Opinión

Resultados que sinalan as tarefas pendentes

As eleccións municipais no Estado español estaban cantadas, voto arriba, voto abaixo. Todo indicaba que ía mudar o panorama partidario, pola emerxencia de Podemos, Ciudadanos e expresións locais semellantes.

As eleccións municipais no Estado español estaban cantadas, voto arriba, voto abaixo. Todo indicaba que ía mudar o panorama partidario, pola emerxencia de Podemos, Ciudadanos e expresións locais semellantes. E caer en correspondencia, principalmente, tanto o Partido Popular como o Partido Socialista. Mais, a variación política real, ao final, será moito menor do que a sociedade espera en función das expectativas de cambio que os medios alentaron. Nuns casos porque nunca houbo intención transformadora, e noutros porque a submisión mediática levounos a ir deixando polo camiño parte das alforxas ideolóxicas que dicían defender. Aínda así, a viraxe á esquerda é un paso adiante importante, necesario. Mais non se pode ignorar que esta fragmentación do bipartidismo permitiulles quitar do escenario do debate político estatal os partidos nacionalistas. Non sería este o obxectivo que levou a algúns medios hexemónicos e fraccións do gran capital a alentar esta renovación do bipartidismo, dándolle unha nova forma, que lles garante ademais unha maior dependencia do poder económico?

"O abaneo do mapa partidista tamén incidiu nas nacións dependentes, mesmo naquelas onde o nacionalismo é maioritario e controla as institucións".

Resulta evidente que o abaneo do mapa partidista tamén incidiu nas nacións dependentes, mesmo naquelas onde o nacionalismo é maioritario e controla as institucións. Non podía ser doutro xeito, porque os medios hexemónicos empregáronse a fondo, e a ideoloxía dominante é a das clases hexemónicas. Isto reflíctese claramente na aceptación da unidade baixo o control de España, mesmo en Cataluña, e na rapidez coa que cambia de postura no relativo á independencia unha parte da povoación catalá, que asemade é necesaria para conseguir a maioría electoral. 

Neste contexto, entendo que os resultados do BNG teñen un sabor agridoce, e que non se poden interpretar á marxe da actitude dos medios hexemónicos e da ruptura na Asemblea de Amio. Tampouco se pode ignorar o xiro de sectores do nacionalismo que, incomprensibelmente, optaron por deixar nun segundo plano a autoorganización e a reivindicación da soberanía, formando alianzas cada vez menos conxunturais coa esquerda socialdemócrata estatal. Ademais, non axudan moito os/as militantes e simpatizantes que teiman en dar pasos atrás, suavizando a liña porque segundo eles isto permitiría diluír as friccións ideolóxicas cos que marcharon e ampliar a base social. En fin, o vello debate da esquerda: entre coherencia ou practicismo; entre proxecto transformador ou reformas dende os cambios posíbeis; entre poder popular ou institucionalismo; entre pactar coas direccións ou refugar calquera sectarismo en relación ás loitas das clases populares; entre un proxecto que se constrúe sumando “escollidos” ou que se fortalece coa militancia entregada e formada, con debate, con traballo colectivo, e que ten sempre abertas as portas para aqueles que se acheguen ou retornen. 

"Os 190.000 votos do BNG, un 13% do electorado, son un resultado aceptábel. Tamén é significativo o número de alcaldías nas que se podería governar". 

Sen dúbida déronse pasos no camiño correcto dende Amio. No fundamental mantense unha liña respectuosa cos acordos congresuais, non deveceu a presenza do BNG na loita social, renováronse as candidaturas, os actos están máis socializados, saneouse economicamente a fronte, cun apoio decisivo da militancia e tamén dos cargos institucionais. Nestas eleccións houbo un traballo inxente por parte dos/as candidatos e da militancia da organización. Porén, o desacougo ou a auto-compracencia serían igual de nefastas, xa que queda moito por facer e rectificacións pendentes para poder confrontar con éxito o imperialismo nesta etapa. Cómpre mellorar a formación, a comunicación en todos os aspectos, os métodos de traballo, clarificar a folla de ruta, unindo os obxectivos e as tarefas para esta etapa coas estratéxicas, e que o discurso se converta nunha oportunidade para formar e axitar, para gañar os corazóns e as mentes. E cómpre seguir co proceso de renovación, poñendo á fronte as persoas máis capaces e gañando nova militancia. 

