Opinión

S.N. Pondal o arredismo da Galiza emigrante

“Vai 30 anos, nun café da clásica e evocadora Avenida de Maio porteña, formouse unha peña de galegos, que non era precisamente de notábeis ao uso. Xente moza a máis dela, avencellábaos o ideal dunha Galiza recuperada, plea de destiños, polo vieiro da liberdade nacional e a democracia”. Así comezaba Moises Da Presa un artigo en A Nosa Terra nº 516 encol da “Fouce”, que foi desde xaneiro de 1926 o voceiro da Sociedade Nazonalista Pondal. Deste xeito quixo contestar ás miñas inquedanzas sobre o tema, cando aproveitando os momentos previos das xuntanzas da Irmandade Galega pedíalle información sobre a Pondal. Ademais, el fora un dos que alentaron desde un principio aquela asociación a prol dunha Galiza soberana e con xustiza social.

A Fouce manteríase viva e combatente por unha década, xa que o último número, o oitenta e oito, publicouse en xullo de 1936. Dinos Da Presa que “tempo despois de desaparecida a Pondal, entidade nai da cal xurdiu (A Fouce), volveu a saír de novo na súa segunda xeira, mais esta volta, sempre ao servizo de Galiza, como voceiro do Partido Comunista Galego na Arxentina”. Esta nova etapa sería moi curta, e inspirada por Da Presa, segundo constatei tanto ao falar con el do tema como con outros irmandiños. Este intento seica se deu de 1941 a 1944, e fracasou pola intervención do PCE mediante a infiltración da cadros, pra evitar a constitución dun Partido Comunista Galego (Sen dúbida falta máis información sobre esta etapa do arredismo na Arxentina).   

No primeiro número da Fouce ademais de definilo como un voceiro do arredismo galego, había artigos de Lamas Barreiro e Lino Pérez, este último moitos anos despois sería expulso da Irmandade Galega por conivencia co franquismo. Nos números posteriores incorpóranse sinaturas que serán a alma do voceiro durante moitos anos: Manuel Oliveira, Zapata García, Ricardo Flores, Vicente Barros, Da Presa, Bernaldo Souto, Xulio Carballo, Lois Ares, Pedro Campos Couceiro, etc. Este último terá un papel destacado na declaración simbólica do Estado Galego en xuño de 1931 en Compostela (tamén se fixo en Ourense e Seixalbo), ao abeiro da folga de 12.000 obreiros do ferrocarril por mor da paralización das obras. Outro retornado da emigración, Antón Alonso Ríos, foi proclamado presidente provisional. Couceiro, un arredista declarado, Suárez Pícallo e Alonso Ríos viñeron a Galiza en representación da Federación de Sociedades Galegas na Arxentina.

Na miña etapa na Irmandade Galega (1967-1972) apreciei que os que foran activistas da Pondal, malia que se trataba na súa gran maioría persoas sen estudos superiores, tiñan unha importante formación teórica e un proxecto de nación claro, tanto no aspecto da soberanía como na cuestión social, e refugaban toda práctica sectaria. Os arredistas da Pondal eran unha corrente de pensamento moi forte dentro da IG e ademais todo indica que tiveron unha gran incidencia sobre xeracións posteriores, como as representadas por Manuel Pedreira, Conles Tizado,... e o que foron as Mocidades Galeguistas. Por iso non coincido con aqueles historiadores que relativizan o papel desta tendencia política do galeguismo, atendendo a unha cuestión de número.

A SN Pondal e a agrupación do Partido Galeguista en Bos Aires foron as dúas principais ponlas que deron lugar ao nacemento da Irmandade Galega (IG) de Bos Aires, unha organización unitaria, unha fronte ampla, que Castelao coidaba fundamental pra dar resposta á situación de emerxencia que constituía a ditadura franquista. Malia que estas organizacións previas diluíronse na nova organización, e na IG convivían marxistas, anarquistas, socialdemócratas e demócrata-cristiáns, iso non impedía debates e diverxencias. Lembro como Da Presa, Ricardo Flores, Bieito Cupeiro, Bernaldo Souto... estaban vixiantes ás propostas que viñan de parte de Prada, Abraira, Puente... pola banda do galeguismo moderado, autonomista, e das que na colectividade facía a Federación de Sociedades Galegas controlada polo PCE e os socialistas. A diferenza fundamental destes últimos coa Irmandade Galega era a autoorganización, algo esencial para loitar pola soberanía.