Opinión

Refundar, solución ou cortina de fume?

Sectores do BNG veñen facendo súa a consigna da necesidade de refundar a fronte, sen achegar unha análise completa das eivas e erros cometidos, nin até onde deben chegar as reformulacións para recuperar as complicidades sociais perdidas. Non se dan, como resposta, propostas concretas do que se debe reformar, sexa nos obxectivos, na folla de ruta, na mensaxe, nos métodos de traballo ou no organizativo. Seica, reduciríase todo a procurar alianzas de cúpula, nunha confluencia coas Mareas, sumándose no vagón de cola para aproveitar o seu éxito electoral (que por outra banda adxudican en boa medida ao favor dos medios). Cando se dan outras receitas, cínguense, a ser máis flexíbeis, “menos sectarios”, sen definir con claridade en que aspectos, malia que, ao caracterizar o proceso como de refundación, todo indica que os cambios serán importantes e que afectarán ao proxecto no seu conxunto. 

Todo fai pensar que non se quere debater con total claridade ou, o que sería máis preocupante, que se carece dunha caracterización completa da situación, e polo tanto, de cales deben ser as medidas a tomar, tendo en consideración a correlación de forzas, o estado de ánimo da xente, e a capacidade da fronte para corrixir eivas e superar atrancos. Neste escenario complexo e con posturas tan ambiguas, a refundación converteuse na palabra máxica para superar todos os erros e limitacións. En realidade, reproduce o espellismo dunha lagoa no deserto. 

Neste escenario complexo e con posturas tan ambiguas, a refundación converteuse na palabra máxica para superar todos os erros e limitacións

Hainos que ligan o retroceso electoral á viraxe política de Amio, que pretendía volver ligar con claridade a mobilización e o institucional, o social coa soberanía, e darlle un papel decisivo á militancia. Din que se botou pola borda todo o que se fixo de positivo no bipartito. Un erro que hai que rectificar. Mais, debese lembrar que moitas iniciativas non se debateron na organización, e  impúxose unha ruptura no control político entre os/as que exercían cargos na administración e a militancia, á que despois se lle pedía un apoio incuestionábel. Había altos cargos do BNG na Xunta que alardeaban de que en pouco tempo “ao Bloque non o ía coñecer nen a nai que o pariu”. Polo tanto, cómpre facer unha análise máis detida do bipartito, do bo e do malo. Porén, como conclusión, non se pode ignorar que o realizado, tanto nos contidos como nas formas, estivo por baixo do prometido e do esperado, tanto pola militancia como polos votantes. Non abonda con que se executasen moitas medidas positivas, e que o realizado estivese moi por riba do que fan os governos da dereita e da socialdemocracia. Quen promete cambios radicais debe efectivizalos, ou cando menos explicar porque non pode realizalos, socializar os atrancos e darlle un protagonismo activo ao povo para poder conquistalos no futuro. Estas eivas foron as que quixo corrixir Amio.

A cuestión non é que somos, ou como nos consideramos, individual e colectivamente, senón o que transmitimos e practicamos, onde e para que acumulamos

Os/as que piden que nos sumemos “tecnicamente” ás listas de Podemos (diso se trata), ou sexa que sexamos unha confluencia máis, alertan que canto máis rápido o fagamos máis acelerada será a recuperación. Non analizan as consecuencias sociais e políticas deste paso, cal será a capacidade real para manter un discurso diferenciado, nun contexto onde xogan os medios e o carácter periférico de Galiza. Todo se salva máis unha vez coas palabras máxicas: somos e seguiremos sendo nacionalistas. Porén, a cuestión non é que somos, ou como nos consideramos, individual e colectivamente, senón o que transmitimos e practicamos, onde e para que acumulamos. E non fortalece o grao de conciencia e organización, a prol da liberación nacional e social de Galiza, quen despois necesita para se consolidar de alianzas, ao nivel máis elemental, con forzas que consideran o marco estatal como prioritario. Partidos que apostan por un proxecto dentro da UE e non cuestionan a globalización neoliberal máis que parcialmente. O problema non é quitar a Núñez Feijóo, senón que sociedade queremos construír. Por outra banda cos dados na man o PP perderá as vindeiras eleccións autonómicas, non cómpre sacrificar a liña do BNG para conseguilo. A menos que se pense que estas contradicións non son apreciadas polo povo, ou sexa, que este carece da máis mínima capacidade de análise. E sobre todo, non pode ser unha alternativa atractiva quen repite dende hai tres anos, unha e outra vez, que a organización ficou debilitada pola ruptura, e por se non abondase, que necesita de axuda externa e que o proxecto está reseso. Esta é unha mensaxe que  dá votos ás Mareas. Engadamos os bandazos á esquerda e dereita, ás veces nunha actitude que se representa na práctica como seguidista, e temos a orixe dunha parte do retroceso. Óllase nesta mensaxe derrotista, na falta dunha liña definida, de ambivalencia entre electoralismo e ideoloxismo, a falla de dirección. 

