Opinión

A Revolución dos Caraveis e a UPG

A Revolución dos Caraveis foi un berro de liberdade que se escoitou moi forte desta banda do Miño, na Galiza, e que deu máis folgos aos partidos políticos e organizacións sociais que loitaban dende a clandestinidade contra a ditadura franquista.

A Revolución dos Caraveis foi un berro de liberdade que se escoitou moi forte desta banda do Miño, na Galiza, e que deu máis folgos aos partidos políticos e organizacións sociais que loitaban dende a clandestinidade contra a ditadura franquista. Por pór exemplo, no voceiro da Unión do Povo Galego (UPG) baixo o título “Carta ao movemento militar” dicíase: Todo o povo galego vibra de solidariedade e entusiasmo. Os muros das nosas aldeas e cidades énchense de letreiros nos que se le ¡Viva Portugal! Xamais a conciencia da antiga unidade cultural galego-portuguesa foi tan lúcida no corazón das masas oprimidas da nación galega... E si a vosa liberdade é tamén a nosa liberdade, a UPG quere facer chegar ao Movemento Militar (que fixo posíbel a actual conxuntura co seu valor, co seu patriotismo e a súa impecábel técnica profesional) a testemuña da súa admiración e o desexo de que as persoas que participaron e participan nel manteñan con firmeza o camiño que conduce á liberación do pobo portugués, liberación sen dúbida inseparábel da liberación dos territorios oprimidos de Angola, Mozambique, Guine e Cavo Verde...”. (Terra e Tempo, maio de 1974). Remataba este texto coas seguintes consignas: Viva a unidade de Galiza e Portugal! Viva a democracia popular! 

“No 74 ten lugar a revolución dos cravos e eu vou a Portugal, xa que hai un momento en que o aparato de propaganda se traslada a Portugal"

Manuel Fernández, naquel intre militante da UPG, lembra que: “No 74 ten lugar a revolución dos cravos e eu vou a Portugal, xa que hai un momento en que o aparato de propaganda se traslada a Portugal. A revolución en Portugal foi impresionante e tamén as nosas esperanzas de que se poda dar un importante cambio político en Galiza. É cando contactamos coa UMD” (Moncho Reboiras, o nacionalismo galego nos anos 70; Fundación Bautista Álvarez; varios autores). Esta semella ser unha das razóns polas que Margarita Ledo Andión é enviada pola UPG ao outro lado da raia. Relataba deste xeito a súa experiencia: “En setembro do 1974, a UPG decide que eu me instale no Porto cunha triple tarefa entre as mans: a reorganización do aparello de propaganda; as relacións internacionais; e a responsabilidade do ‘exterior’, máis a estabilización de infraestruturas de apoio aos grupos de acción” (Moncho Reboiras, o nacionalismo galego nos anos 70; Fundación Bautista Álvarez; varios autores). “Pasei seis veces a raia clandestinamente, polo río, algunha vez montada nun pneumático de coche mentres un compañeiro pasaba a nado”. As relacións eran co PRP (Partido Revolucionário do Proletariado), que foi quen preparou para o Día da Patria de 1974 un dispositivo “que facía saltar os panfletos polo ar a unha hora determinada, e que foi considerado como un acto de guerra polo réxime” (La Voz de Galicia, especial 25 de abril, 1994). 

Encol da presenza en Portugal de Xosé Ramón Reboiras Noia destaca Margarita Ledo no libro da Fundación Bautista Álvarez o seguinte: “Unha noite de xullo recibo a orde de agardar unha chamada na sede da LUAR (Liga de Unidade e Acção Revolucionária), situada na Praza Marqués de Pombal. Dous camaradas van pasar a fronteira. Cando soa o teléfono quen me fala é un axente da GNR (o equivalente á Garda Civil) para me dicir que ten alí dous individuos que din ser parentes meus. Moncho e Manolo foran detidos. Eu, por toda resposta, digo ao garda que vai recibir unha chamada do QG (quartel geral). Póñome en contacto co Tenente Coronel Corvacho. Esa mesma noite, un jeep militar traslada Manolo e Moncho para o Porto. Eu recólloos no propio QG pola mañá. Manolo regresa para o interior e Reboiras fica uns días en Portugal”. Acrecenta sobre este tema no mesmo libro Ramón Muñiz de las Cuevas: “Por certo, Margarita Ledo organizoulle na súa casa en Portugal unha entrevista gravada [a Moncho Reboiras] pola televisión portuguesa, un documento histórico que nalgún sitio estará e sería importante recuperar”. Dúas semanas despois Carme Graña chegaría a Porto, xa que estaba exiliada en Francia dende o ano 1972, cando caera o aparello de propaganda no Morrazo.

