Opinión

Retos para o nacionalismo despois do furacán eleitoral (1)

Malia que no fundamental tiña realizado este artigo ao día seguinte das eleccións europeas, preferín deixar pasar uns días para coñecer as reaccións das distintas formacións políticas, encetando polo nacionalismo galego, e tamén as dos grupos de poder, xa que coido que teñen un valor especial para poder albiscar os posíbeis escenarios futuros. 

Malia que no fundamental tiña realizado este artigo ao día seguinte das eleccións europeas, preferín deixar pasar uns días para coñecer as reaccións das distintas formacións políticas, encetando polo nacionalismo galego, e tamén as dos grupos de poder, xa que coido que teñen un valor especial para poder albiscar os posíbeis escenarios futuros. Debo dicir que a primeira valoración do BNG pareceume en exceso triunfalista, aínda que as posteriores foron máis reflexivas, xa que é correcto considerar que os resultados non foron unha desfeita (como moitos esperaban), conseguiuse o obxectivo de ter presenza no Parlamento europeo, e son unha base para aumentar a presenza institucional. Ao meu entender o artigo de Xavier Campos foi dos máis atinados.

"No caso concreto do Estado español, as forzas de esquerda e/ou nacionalistas que están contra do axuste e do modelo actual da UE acadaron un 30% dos votos, rachando o bipartidismo" 

As pasadas eleccións europeas abanearon o escenario político, tanto no Estado español como en países centrais da Unión Europea, xa que aumentou moito a representatividade das forzas contrarias á UE ou ás medidas de axuste que preconiza Bruxelas. Por se non abondase, houbo máis unha vez unha porcentaxe de abstención altísima. A maioría dos electores manifestaron que “pasan” da Unión ou que coidan que seu voto non pode mudar ren. A suma dos abstencionistas e dos que cuestionan as políticas da UE é tan grande que pon en cuestión a lexitimidade das decisións das institucións e engade novos atrancos a construción da Unión Europea neoliberal.

No caso concreto do Estado español, as forzas de esquerda e/ou nacionalistas que están contra do axuste e do modelo actual da UE acadaron un 30% dos votos, rachando o bipartidismo que lle era tan funcional aos poderes económicos dende o remate da transición, e propiciando a abdicación do Rei. É verdade que, con maioría no Parlamento, o PP pode seguir esmagando os de abaixo coa promesa da saída da crise, mais a esta altura carece da lexitimidade necesaria, e de facelo sería incapaz de recuperar o electorado que se refuxiou na abstención ou noutros partidos da dereita. Non é doada a escolla para Rajoy, mais os antecedentes fan pensar que seguirá co axuste, xa que se trata dun partido funcional ás grandes empresas e fortunas, e ademais a centralización da folgos á españolización da economía e das nacións periféricas do Estado. En todo caso os resultados electorais e a abdicación do Rei, representan unha crise institucional que favorece a esixencia dun cambio de sistema, o fin da monarquía, e o recoñecemento do dereito de autodeterminación das nacións negadas polo imperialismo español.  

"Medran especialmente as forzas á esquerda do PSOE. Xorde Podemos que, en moi pouco tempo, recolle en votos o descontente dunha parte importante da sociedade".

Analicemos os resultados electorais na Galiza. Ante todo salienta a abstención, que atinxiu o 54,55%, e que chega ao 60,10% se só temos en consideración os votos outorgados a un partido ou coaligación eleitoral. A abstención será moito maior cando se sume o voto emigrante (máis de 400 mil dos que só se emitiron uns 10 mil). O seguinte aspecto a destacar é que o PP e o PSOE perderon máis de 395.000 votos en relación ás eleccións europeas do ano 2009, pasando do 84,94% ao 56,89%, ¡28 puntos menos! O PP e PSOE, os principais partidos sistémicos, recibiron un forte correctivo, mais sería simplista pensar que perderon toda a súa incidencia social, porque representan fraccións económicas e ideolóxicas moi consolidadas, e teñen a hexemonía nos medios e na cultura de masas.

Medran especialmente as forzas á esquerda do PSOE. Xorde Podemos que, en moi pouco tempo, recolle en votos o descontente dunha parte importante da sociedade. Consolídase AGE, malia que se esperaba que obtivese uns resultados máis altos como lle auguraban as enquisas; porén perdeu folgos pola aparición de Podemos. E o BNG consegue frear o seu descenso eleitoral, só perdeu dous puntos dende 2009, malia as escisións de Anova e Compromiso por Galicia na Asemblea de Amio. Hai ademais un aumento destacábel de forzas menores de dereita, como UPyD e Ciudadanos, que apañaron no descontente da base do PP.  