Na década dos oitenta houbo mudanzas tan significativas como ás que provocou a crise actual, e a fronte foi quen de confrontalas e saír fortalecida

Diante dos retrocesos electorais, da queda na iniciativa mobilizadora, dos bandazos na liña, resulta lóxico que a militancia e os/as simpatizantes manteñan unha actitude crítica, que esixan debate e cambios. Mais é difícil de comprender que entre os que piden a refundación estean o voceiro e cargos institucionais, xa que teñen unha responsabilidade directa na transmisión da mensaxe, na obriga de conseguir a complicidade social, e no deseño das políticas da fronte. Acaso eles, que son as caras públicas da fronte, e tiveron un papel fundamental nesta etapa tan mediática, non teñen unha responsabilidade importante na perda de votantes e simpatizantes? Todo indica que falta autocrítica pola súa parte, e que resulta máis doado (aínda que non lóxico) botar a culpa á militancia, ao programa e á folla de ruta, xa que seica estarían fóra da realidade “porque a sociedade mudou”. Mais a este argumento fáltalle peso, porque a sociedade está a cambiar decote, e na década dos oitenta houbo mudanzas tan significativas como ás que provocou a crise actual, e a fronte foi quen de confrontalas e saír fortalecida, facendo correccións sen mudar o proxecto. Daquela, non será a situación actual do BNG unha cuestión de dirección, de referentes públicos, de persoas sen experiencia no movemento de masas, dunha folla de ruta tacticista e mimética de procesos exteriores e exclusivamente electorais? Recoñezo que non sempre é posíbel contar con cadros excepcionais para ser voceiros/as dunha organización, máxime cando hai que competir con dirixentes con carisma noutras alternativas. Mais cando é deste xeito, é de sabios socializar o papel dos referentes, algo para o que non deberían existir atrancos cando a proxecto está por riba dos egos persoais. Unha fronte, un partido, non é unha empresa, onde o xerente nomea a súa equipa, senón que debe funcionar ao envés: a base elixe a dirección e esta os referentes públicos (sempre mellor en plural). Só así o povo é quen máis ordena. 

Hai quen engade á proposta de se enganchar no tren das mareas, a necesidade de eliminar os partidos e correntes organizadas na fronte, porque seica restan axilidade ao BNG cando debe dar respostas. Existen nesta proposta aspectos que implican un retroceso político. Dada a composición ideolóxica da fronte, pasaríase dunha alianza de clases a unha organización interclasista, cun proxecto estratéxico para alén desta etapa. Sería unha viraxe á dereita, xa que se nega a loita de clases, e se substitúe pola conciliación (como propoñen as alternativas sistémicas). Isto significaría unha derrota daquelas teses que teñen como horizonte eliminar a explotación. Polo tanto, a supresión dos partidos hai que entendela como unha proposta hostil ao comunismo patriótico, e restaría apoios á fronte, especialmente por parte da clase traballadora (cuestión distinta é se eses partidos están a cumprir axeitadamente o seu cometido). Téñase en consideración que, no caso galego, o programa da fronte marca obxectivos de consenso que atenden tanto a intereses de urxencia e prioritarios da clase traballadora, como de autónomos e pequenos empresarios (carecemos de burguesía nacional). Para o que é esencial mudar os alicerces do sistema para garantir unha distribución do traballo e da riqueza máis xusto, aínda que sexa parcialmente nesta etapa. Lembremos ca fronte ten como meta principal conquistar a soberanía, para poder desenvolver plenamente estes obxectivos sociais e económicos, así como a defensa da identidade nacional.  Outro aspecto que hai que ter en conta, é que a supresión dos partidos de clase réstalle forza na fronte á clase obreira. Lembremos que esta suple, con organización e disciplina, a menor capacidade retórica fronte a aqueles sectores que utilizan o verbo como ferramenta na profesión. 

