Opinión

Sancións a Rusia polo reparto do poder e do lucro

O conflitos militares nas fronteiras con Rusia, as sancións comerciais dos Estados Unidos e da Unión Europea, e a presión contra o rublo nas Bolsas, agudizaron a confrontación entre as principais potencias atómicas de xeito tal, que se alguén achega un misto, todo pode estoupar, colocando a humanidade ao borde do precipicio. 

O conflitos militares nas fronteiras con Rusia, as sancións comerciais dos Estados Unidos e da Unión Europea, e a presión contra o rublo nas Bolsas, agudizaron a confrontación entre as principais potencias atómicas de xeito tal, que se alguén achega un misto, todo pode estoupar, colocando a humanidade ao borde do precipicio. Estas medidas son consecuencia dun proxecto imperial máis amplo que o relativo á Ucraína, xa que este é un conflito moi meditado que serve de escusa para frear o avance das potencias emerxentes. O que está en xogo é o control mundial dos recursos, dos mercados e do dólar como moeda de referencia.

"Abondaría con que o imperialismo (Estados Unidos e aliados) aceptase que o mundo mudou, que xurdiron novas potencias, que non se poden ignorar os dereitos das nacións"

Agora ben, esta confrontación, e outras semellantes, poderíanse evitar mediante o diálogo. Abondaría con que o imperialismo (Estados Unidos e aliados) aceptase que o mundo mudou, que xurdiron novas potencias, que non se poden ignorar os dereitos das nacións máis pequenas e que cómpre rematar coa estrema desigualdade social e a pobreza. Daquela, un paso no camiño correcto, aínda que non suficiente, sería aceptar a existencia de varios polos de poder mundial, como acontecía cando o mundo estaba dividido en dous bloques pola guerra fría. Claro que daquela tamén había diferentes propostas sistémicas. Hoxe trátase só de acadar un mellor reparto da riqueza e o poder entre as grandes potencias, sen cuestionar as clases dominantes. Por outra banda, unha saída deste tipo sería contraria á esencia do imperialismo.

As vellas potencias hexemónicas, entre as que a Unión Europea actúa como punta de lanza, esperan que a presión económica e mediática consiga o que non poden obter mediante a guerra directa (como farían noutros tempos). Queren colocar a Rusia, e con ela o resto dos BRICS, nunha situación subalterna, e que isto sexa un exemplo para a ALBA e os países que queren manter a súa soberanía. No caso de Rusia, aproveitan a enorme dependencia que este país ten das exportacións de petróleo e gas e dos investimentos europeos, sabedores que os cambios estratéxicos que está a facer para substituír o comercio a Europa por países de Asia (especialmente China) e América Latina, levan tempo. Se derrotan a segunda potencia nuclear, a forza económica de China perdería moita da súa importancia.

"Pode que Washington, e os seus aliados, midan mal a autoestima do pobo ruso e que este acepte grandes sacrificios e aguante o tempo necesario para conservar a súa soberanía".

Porén, pode que Washington, e os seus aliados, midan mal a autoestima do pobo ruso e que este acepte grandes sacrificios e aguante o tempo necesario para conservar a súa soberanía. Un exemplo de resistencia é o de Cuba durante décadas, convertendo o bloqueo e as sancións nunha vía morta para o imperialismo, xa que este transformouse en tema de fricción coa maior parte da América Latina. Se fose deste xeito no caso de Rusia, os BRICS sairían fortalecidos e habería un mundo máis plural, no que as pequenas nacións terían máis posibilidades de que se respectasen os seus intereses; outro tanto sucedería coas clases populares.

Alén das hipóteses que se podan facer sobre o resultado desta confrontación (onde varios premios Nobel acaban de chamar a atención sobre os perigos dunha guerra atómica), o realmente preocupante é que a estratexia dos Estados Unidos e da UE, rexeitando as saídas negociadas, está dando pulo a vías desesperadas e a grupos con métodos sanguinarios. Alenta estas alternativas para xerar o caos, destruír os governos que non controla, lexitimar a utilización da forza militar da OTAN e a privatización das guerras. 

Tendo en consideración a capacidade nuclear de Rusia, o imperialismo está premendo a situación ao estremo, colocando a humanidade ao borde do suicidio. E, aínda que cinicamente utilicen como xustificación a democracia, que por outra banda esmagan acotío con políticas de austericidio social e opresión nacional, fano exclusivamente por anceios de poder e cobiza. Fano coa finalidade de estender en beneficio das clases dominantes a globalización neoliberal, o capitalismo do noso tempo. 

http://manuelmera.blogaliza.org/