Opinión

O salario mínimo, crise e relato

En relación co salario mínimo interprofesional (SMI) abriuse no mes de decembro un novo debate público entre o PSOE e UP. Esta última é partidaria de aumentalo, malia que non din canto, mentres que o PSOE coida que hai que adialo, seica por mor da crise económica. Na práctica trataríase de conxelalo durante uns anos, porque o PIB pode que non se recupere a valores de antes da pandemia até finais de 2022. Evidentemente a proposta esquece que a caída dos ingresos non atinxe a todas as clases por igual, e mesmo hai unha minoría privilexiada que está facendo máis cartos a esgalla. Agora ben, mentres non se pronuncie o Governo como tal é difícil saber cal será a postura final, aínda que o tempo vai pasando e dende o Executivo cada vez falase menos do tema.

Outro aspecto a termos en consideración é se esta diverxencia irá a máis. Do que non hai dúbida e que se esceneficou nos medios por ambos partidos, mesmo coa participación de ministros e ministras. A cuestión polo tanto é: en que grao aumentará a fenda entre os socios do Governo e/ou só se trata de marcar territorio e conseguir un troque de cromos. Por exemplo, SMI por despexos por mor dos impagos motivados na pandemia, ou con respeito a non derrogar a reforma laboral...

O que non semella que estea en perigo polo momento é a coaligazón, máxime cando un Executivo só do PSOE tardaría en superar as feridas abertas, e tería moi difícil atopar apoios mesmo circunstanciais nas forzas da dereita. Polo tanto, unha ruptura, aínda que se aprobasen uns orzamentos feitos á medida dos partidos coligados, non é garantía para o PSOE de continuidade. Asemade, unha ruptura da coalizón tampouco sería moi doada de explicar por parte de UP, por máis que se acumulen friccións. Lembremos que baseou o seu relato, para facer o pacto co PSOE, na ocupación de espazos de poder para ser unha forza útil neste intre histórico, deixando nun segundo lugar a presión na rúa, aínda que acotío amague dende o púlpito neste aspecto.

En relación co salario mínimo interprofesional non hai ningunha razón de peso para non subilo, e moitos argumentos a prol de aumentalo. Ante todo, porque a subida a mil euros aínda estaría moi por debaixo do que propón a a OIT como criterio razoábel, é dicir uns 1.150 euros mes, que sería o 60% da media salarial no Estado español (tal como esixe a CIG e outros sindicatos). Ademais, non se pode esquecer que serían os únicos traballadores excluídos dun aumento nos ingresos, xa que a media de subida salarial na empresa privada será do 1,8%-2% no 2021, os pensionistas con ingresos máis baixos terán un aumento do 1,8%, e os funcionarios públicos do 0.9%.

Cómpre ter en consideración que se trata de asalariados/as carentes de convenio, hoxe sobre a metade do total. Ademais coa hipótese dun aumento de 50 euros ao mes brutos como a máis alta. Foi moi superior no ano 2020. A falta de viabilidade empresarial é unha mala escusa, xa que esta radica noutras cuestións (tecnoloxía, innovación, capitalizacións, etc). Ademais trátase dun aumento que vai afectar o 2021, un ano que se valora de forte medre do PIB. No fondo o que esta en disputa, para alén das persoas afectadas, é a taxa de lucro empresarial, e polo tanto a oposición férrea da patronal e tamén da Unión Europea. Aínda que neste último caso chocaría coa postura de Portugal. Ou realmente dependente de como se toman as recomendacións de Bruxelas en cada estado?   

O PSOE desminte cunha oposición férrea á subida a súa viraxe a unha postura máis social, xa que faría sufrir con maior dureza a crise aos/as máis explotados. Nesta liña regresiva cos de abaixo afirmaba Nadia Calviño que o seu límite estaría en derrogar a reforma laboral. Non aumentar o SMI nunha contía tan simbólica tampouco deixaría moi ben parada a Podemos, unha forza que se denomina rupturista. Xa que cuestiona máis unha vez a eficacia para o cambio da suma de poder institucional, presenza nos medios e atrevemento, cando se carece de mobilización social abondo e dunha estrutura militante activa. Algo que por certo cansáronse de repetir os teóricos do marxismo.

Comentarios