"Ningunha das forzas políticas con representación institucional ten garantido repetir resultados ¡está todo máis aberto que nunca!"

A impresión a pé de urna foi a dunha significativa presenza de xente maior, porén en menor medida que noutras eleccións, o que atinxiu negativamente ao PP. Polo serán acudiron a votar máis mozos e mozas, moitos deles facíano por vez primeira, e todo indica que optaron especialmente por Podemos. Unha enquisa recente di que a metade dos seus votos son de persoas entre 35 e 50 anos, e que unha porcentaxe igual eran votantes do PSOE e IU. Faltou moita xente de mediana idade, o que foi en prexuízo do BNG e PSOE. En poucas palabras, a abstención non sempre se dá nas mesmas tendencias políticas e sectores sociais. E neste caso afectou ao PP, PSOE e BNG, por moi distintas razóns. No caso do PP e do PSOE son evidentes: favorecer políticas regresivas en materia social e corrupción. No relativo ao nacionalismo a abstención ten que ver co seu xiro durante unha década a posturas moderadas, e a que as correccións realizadas, non son abondo ou/e aínda non son albiscadas como tales por unha franxa importante das clases populares e mesmo do seu electorado. 

Ao analizar os resultados podemos comprobar que por vez primeira dende hai moitas décadas, ningunha das forzas políticas con representación institucional ten garantido repetir resultados ¡está todo máis aberto que nunca! mesmo para aquelas forzas que recentemente destacaron por un rápido avance, tal como se comprobou con AGE. Primeiro, porque os votantes non teñen o mesmo comportamento nos procesos electorais municipais, nacionais, estatais ou europeos. Segundo, porque estas eleccións amosaron que existe unha enorme desconfianza nos partidos e volatilidade no voto, que se focaliza nos partidos sistémicos, mais que tamén se alarga a aqueles que aparecen como alternativos, tanto os que teñen unha longa historia como os que están en proceso de xestación ou acaban de nacer. Atopámonos diante dun fin de ciclo?... Dunha nova transición?... Ou sinxelamente fronte a un estoupido social que se transformou en voto en lugar de facelo do xeito tradicional en revolta na rúa? Son preguntas difíciles de responder, mais considero que é positivo para o nacionalismo galego que se dea un corremento á esquerda desta magnitude. Agora o reto é ter capacidade para atraelo ás teses da esquerda nacionalista, como foi quen de facelo na transición posterior á ditadura franquista.

"O BNG obtivo uns resultados moi por baixo da súa capacidade militante e presenza nas organizacións sociais, na conflitividade e debate institucional; aínda así foron dignos e aceptábeis"

Todas as forzas, mesmo as que saíron ben paradas, teñen potencialidades así como importantes atrancos e eivas que superar, aínda que teñan unha orixe distinta. Ningunha delas ten garantido consolidar a porcentaxe de votos das europeas noutros procesos eleitorais e, o que é fundamental, trasladar esa incidencia ao ámbito da mobilización social e dunha militancia organizada e tras un ideario político. Nomeadamente, resulta evidente que Podemos foi quen de transformar en votos unha parte do descontente social, porén agora ten o reto de definir o carácter das súas alianzas, crear organización, ter presenza e alternativas para a conflitividade social, e asumir responsabilidades políticas e, na Galiza, como encaixa o feito nacional e a realidade lingüística. Anova debe pechar as súas feridas internas, definir  a súa estrutura e alianzas (municipais e estatais), clarificar o seu proxecto no relativo á soberanía da Galiza, e ser quen de conseguir unha presenza na sociedade cando menos comparábel ao espazo eleitoral que ocupa. 

Neste contexto, o BNG obtivo uns resultados moi por baixo da súa capacidade militante e presenza nas organizacións sociais, na conflitividade e debate institucional; aínda así foron dignos e aceptábeis, tendo en consideración a ruptura de Amio e a súa xestión, así como os atrancos e algúns erros. Nomeadamente, entre estes últimos, os reiterados chamamentos a recuperar a unidade/alianza con Anova transmitiron máis unha sensación de debilidade que de vontade de superar as feridas da ruptura; o BNG fixo nalgúns casos unha escenificación implícita de culpabilidade, que non se correspondía co sucedido. A prioridade nas alianzas con forzas minoritarias e vangardistas do nacionalismo, alentaron esta apreciación de fraqueza e carencia dunha folla de ruta. Asemade, cómpre lembrar que días antes da campaña electoral había dirixentes significados que cuestionaban publicamente a coaligación con Bildu (porque non participaban as CUP e preferían un acordo con ERC), malia que foi masivamente referendada na base da fronte. Estes foron erros que restaron entusiasmo e apoio de simpatizantes, reflictindo algunhas resistencias internas a aplicar en toda a súa extensión o espírito de Amio.

