mentores e protectores?... darán pulo a novas negociacións de paz? Haberá un golpe de estado na Ucraína para que todo siga o planificado polo miúdo por Washington? Ou teremos ambas as opcións no mesmo bote para que o conflito se manteña latente e cunha imaxe negociadora de occidente e na ruta marcada polo Pentágono?...