Opinión

As renuncias comezan na praxe cotiá, tamén as transformacións

Aínda que semelle unha contradición, hai un nexo entre aquelas forzas e dirixentes que poñen énfase esencialmente no concreto e aquelas que, pola contra, antepoñen o aspecto xeral. Ou sexa, entre aquelas que se gaban de reivindicar cuestións tácticas (sexan sectoriais, locais ou dun segmento social), e as que coidan que o único que importa é o que atinxe aos aspectos estratéxicos. Na primeira opción, a escusa é que realizan unha política de masas que ten en consideración o nivel de conciencia social. Na segunda, valórase como determinante o debate e a mensaxe, para así guiar as clases populares polo camiño do cambio. A ponte que ambas as posturas colocan entre o concreto e o xeral é tan estreita e circunstancial, que non permite aos/as simpatizantes, e nos casos máis estremos mesmo aos/as militantes, ligar axeitadamente a realidade coa proposta política.

Ambas as opcións, aínda que semellen contraditorias, teñen moito en común. E por suposto, ningunha das dúas pode facer unha contribución decisiva á liberación das clases populares, porque ambas formulan unha valoración simplificadora de como se adquire a conciencia política. A primeira postura coida que as clases populares non son quen de tirar ningunha conclusión política da súa práctica, polo que non asocia os problemas concretos coas contradicións estratéxicas, sexan estas de clase ou no plano da soberanía nacional. A segunda considera que todo depende dun grupo de vangarda que abra camiño, para así relacionar o conflito concreto co proxecto emancipador. Parte da premisa segundo a cal, se a loita popular non ten posturas máis radicais é pola carencia de conciencia política dos seus dirixentes e /ou pola falta de atrevemento e valentía dos partidos. En realidade, as anteriores son dúas manifestacións clásicas do paternalismo sobre o movemento de masas, que teñen en común un certo elitismo, que nestes casos é expresión do que o marxismo caracteriza como propio da pequena burguesía.

Debullemos o tema a partir da nosa práctica cotiá. Para a construción do cambio, non abonda con que os conflitos concretos e/ou conxunturais terminen en éxito, e estar presente neles como forza política, mesmo se for cun papel destacado. Cómpre que estas loitas estean inseridas no proceso estratéxico, de cambio sistémico, e socializada a folla de ruta para levalo adiante. Iso si, as mobilizacións económicas e democráticas poderían ser consideradas un celeiro de votos, porén non construirán poder popular, porque estas forzas non lle asignan esta tarefa e tampouco son vistas polo povo como parte dun proceso de ruptura.

Para a construción do cambio, non abonda con que os conflitos concretos e/ou conxunturais terminen en éxito, e estar presente neles como forza política

 

Cando o obxectivo é primordialmente institucional, hai que relativizar moito os resultados. Neste tempo histórico, dada a hexemonía das clases dominantes no eido das ideas e as limitacións do capitalismo na súa etapa senil, as políticas electoralistas, coas súas postas en escena onde o importante é o sorriso e ofrecer a felicidade gratuíta, ao que se suma o tacticismo constante, teñen uns resultados moi limitados ou conxunturais. Son dependentes das prioridades do poder en cada intre. Poden pasar por dar azos a unha fracción da esquerda nacionalista en prexuízo daquela máis consolidada, nun determinado momento, e noutro posterior optar por dar folgos á que ten un menor peso electoral. Daquela que os proxectos que procuran o cambio por reformas sucesivas, por exemplo a socialdemocracia, non fosen quen de avanzar en dereitos laborais e sociais durante esta última etapa, despois da caída do socialismo real e do triunfo da globalización neoliberal. Para manter o seu peso electoral, co apoio dos medios e dunha fracción do capital, estas forzas foron asumindo totalmente o capitalismo, negando na práctica a loita de clases ao apostar pola concertación.

A outra saída, a da vangarda esclarecida, ou o foquismo como se lle chamou na América Latina, tampouco aporta hoxe unha folla de ruta que permita mudar a correlación de forzas e a toma do poder. Ante todo porque fixo unha lectura simplista da Revolución Cubana, na que se esquecía as décadas de loitas e outros suxeitos que deron apoio de masas á revolución. Tampouco se pode ignorar que o contexto internacional era moi distinto: a existencia da Unión Soviética e as democracias populares, a República Popular China, a derrota do fascismo e os procesos de liberación das colonias de Asia, África e América Latina, o movemento dos países non aliñados, a derrota francesa en Alxeria e dos Estados Unidos en Vietnam. Non é este precisamente o escenario actual.