"O nacionalismo galego desenvolveu unha ampla actividade, como as Primeiras Xornadas da Cultura Galega na cidade de Porto"

En maio de 1975, o Terra e Tempo voltaría mencionar a situación en Portugal. Desta vez para analizar as divisións que existían dentro do Movemento das Forzas Armadas (MFA), co intento de contragolpe de estado o 11 de marzo, e o triunfo dos sectores que tiñan unha postura máis avanzada. Este confronto daría lugar á queda do Terceiro Goberno Provisorio, e a un novo goberno presidido máis unha vez por Vasco Gonçalves, que contaría desta volta cun Consello da Revolución onde as súas posicións tiñan a hexemonía.

Na Gallaecia do sul, o nacionalismo galego desenvolveu unha ampla actividade, como as Primeiras Xornadas da Cultura Galega na cidade de Porto en xuño de 1975, que foron subvencionadas polo Movemento das Forzas Armadas (MFA), e nas que participaron os profesores Rodríguez Lapa e Jacinto Prado Coelho. Neste evento daríase a coñecer a AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega), nun acto presidido polo economista Vilas Nogueira. Esta fronte patriótica galega nacía coa finalidade de alargar as bases do nacionalismo a todos aquelas persoas que, mesmo non coincidindo co ideario comunista da UPG, consideraban que era esencial a liberación nacional e a democracia popular. Lembremos que pouco antes, o 1 de maio de 1975, nacía o Sindicato Obreiro Galego (SOG), como produto de integrar os xermolos sindicais que se nucleaban arredor de distintos voceiros locais na Galiza (“Xerme” na Coruña, “Galego” en Compostela, “Obradoiro” en Ourense, “Ferramenta” no Ferrol, e “Adiante” en Vigo). O SOG así como a UTEG eran consecuencia da creación, na primavera de 1973, da Fronte Obreira da UPG e do intenso traballo militante desenvolvido.

"O Portugal revolucionario tamén serviría como lugar de refuxio para os militantes da UPG, que por distintas razóns estaban “queimados”". 

O Portugal revolucionario tamén serviría como lugar de refuxio para os militantes da UPG, que por distintas razóns estaban “queimados”. O 12 de agosto de 1975, a represión franquista arreáballe un mazazo ao nacionalismo galego asasinando ao dirixente da UPG Moncho Reboiras no Ferrol, e detendo a catro militantes máis (Manolo Fernández, Marisa Vázquez, Brañas e Xan Manuel López) que ingresarían en prisión ate o ano 1977 no que foron liberados co decreto de amnistía. Como consecuencia da represión posterior sobre a organización sumaríanse ao exilio no país irmán outros militantes: Elvira Souto, Ramón Muñiz, Xosé García Crego, Xosé Moa, Elsa Costas, Xoan Carlos Martínez, Fernando Souto e Conchita... 

Asemade tivo relevancia o Comício-Debate do 4 de xaneiro de 1976, tamén realizado na cidade de Porto, no que se salientaba como reclamo do acto a referencia ás “Lutas de libertação nacional no Estado espanhol”. Este evento realizouse durante o goberno de Pinheiro de Azevedo (xefe do Estado Maior da Armada), e polo tanto foi posterior ao golpe contrarrevolucionario do 25 de novembro de 1975. O acto contaría coa participación de ETA, PSAN (p) e a UPG, e foi promovido por FSP, LUAR, MDP, MES e PRP, o que amosaba as amplas relacións coas que xa contaba a UPG naquela altura. O voceiro da UPG, destacaba: “En numerosas ocasións, os asistentes en pé o co puño ergueito repetiron unanimemente as frases que concentran o significado da loita polo triunfo das clases traballadoras, dos nosos pobos sobre o fascismo e sobre as tentativas de consolidar unha democracia na que o poder económico e político siga en mans da burguesía. Estas foron: Liberación nacional e poder popular!!! Euskadi, Galiza, e Países Cataláns, unidos vencerán!! Amnistía, liberdade, independencia nacional!!!”. (Terra e Tempo, nº 33, xaneiro 1976)

"Do proceso revolucionario no país irmán o nacionalismo galego tirou ensinanzas e xurdiron algunhas iniciativas salientábeis"

Do proceso revolucionario no país irmán o nacionalismo galego tirou ensinanzas e xurdiron algunhas iniciativas salientábeis, como a de formar unha organización xuvenil da UPG ou unha intersindical que agrupase os xermolos sindicais criados despois das grandes folgas de Ferrol e Vigo. Non é doado saber canto incidiron no noso país as experiencias do Portugal Revolucionario (sería positivo que se fixesen máis contribucións históricas encol do tema), porén do que non hai dúbidas é que a Revolución dos Cravos foi sentida como propia nesta banda da raia polo nacionalismo galego. Asemade foi un período no que as relacións entre organizacións políticas de ambas as bandas da raia serían intensas, moito máis ca hoxe, malia haber na actualidade maiores relacións comerciais, turismo, avances nos medios de comunicación e a integración na UE. Deberíase reflexionar unha migalla sobre este último aspecto. 

http://manuelmera.blogaliza.org/