Para alén destes antecedentes, e dunha campaña moi agresiva por parte dos medios hexemónicos contra o BNG e o nacionalismo no seu conxunto, que non se poden obviar, fago unha valoración positiva dos resultados, porque:  

"Destacou o esforzo da militancia e da dirección na campaña, houbo unha organización e escenificación correcta dos actos, e procurouse acertadamente a complicidade de colectivos sociais"

a) Tendo en consideración os condicionantes externos da campaña, e a situación e actuación da fronte, estes resultados son unha base sólida dende a que avanzar no futuro, sempre que se realicen todas as mudanzas necesarias en consonancia coas decisións da Asemblea de Amio. 

b) Destacou o esforzo da militancia e da dirección na campaña, houbo unha organización e escenificación correcta dos actos, e procurouse acertadamente a complicidade de colectivos sociais afectados polas medidas regresivas do Goberno e a fraude e roubo capitalistas. Esta ligazón entre a base militante e os conflitos foi o que permitiu que os resultados fosen mellores dos esperados. 

c) Agora ben, tamén houbo eivas. Faltou, nos referentes da fronte, capacidade de comunicación do proxecto, un discurso incisivo que marcase non só as diferenzas senón ademais a folla de ruta e obxectivos con claridade, para alén de medidas de alcance moi limitado e da consigna. Non se asociou acaidamente o social, o nacional e a democracia popular, o concreto co xeral, a conxuntura coa ruptura democrática, e esta coa liberación nacional e social.

"É verdade que se detivo en boa medida o descenso eleitoral, e que isto é positivo, porén  as rectificacións non foron todas as necesarias como para que o BNG sexa de novo a forza de referencia na esquerda".

Sen dúbida o BNG ten ao seu favor que asume plenamente o pobo galego como suxeito político e que conta con forte militancia e presenza na maioría dos conflitos sociais e laborais, mais enfronta importantes atrancos. Estes son: o abafamento mediático, a segmentación social e unha colonización multisecular. Atrancos cos que o BNG sempre ten que contar, e que non se poden empregar nunca como escusa, xa que forman parte da realidade a transformar. O reto está en superar estes atrancos e eivas. Por exemplo, destacando máis e mellor na mensaxe os obxectivos e a folla de ruta pra avanzar na xustiza social e na conquista da soberanía para o pobo galego. Cómpre mellorar moito a comunicación. O BNG necesita de máximos referentes que transmitan axeitadamente combatividade e ilusión, para  dar azos a unha militancia atrevida na procura dunha complicidade consciente do pobo. E, de carecer de dirixentes con estas cualidades debe socializar esta tarefa, dándolle maior protagonismo público a outras persoas de referencia. Nesta etapa, na que os medios de comunicación son tan importantes, non abonda cun bo traballo social e unha  militancia participativa. 

Resumindo esta primeira parte: é verdade que se detivo en boa medida o descenso eleitoral, e que isto é positivo, porén  as rectificacións non foron todas as necesarias como para que o BNG sexa de novo a forza de referencia na esquerda. E sendo certo que todo necesita tempo, tampouco pode ser unha escusa para que as rectificacións fiquen a medio camiño. Hai quen fala dun período de resistencia. Porén estas consideracións, que semellan lóxicas, hai que matizalas: xa que a mellor resistencia é a mobilización masiva do nacionalismo e do pobo (especialmente cando a confrontación se dá no ámbito político e ideolóxico). E unha forza transformadora ten a responsabilidade histórica de acelerar ao máximo o proceso para a liberación nacional e social. As clases populares galegas necesitan dunha organización con vocación maioritaria. É un dato alentador para o nacionalismo galego (de esquerdas) a rapidez coa que se fixo a convocatoria de mobilizacións diante da abdicación do Rei, reivindicando unha República Galega, porque amosa que o BNG é quen de recuperar a súa capacidade de iniciativa en todos os ámbitos. A segunda parte deste artigo será propositiva.

manuelmera.blogaliza.org