Opinión

Relacións Galiza Portugal

Algo non vai ben cando a información que nos chega dun país co que temos fronteira é mínima; máxime se temos séculos dunha historia en común, e hoxe unha cultura e lingua moi (moi) semellantes, cando non iguais. En concreto pouco se soubo sobre as manifestacións masivas que fixo a CGTP, a maior central sindical de Portugal, en Lisboa e Porto o pasado 15 de outubro, esixindo: “Aumentos dos salários e pensões emergência nacional! Contra o aumento do custo de vida e o ataque aos direitos”.

É verdade que non son as únicas accións de protesta sindical que se dan dentro da Unión Europea e que teñen unha cativa repercusión nos medios, malia tratarse de grandes concentracións de xente, e de países de referencia no imaxinario globalizador e neoliberal que se nos vende polo sistema. Por exemplo en Alemaña, Francia e Italia, e tamén noutros países máis pequenos como Chequia. Mais, nestes casos, algo aparecen nos medios aínda que sexa coa rapidez dun lostrego.

Porén, cando se trata de Portugal a repercusión é nula ou anecdotica, tanto no resto do Estado, como tamén na Galiza e isto último é dobremente preocupante. Non se trata dunha casualidade, resulta evidente que que busca xerar unha opinión respecto de que a contestación laboral e popular é mínima, e no caso de Portugal ademais se lle suma a intencionalidade de afastar calquera tipo de acción e actitude solidaria ou que sirva de referencia entre os povos galego e portugués.

Sen dúbida a situación laboral e social é preocupante, en todo o mundo e na UE moi especialmente, por mor da caída da capacidade adquisitiva dos salarios, pensións e axudas públicas, da precariedade e desigualdade. En realidade do fracaso da globalización neoliberal, do capitalismo, que a situación ecolóxica, a pandemia, a guerra na Ucraína e as sancións, a inflación, etc. axudan a evidenciar con toda a súa dureza, xa que aumentou fortemente o número de familias que non dan chegado a fin de mes.

Ademais, a inflación non é igual para as distintas clases sociais, porque a alimentación, transporte, enerxía e vivenda absorbe unha maior porcentaxe dos ingresos nas familias con menor poder adquisitivo. Por exemplo a inflación na alimentación supera o 14% no Estado español, fronte a unha media anual do 9%. Daquela que nalgúns países, por presión sindical, a inflación se valorase segundo os tramos dos ingresos familiares, sería o xusto e o lóxico. Ademais, non podemos esquecer, que nos países subalternos os salarios son máis baixos.

Nas intervencións das manifestacións do 15 de outubro en Portugal a CGTP fixo unha dura critica ao pacto social: “o Acordo concertado entre governo, patrões e UGT atira o aumento dos salários para “aquele depois” e significa mais perda de poder de compra para agora e para 2023, que a CGTP-IN não o assinou. Não pode ser, os salários a perder, enquanto os lucros de milhares de milhões de euros permanecem intocados”. É unha postura semellante á que mantén a CIG na Galiza (e distante da que teñen tanto CCOO como UGT), o que amosa as coincidencias nos obxectivos e na folla de ruta entre ambas centrais sindicais, que teñen históricas relacións de amizade.

Lembremos que Portugal está governado polo Partido Socialista, que ademais ten maioría no Parlamento, e que, como no Estado español, aceptan o marco neoliberal ao que engaden prestacións sociais para os sectores máis afectados polo modelo (é o máximo que se pode esperar da esquerda sistémica). Prestacións mínimas que son moitas veces relegadas, daquela que economistas como Eugénio Rosa critique os orzamentos presentados polo governo “socialdemocrata” de António Costa por “poñer o acento na rebaixa do déficit do orzamento (...), todo elo para seren vistos en Bruxelas como os campións da redución do déficit e da débeda”.

En boa medida o aumento dos impostos en Portugal, como no Estado español, débese á inflación, e a que non se modificaron os tipos. A rebaixa da débeda pública en Portugal pasaría do 125,5% en 2021 para o 115% en 2022, e o 110,8% en 2023. Quince puntos menos... nunha situación tan grave e con prioridades sociais.  

Canto en común coa nosa realidade, agás de que eles teñen unha soberanía formal e nos carecemos dela, o que isto non é unha pequena diferencia, daquela que Madrid negue recoñecer este dereito ás nacións dependentes do Estado español con tanta teimosía. En todo caso, resulta evidente que cómpre un maior esforzo para normalizar a relación informativa no espazo e no tempo que compartimos. Este sería un paso adiante a prol de fortalecer a nosa identidade, a cuestión  nacional, a loita de clases, e a construción de forzas propias a todos os niveis.

Sempre tiven diferencias co proxecto do Partido Galeguista (en relación coa loita de clases, o papel do partido e da fronte, a mobilización...) mais recoñezo e reivindico seu papel na loita a prol da nación galega e da maioría social, e o carácter estratéxico que lle daba ás relacións con Portugal, por exemplo formando parte dunha república Confederal que integrase toda a Península Ibérica (aínda que este non sexa o obxectivo ideal e de xustiza para un soberanista é un salto cualitativo histórico e implica tarefas estratéxicas nas relacións entre ambos países). Estamos facendo todo o necesario e posíbel no relativo ás relacións e accións en común con Portugal?...

Comentarios