As ideas hexemónicas na sociedade son as das clases dominantes, e iso tamén ten incidencia na base social e na organización

Outra proposta, aparentemente democrática, mais que conduce a dar pasos na asimilación da fronte polas ideas dominantes, é a de igualar os dereitos dos/as simpatizantes e da militancia da fronte. Trataríase de que os primeiros participasen na toma de decisións do BNG con voz e voto. Isto implica que os/as simpatizantes teñen os mesmos dereitos que aqueles que cotizan e están obrigados a cumprir os acordos da organización. Polo que, en poucos anos, a militancia será suplantada polos simpatizantes, agás aqueles que procuren méritos especiais ou teñan un grao de entrega moi forte. O  lóxico sería que a militancia analice e decida e despois a organización alargue o debate aos simpatizantes, e que en todo momento estes análises e debates estean abertos á sociedade (as paredes de vidro das que fala Cunhal). Ademais, se esta ampliación de dereitos e non de responsabilidades fose un criterio acertado, por que non se abren os organismos de dirección á militancia? Por exemplo con voz e sen voto, sería moito máis lóxico. Por que nun caso si, e noutro non? Semella que se quere reducir o papel da militancia da organización a simples espectadores (como en Podemos), diluíndo a súa incidencia nas decisións, evitando as criticas e votacións, condicionando o debate coa participación exterior. Na sociedade hai persoas con maior e menor grao de compromiso político, a integración na organización ten que estar en función do nivel de compromiso e coincidencia co proxecto. As ideas hexemónicas na sociedade son as das clases dominantes, e iso tamén ten incidencia na base social e na organización, aínda que a distinto nivel. Confundir militancia con simpatizantes non significa aumentar o grao de compromiso e pode implicar que unha parte da militancia o perda ao sentirse non valorada. O importante é, darlle valor as asembleas, que non sexan unha terapia de grupo, senón lugares onde se debaten e votan iniciativas, posturas, valoracións. Debe ser evidente que a militancia decide.

Por último, dúas consideracións. Para min o proxecto é o importante, ou sexa, a liberación nacional e social das clases populares galegas. Neste aspecto, non penso que se poda avanzar sen reivindicar o movemento nacional popular galego das últimas cinco décadas. Nel recolléronse as experiencias históricas e as aspiracións do nacionalismo e as loitas populares de Galiza, así como dos procesos de emancipación nacional e de clase de todo o mundo. Non é doado de entender que haxa nacionalistas que non ligan a loita de clases coa soberanía, que lles vale o sistema con reformas que atendan os casos máis graves de exclusión social. Que ignoren a necesidade de redistribuír o traballo e a riqueza, e todo o fían a aumentar a produción e a que o capital privado contrate máis e aumente salarios. Esquecen que a globalización neoliberal tende a concentrar e centralizar, e que a man de obra e o consumo son hoxe universais, a menos que se lles poña control. O noso país produce riqueza abondo como para que unha distribución máis xusta permita ter pleno emprego e salarios dignos. E de non lle dar centralidade a este aspecto, o suicidio demográfico irá a máis. 

Toda rectificación debe servir para avanzar en dereitos, en mobilización, en conciencia, e para construír poder popular. Non se pode reducir ao electoral

Toda rectificación debe servir para avanzar en dereitos, en mobilización, en conciencia, e para construír poder popular. Non se pode reducir ao electoral. Hai que corrixir métodos de traballo, comunicar mellor, converter as mobilizacións reivindicativas e defensivas en protestas con contido político. Para iso son necesarios cadros máis formados, referentes con carisma. Se cómpre mellorar a organización, fagámolo. E se hai que mudar de nome para ampliar a base, pois múdese. Porén, ten que existir unha análise colectiva dos atrancos e eivas, que teña como finalidade ampliar a militancia sen dar pasos atrás no proxecto, na mensaxe e símbolos, na creación de conciencia, na capacidade de decisión. Non se trata de non mudar, senón de facelo con obxectivos claros e con propostas concretas. Só así servirá para algo, evitando confundir os desexos coa realidade.

http://manuelmera.blogaliza.org/