Os 190.000 votos do BNG, un 13% do electorado, son un resultado aceptábel. Tamén é significativo o número de alcaldías nas que se podería governar. Porén, a constante perda de peso nas cidades é moi preocupante, e sobre todo, ficar fóra do concello en Vigo e Ourense. Porque se trata de hábitats nos que conta moito o discurso global, a imaxe do proxecto, especialmente cando non se ten responsabilidades de governo local. O BNG non foi quen de facer chegar unha mensaxe que ilusionase o seu electorado histórico. E tirei da observación das eleccións en Vigo que unha boa parte deles non acudiu a votar, como xa fixo nas europeas. Os dados indican que non se pode falar de que o nacionalismo é unha traba, como se reflicte en Pontevedra, Allariz e outros lugares onde o BNG acada mesmo maioría absoluta. Tamén é evidente que non abonda con se declarar nacionalistas para conseguir bos resultados. Asemade é necesario  compromiso social, humildade, traballo, socialización das ideas e da xestión realizada. Non se poden agochar as eivas con declaracións de principios. Daquela que sexa necesario dar pulo a formas de comunicación propias, que eviten a distorsión do proxecto ou que se agoche a participación do nacionalismo nas loitas populares, e ligar mellor a cuestión de clase coa causa nacional, xa que explotación e opresión son os mecanismos que utilizan a un tempo as clases dominantes. 

"Todo reflicte que o BNG ten un problema de discurso, de transmisión das propostas á sociedade". 

Todo reflicte que o BNG ten un problema de discurso, de transmisión das propostas á sociedade. Nalgúns lugares, esta puido ser unha eiva daqueles que eran cabezas das candidaturas. Mais esta é tamén unha eiva nacional. A transmisión das ideas é fundamental. Non se trata tanto de analizar nos artigos e folletos e de incidir nos discursos ate a saciedade no relativo á explotación laboral, marxinación social e de como se abafa a nosa lingua e identidade (algo que as persoas xa viven acotío en primeira persoa). Trátase de ofrecer obxectivos e folla de ruta para conquistalas. E para chegar ao povo con esta mensaxe, non abonda con artellar frases e propostas. Estas teñen que transmitir emoción, forza, convencer. Non todos os dirixentes teñen esta capacidade. Cando existe esta limitación, ou se procura un ou unha dirixente nova que teña estas facultades, ou se diversifican os referentes que transmiten o discurso. Mesmo, esta debería ser a práctica de calquera formación de esquerda coherente,... fuxindo da xestión piramidal, empresarial, das tarefas partidarias.

Coido que, sendo importante para o nacionalismo galego manter a representación nas Cortes en Madrid, o BNG non debe facer xirar todo en función do calendario electoral e moito menos os cambios e rectificacións a realizar. Estes deberían ter unha finalidade máis estratéxica, propia dun proxecto transformador. Cómpre abrir o máximo posíbel a organización á sociedade, comezando por chegar a ela coas ideas que se defende. Mais, sería un erro escenificar máis unha vez a procura de axuda exterior para definir ou reforzar o proxecto, porque o único que transmite é debilidade, falta de claridade, e dúbida sobre os obxectivos. É necesario debater con respecto, sen rótulos descualificadores, coas demais forzas do nacionalismo e da esquerda, procurando a unidade na loita concreta e na xestión alí onde se teñan coincidencias básicas. A sociedade galega non se divide entre nacionalistas e españolistas, hai unha inmensa gama de cores entre estes polos que constitúen a maioría social, e as marxes non sempre son tan claras. E resulta evidente que ese campo intermedio medrou moito na última década. Non convertamos a política nunha relixión, ás veces para xustificar as propias limitacións, a incapacidade para liderar a transformación por carecer de política para gañar eses sectores intermedios para o nacionalismo de esquerdas. 

"A sociedade galega non se divide entre nacionalistas e españolistas, hai unha inmensa gama de cores entre estes polos que constitúen a maioría social"

No caso concreto de Galiza, as mareas conseguiron moi bos resultados en varias cidades e vilas. Mais non todas teñen a mesma composición. Hai matices que se deben ter en conta, máxime cando son forzas moi próximas ao nacionalismo e que disputan espazo político directamente co BNG. Porén estas candidaturas tamén teñen os seus retos e atrancos por diante. Concretamente, cal vai ser o camiño a seguir nas eleccións xerais. Daquela, o que aconteceu con AGE na súa curta historia, e na mesma Anova, ou as rupturas de candidaturas “unitarias” en varias cidades e vilas, no proceso previo ás municipais, amosa os límites destes proxectos baseados na oportunidade. Ademais a xestión dos concellos vai acelerar esas contradicións e as limitacións de proxectos tan conxunturais; e para o BNG sería positivo que estas se resolveran de xeito positivo, fortalecendo as propostas e o corpo do nacionalismo.

Mais sendo certo o anterior, sería un erro do BNG colocarse á espera de como se desenvolvan as contradicións internas das mareas, ou confundir o debate de ideas cunha postura de confrontación. Neste aspecto, a reflexión que fixo o BNG na noite electoral foi a apropiada, ofrecendo a colaboración alí onde poda axudar ao acceso ao governo das cidades para desprazar o PP. Por último, tampouco se pode ignorar que aqueles sectores do BNG que marcharon para conformar un nacionalismo máis morno obtiveron uns resultados marxinais, malia que estas eran as eleccións nas que ían salientar, segundo a súa visión. Os resultados desta fracción do nacionalismo galego din moito sobre o que se pode esperar dos xiros á moderación, tanto no social como no nacional.

http://manuelmera.blogaliza.org/