Opinión

Reforma laboral, o contido e as formas

Cando se fala de pactos entre organizacións sindicais, sociais e políticas, que teñen consecuencias sobre as relacións laborais ou outros temas transcendentais, importa ademais dos contidos, o proceso e as formas. Non é igual acadar un acordo de mínimos, porque a correlación de forzas é negativa, utilizando a máxima presión e participación da clase traballadora, que facelo renunciando a exercer a mobilización e debate público coa patronal e forzas que a apoian. Este último caso dáse, ben porque se parte dunha actitude derrotista ou porque todo se supedita á mesa de negociación, fuxindo das situacións de conflito, ou sexa, rexeitase na práctica a loita de clases.

Polo tanto, analizar e valorar os contidos e os métodos é fundamental, xa que forman parte da construción no imaxinario colectivo da folla de ruta, dos métodos de traballo, e da política de alianzas, axeitados para que a clase traballadora acade os obxectivos inmediatos e estratéxicos. Forma parte esencial da praxe da clase traballadora, da construción da súa conciencia e experiencia.

Respecto do proceso que se desenvolveu para aprobar este Decreto Lei, a valoración non pode ser máis negativa, tanto no eido sindical-laboral, como no debate institucional

Nos contidos este pacto é moi limitado, e as medidas que toma respecto de eliminar a temporalidade son discutíbeis, para alén do seu efecto estatístico. Ademais a reforma deixa intactos os principios básicos neoliberais, por exemplo: que non sexa necesaria unha decisión do organismo público con competencias na materia para realizar un ERE, permite que as empresas podan descolgarse do convenio ou modificar as condicións laborais por todo tipo de razóns, que non se paguen os salarios de tramitación por despedimento, etc. Na lectura máis favorábel da reforma os avances que se dan afectarían positivamente e parcialmente a un sector da clase traballadora e prexudican ao conxunto.

Respecto do proceso que se desenvolveu para aprobar este Decreto Lei, a valoración non pode ser máis negativa, tanto no eido sindical-laboral, como no debate institucional. Daquela que resulte pura propaganda cando se afirma que se trata do primeiro avance en tres décadas, como argumentan CCOO e UGT e o Goberno, agochando que estas medidas regresivas foron tomadas polos governos do PP e do PSOE nese período. Mais sen dúbida o aspecto máis negativo desta reforma é que se realizou obviando a mobilización social, o debate coa clase nas empresas, e marxinado aquelas forzas sindicais que sendo máis representativas, como ELA-STV e a CIG, manteñen unha postura de presión sobre o tema, coherente con lograr a derrogación das reformas laborais do 2012 e 2010.

Non menos significativo é que o Goberno e os sindicatos asinantes do pacto social renunciaran á derrogación da reforma do PP, e que se aceptase a imposición de Bruxelas de que o acordo estivese pactado coa patronal, para conceder o próximo préstamo de 10 mil millóns, o que implicaba aceptar os vetos da CEOE.  Como resultado para convalidar Decreto Lei no Congreso buscouse os apoios, na dereita e centro dereita, para non mover unha coma como exixía a patronal. O que levou á confrontación coas forzas do soberanismo, ás que dende o PSOE+UP se pretendeu asociar coa dereita, unha teoría con pouco percorrido, puro tacticismo, xa que todo o mundo sabe que na práctica cotiá defenden intereses e manteñen actitude políticas totalmente contrapostas.  

Toda esta verborrea non pode agochar que había votos suficientes á esquerda do PSOE-UP para aprobar no Congreso a derrogación e un texto que garantise unha relacións laborais xustas. Agora dise, dende os que avalan este Decreto Lei, que a modificación dos aspectos negativos da lexislación laboral pódense realizar aínda en futuras reformas. Sendo certo, non se pode obviar que este pacto social aumenta a fractura do sindicalismo, ata a este Decreto Lei ás centrais asinantes e os partidos que apoiaron, sementa a desconfianza na clase traballadora, e ofrece para cambiar positivamente a lexislación o falso camiño da pasividade, co movemento obreiro de espectador. Esta é a mensaxe e folla de ruta errada que se está a transmitir dende o Goberno e os sindicatos que avalan o Decreto Lei. E este é un dos aspectos máis graves deste e outros pactos sociais.

https://obloguedemera.wordpress.com/