Opinión

A século e medio da Comuna de París

En 1866 Francia tiña 38 millóns de habitantes, daquela era o país máis povoado de Europa. París  atinxía 1.850.000 habitantes. De 1830 a 1850 a industria téxtil empurrou pola economía, e a partir dese momento fíxoo a metalurxia e os ferrocarrís, de tal xeito que en 1870 a rede de camiños de ferro acadaba os 18.000 quilómetros. Esta mellora económica non chega á clase obreira, que perde poder adquisitivo. A xornada laboral en París é de 11 horas ao día e, como media, e de 12 horas nas provincias. En 1868 organízase a Federación Central de Sindicatos Obreiros en estreita relación coa Primeira Internacional. Sucédense acotío conflitos laborais, que son cruelmente reprimidos; por exemplo: en 1869 nas minas Saint Etienne, o exército matou a trece persoas e feriu outras nove.

A guerra franco-prusiana (xuño 1870 até xaneiro 1871), que remata coa derrota de Napoleón III, aumentou as contradicións sociais en Francia

A guerra franco-prusiana (xuño 1870 até xaneiro 1871), que remata coa derrota de Napoleón III, aumentou as contradicións sociais en Francia, por mor do desprestixio do exército, a crise económica e as medidas desacertadas da Asemblea Nacional e o Governo. O 4 de setembro de 1870 os obreiros de París proclamaron a República. Dado que os prusianos avanzaban sobre a cidade, o povo consentiu que se mantivesen as autoridades co obxectivo de defendela. Mais o Governo de salvación nacional traizoou este obxectivo, e terminou capitulando diante das forzas invasoras. Polo que o povo estoupou e sublevase o 18 de marzo, e o Governo provisional de Thiers comeza a evacuación do aparello administrativo a Versalles, para fuxir da rebeldía popular. A pretensión de recuperar a cidade foi un fracaso, as forzas leais a Thiers tiveron que abandonar os poucos redutos que tiñan en París, e dous xenerais serían fusilados. Unhas 100.000 persoas abandonaron a cidade, especialmente dos barrios ricos.

Desde o 18 de marzo até o 28 de maio París estará cercada, mais iso non impide que se tomen  decisións. O 26 de marzo fixéronse eleccións, nas que participaron 229.000 electores, e o 28 constituíuse a Comuna. Os 92 membros do Consello Comunal incluía obreiros, artesáns, pequenos comerciantes, profesionais, e numerosos políticos. Abranguía todas as tendencias republicanas: desde reformistas e moderados, até socialistas, anarquistas xacobinos,... O socialista Auguste Blanqui foi elixido presidente do Consello. A Comuna fíxo unha declaración dirixida ao povo francés: “O recoñecemento e a consolidación da República, única forma de governo compatíbel cos dereitos do povo, o desenvolvemento regular e libre da sociedade (...) garantía absoluta da liberdade individual, da liberdade de conciencia e da liberdade de traballo (...) Correspóndelle a Francia desarmar a Versalles”.

O 20 de marzo o Comité Central da Garda Nacional prohibiu os despexos, e a Comuna unha vez en funcións decidiu conxelar os vencementos de todos os alugueiros e despexos concedidos por tres meses. No aspecto económico a Comuna por un decreto do 16 de abril procuraba que algunhas organizacións obreiras servisen de base para o desenvolvemento do movemento cooperativo, dando así tamén solución a talleres pechados pola fuxida dos donos. Tamén a renovación de maxistrados e funcionarios comunais de toda orde faríase por elección e concurso, con dereito á súa revogación.

Esta experiencia revolucionaria do povo terminou illada e cercada polas tropas do Governo provisional

Esta experiencia revolucionaria do povo terminou illada e cercada polas tropas do Governo provisional. A situación non era doada para os rebeldes en París, malia que houbo sublevacións noutras cidades de Francia, como Toulouse, Narbona, Saint Etienne, Creusot e Lyon (esta última xa se rebelara o 28 de setembro de 1870 para constituír unha Comuna anarquista inspirada en Bakunin). Os prusianos axudaron a Thiers liberando a 40.000 prisioneiros franceses, e deron autorización para que dispuxese de até 80.000 homes en armas, cifra que aumentarían despois aos 170.000. A Comuna só contaba cos federados (a Garda Nacional) e un exército de voluntarios. París foi asaltada desde el 2 de abril polas forzas de Versalles e a cidade foi bombardeada de maneira constante. As dificultades da defensa eran enormes, entre elas a carencia de disciplina e de organización militar, a falta de xefes cualificados e unha dirección única.

A derrota da Comuna no plano militar converteuse nunha masacre, xa que o exército de Thiers tivo entre o 3 de abril e o 28 de maio 877 mortos, e calcúlase que os federados tiveron catro veces máis baixas. Mais, a maioría das vítimas serían consecuencia das execucións en masa, que encetaron o 23 de maio. Foron preto de 35.000 os mortos pola represión. Ficaron en prisión 36.000 insurrectos, dos que serían condenados 13.700 a morte, traballos forzados, deportación... entre eles 170 mulleres e 60 menores. Neste último aspecto, o día 24 de maio correu o rumor de que as mulleres guindaban petróleo ardendo nos sotos para provocar incendios, polo que toda muller mal vestida que levaba unha botella valeira podía ser acusada de petroleira e fusilada contra a parede máis próxima

A Comuna de París deixou pegada no imaxinario colectivo do movemento obreiro: federalismo, república, protagonismo das maiorías, dereitos laborais, servizos públicos... Tamén amosou até onde podían chegar as clases dominantes para defender seus privilexios, e as eivas que tiña que superar o campo popular para conquistar con garantías o poder. Hai 150 anos París converteuse na primeira experiencia colectiva de democracia popular, na que participaron homes e mulleres, clase obreira e clases medias. Carlos Marx analizou na Guerra Civil en Francia este momento álxido da loita de clases, súas contribucións e contradicións. A Comuna non tivo tempo material para se desenvolver, só durou pouco máis de dous meses en condicións de moitas dificultades e cercada, mais deixou semente, na conciencia colectiva da clase traballadora mundial. 

https://obloguedemera.wordpress.com/