O sistema alenta a desfeita dos ecosistemas, a desigualdade, unha maior explotación, a marxinación e a destrución da diversidade cultural dos povos

 

É cada vez é máis evidente que o sistema alenta a desfeita dos ecosistemas, a desigualdade, unha maior explotación, a marxinación e a destrución da diversidade cultural dos povos. A democracia está baleira de contido e fíxose máis represiva, tanto no plano da xustiza social, como en relación co dereito de autodeterminación dos povos. As clases populares son conscientes de todo isto. Padéceno decotío. Mais a cuestión é: cal é a alternativa? E, que forza se porá á fronte da mudanza? Por esta razón, malia que os medios ao servizo do capital non o destaquen, a protesta social é tan forte na Galiza (prodúcense unha media de 10 actos de protesta ao día, dos que a metade son por motivos laborais). O descontente tamén se aprecia no ámbito electoral, como se aprecia no medre da abstención entre a clase obreira e a mocidade, e o triunfo de opcións que poñen o acento en aspectos relacionados co mundo do traballo e a cuestión nacional (moitas veces de xeito populista). Agora ben, hai recoñecer que esta contestación popular normalmente carece de obxectivos políticos claros, dunha proposta de sistema socio-laboral alternativo, e dunha folla de ruta que sexa vista polo povo como practicábel. E son estas eivas e atrancos que debemos analizar, e ser quen de superar. E isto lévanos á cuestión do suxeito político, do papel do partido revolucionario, como aspecto chave para todo proceso de liberación nacional e social.

Polo tanto, en principio sabemos moito sobre o contexto, e podemos partir de análises sólidas. Por exemplo, sabemos que o capitalismo está esgotado. Que é necesario que os conflitos concretos converxan entre si na loita política, para deste xeito acumular e cambiar a correlación de forzas. Que existe unha relación dialéctica entre a mobilización social, o discurso teórico, e a politización. Sabemos que se a protesta económica e democrática forma parte dun proceso estratéxico fortalece o suxeito político liberador. E que este potencia á súa vez a contestación laboral e social, a organización de base, e o protagonismo das clases populares, especialmente da clase obreira. Ou sexa, non hai ningunha posibilidade de transformación sen socializar unha mensaxe revolucionaria e sen desenvolver tarefas que unan os obxectivos concretos, para esta conxuntura, con aqueles obxectivos para o medio e longo prazo, ou sexa, os estratéxicos.

Polo tanto, a división estrutural da actividade política que algúns partidos fan, dándolle un papel subalterno á loita laboral e social, e un rango superior á cúpula política ligada ás institucións, e ás tarefas burocráticas, reproduce os modelos das clases dominantes, aínda que se pretenda todo o contrario. Estes comportamentos elitistas ou paternalistas exteriorízanse nas institucións cando os dirixentes partidarios cumpren o papel de intermediarios. Relegando o discurso “político” para os congresos e actos internos, ou para convocatorias moi especificas e exclusivas. Daquela que normalmente non se debata sobre os obxectivos estratéxicos, que estes se manteñan idénticos na redacción durante décadas, e cada vez máis reducidos ao ámbito da consigna: socialismo, democracia popular, liberación nacional, independencia... Daquela que as reunións case que exclusivamente debatan sobre aspectos técnicos, ou de distribución de tarefas; que non se valore e analice a práctica realizada, para tirar conclusións, rectificar erros e destacar os acertos. Termina por triunfar a rutina, vanse afastando os/as activistas máis activos, que non forman parte da estrutura. Pódese entender que a mensaxe se adapte ao auditorio, mais nunca a costa de sacrificar a crítica e autocrítica, e os obxectivos estratéxicos na actividade cotiá. Con estes métodos de traballo e renuncias non se poden acumular as forzas necesarias para o cambio, aínda que na conxuntura podan mellorar os resultados electorais e as xuntanzas sexan máis rápidas e tranquilas.

Estes comportamentos elitistas ou paternalistas exteriorízanse nas institucións cando os dirixentes partidarios cumpren o papel de intermediarios

 

As reivindicacións laborais, sociais, económicas, culturais e democráticas, a xestión e a representación nas institucións, así como as direccións partidarias, teñen que amosar en todo momento que defenden un único proxecto en todos eses ámbitos. E que esta alternativa representa os intereses estratéxicos da clase traballadora (o 80% da povoación activa) e outras camadas populares. Algo importante. Máxime neste contexto onde hai tanta incoherencia e inconsistencia partidaria, tantos discursos baleiros de contido, duplicidade fronte ao capital e os medios hexemónicos. Ademais, cómpre destacar sempre que a organización teña unha folla de ruta e unha política de alianzas para esta conxuntura, que estean directamente relacionadas cos obxectivos estratéxicos que se propoñen a medio e longo prazo. Só así se gañará a confianza das clases populares, formaranse cadros e militantes dispostos a confrontar e defender as ideas do proxecto. Non abonda con estar presentes en todos os conflitos sociais, con levar unha pancarta. Isto é o básico, o mínimo para unha forza que promete o cambio.

http://manuelmera.blogaliza.org/