Opinión

A República e Monarquía, ao fío dunha enquisa

Segundo unha enquisa realizada por Electomania entre 2.800 persoas en todo o Estado español a respecto de se optarían entre monarquía ou república, a primeira opción foi apoiada polo 49,9% e a segunda polo 47,4%. Cando se trata de realizar un referendo para decidir sobre o tema, un 63,8% estaría a favor e só un 34,4% o rexeitaría. Téñase en consideración que os principais partidos con representación parlamentar expresan seu apoio á monarquía. O que amosa a fenda existente nunha cuestión de moita transcendencia, entre o sentir da maioría da sociedade e os partidos que deberían representala plenamente nas institucións. 

Chama a atención que nos territorios nos que existe conflito a respecto da cuestión nacional e lingüística é onde a opción a prol de república e o referendo obtén mellores resultados. Están a prol da república o 80,3% dos cidadáns de Cataluña, o 77,1% en Euskadi, 63,9% en Baleares, 63,3% en Navarra, 60% en Valencia e 55,4% na Galiza. Fóra destas nacionalidades só en Asturias e A Rioxa gañaría o voto republicano, cun 51,7%. Dado seu peso político e demográfico cómpre facer unha referencia a Madrid e Andalucía, nas que a monarquía acadaría un apoio do 53,% e 49,9% respectivamente. Por idades, canto máis novas son as persoas maior é a inclinación pola república.

A realización dun referendo obtería un aprobado en todas as nacionalidades e autonomías, cun máximo do 84,6% en Cataluña e un mínimo do 53% en Ceuta. Por partidos os/as votantes do PP e Ciudadanos apostarían pola monarquía, no PSOE vencen por pouco os republicanos, e Podemos e os partidos nacionalistas optan practicamente na súa totalidade pola república. 

Chama a atención que nos territorios nos que existe conflito a respecto da cuestión nacional e lingüística é onde a opción a prol de república e o referendo obtén mellores resultados

 

Esta enquisa, que por certo tivo moi pouca divulgación (non penso que sexa por casualidade), reflicte o descrédito da monarquía, tan ligada no Estado español á corrupción, a actitudes autoritarias, como a negación do carácter plurinacional do Estado. Asemade, non se pode obviar que se trata dunha forma de governo que nega a vontade popular como valor esencial da democracia.

No caso concreto da Galiza, existe unha maioría que aposta pola República, un 55,4% fronte a 40,8% que o fai pola Monarquía. Esta tendencia repítese a respecto da realización dun referendo, cun 67,8% a prol fronte ao 29,9% en contra. Os resultados da enquisa amosan que a república como modelo conta cun importante apoio social no noso país, malia décadas de gobernos de dereita, e que a consulta foi realizada durante o mandato de Núñez Feijóo, que conta con maioría absoluta. Evidentemente non se pode obviar que nunha enquisa tamén opina ese 30/36% que non vota.

No caso concreto da Galiza, existe unha maioría que aposta pola República, un 55,4% fronte a 40,8% que o fai pola Monarquía

 

As institucións non representan a toda a sociedade, só ás persoas que votan, máxime cando o exercicio do voto non é obrigatorio. Algo que sabe o sistema, que fai un traballo sistemático para desalentar a participación dos segmentos críticos, confusos ou desilusionados. A abstención debería ser un tema a valorar moi detidamente polas forzas rupturistas, especialmente polo nacionalismo popular. Este segmento da sociedade é fundamental para mudar a correlación de forzas. Evidentemente non está constituído por unha única postura. Hainos que non participan das eleccións porque son persoas descontentas co partido que votaban; outras, porque coidan que todos son iguais; estas últimas hai que dividilas entre as que lles vale o sistema tal como está e as que desexarían outro totalmente distinto. Estes non son poucos, se temos en consideración que a maioría das persoas que non votan pertencen á mocidade, e á clase obreira ou están desempregadas.  

En fin, a república é a opción que escollen un 16% máis de persoas na Galiza que as que apostan pola monarquía, malia que esta última conta cun inmenso apoio mediático e dos partidos con maior poder institucional. Non se debería desprezar este feito, especialmente respecto dun aspecto tan importante, que enlaza coa proposta estratéxica da República Galega, democrática e popular. 

https://obloguedemera.wordpress.com/