Opinión

Reflexións encol da insurrección zapatista (EZLN)

O primeiro de xaneiro de 1994 os indíxenas de Chiapas reaxían contra a marxinación secular, tomando as cidades de San Cristóbal de las Casas, Margaritas, Ocosingo e Altamirano...


O primeiro de xaneiro de 1994 os indíxenas de Chiapas reaxían contra a marxinación secular, tomando as cidades de San Cristóbal de las Casas, Margaritas, Ocosingo e Altamirano. A data escollida para a insurrección non foi casual, xa que ese día entraba en vigor o Tratado de Libre Comercio (TLC) entre os Estados Unidos, Canadá e México, que daba un novo pulo á globalización neoliberal. A acción armada estaba dirixida polo “subcomandante Marcos” que comandaba centos de indíxenas (daquela chegouse a dar nos medios a cifra de dez mil). Diante de represión do exército mexicano, que mesmo empregou avións, tanquetas e helicópteros, e despregou uns 12.000 soldados, os zapatistas fóronse retirando ao interior da selva Lacandona, que era a zona de procedencia dos insurrectos.  

A data escollida para a insurrección non foi casual, xa que ese día entraba en vigor o Tratado de Libre Comercio (TLC) entre os Estados Unidos, Canadá e México

Da dureza dos combates dá unha idea a seguinte nota de El País do día 4 de xaneiro: “A ofensiva do exército mexicano foi onte incapaz de esmagar a rebelión de miles de campesiños de Chiapas. Mentres os militares só puideron expulsar os guerrilleiros de San Cristóbal de las Casas -a poboación máis grande que tomaron os insurxentes en Ano Novo- o autodenominado Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) controlaba onte oito poboacións”. O sete de xaneiro este mesmo xornal titulaba: “Machetes contra bombas, o exército desata unha brutal represión tras conquistar Ocasingo”. 

O día doce, o Presidente de México, Salinas de Gortari, diante da presión internacional polo salvaxismo da represión, e tendo controlada a situación ao cercar o EZLN na selva Lacandona, declara un alto ao fogo e abre un proceso de negociacións co EZLN. A guerrilla recoñeceu 46 mortos durante os días de combate, dun total de 108 persoas falecidas. O 18 de xaneiro 70.000 persoas manifestábanse na cidade de México pedindo negociacións e a paz. Tamén se realizaría un referendo sobre o tema, no que participaron 1.300.000 persoas.

Hoxe, dúas décadas despois, é tempo abondo para realizar unha análise con datos encol dos resultados económicos e sociais do TLC, así como da efectividade da folla de ruta e dos métodos de traballo do EZLN, para alén da incuestionábel contribución que significou a insurrección. Lembremos que foi a primeira gran resposta de masas contra os plans do capital para aumentar ao seu favor a concentración e centralización da riqueza e do poder, despois da queda do chamado “socialismo real”. Virían logo as masivas mobilizacións contra a globalización  a finais da década e principios do século XXI (Seattle, Xénova, etc.), e no aspecto organizativo e de debate, os Foros Sociais Mundiais de Porto Alegre.

A revolta zapatista foi resultado dun extenso traballo no tempo, e non estivo exenta de atrancos. O subcomandante Marcos dicía nunha entrevista realizada pouco despois da insurrección que: “a guerrilla preparouse durante unha década, cansos de non ser escoitados, contou co apoio e as decisións democráticas das aldeas e grupos étnicos comprometidos, e a igrexa intentou evitar o levantamento”. Polo tanto, a insurrección careceu de calquera tipo de espontaneísmo, foi organizada polo miúdo. 

Co gallo da rebelión zapatista dicía nun artigo publicado no Eixo (voceiro da INTG), en marzo de 1994, o seguinte: “O TLC vai afectar negativamente á industria mexicana que non sexa intensiva en man de obra, xa que ten un nivel tecnolóxico menor que a americana. Outro tanto vai acontecer cos pequenos produtores agrarios que non poden competir coa produción agrícola industrializada de USA, que poderá colocar aquí parte dos seus excedentes”. O tempo reflectiu que era correcta a apreciación dos que afirmabamos que a globalización acrecentaba a desigualdade entre territorios e entre clases sociais. Un tema fundamental polas consecuencias  nesta etapa histórica, e para alén da crise actual, da integración de Galiza no Estado español e na Unión Europea, así como polo TLC que silandeiramente se está a negociar entre os Estados Unidos e a UE, cunha importante presenza do lobby empresarial. 

"O TLC vai afectar negativamente á industria mexicana que non sexa intensiva en man de obra, xa que ten un nivel tecnolóxico menor que a americana. Outro tanto vai acontecer cos pequenos produtores agrarios"

Vexamos algúns datos. No ano 1994 o PIB por persoa en capacidade de merca (PPS) era en México do 27,2% en relación cos Estados Unidos (USA), no ano 2012 só representaba o 18,41%. No caso concreto de Chiapas en relación coa media de México, era daquela do 55%, e no 2012 do 42,3%. Resulta evidente o aumento da desigualdade territorial, tanto entre os USA e México, como dentro deste país. 

Segundo un informe da CEPAL do ano 2004, “as exportacións que rexistraron unha importante alza de participación no mercado norteamericano foron as de equipos de transporte, maquinaria, bebidas e tabaco. As exportacións de comida, de animais vivos, de aceites animais e vexetais, de produtos químicos, e de cru e os seus produtos derivados foron incapaces de manter a súa participación. O impacto a nivel empresarial distribúese dun modo moi desigual. O groso das exportacións non vinculadas ao petróleo orixínase en non máis de 300 empresas, a maior parte delas ligadas a corporacións tras-nacionais”. 

Segundo varios analistas: “En México creáronse grandes problemas coa alimentación básica. De ser un país exportador de millo, volveuse importador e houbo un aumento na pobreza do campo, afirma Enrique Daza. (...) Para Carlos Alba, os principais beneficiarios foron os que exportan produtos tropicais e os que poden competir porque o seu cultivo ou colleita esixe a utilización intensiva de man de obra, como os produtores de froitas, flores e hortalizas. Os sectores máis sensibles son os produtores de grans, especialmente os de millo, que non están en condicións de competir por condicións de fertilidade, climáticas, financeiras e de apoios económicos e institucionais cos produtores de Canadá e dos Estados Unidos”. (http://www.revistadelogistica.com/mexico-y-el-TLC-con-EEUU-lecciones-para-colombia.asp). Sendo estes últimos o groso da masa laboral campesiña mexicana, forzada á subsistencia ou á emigración. 

A segunda das reflexións que quero facer ten que ver co suxeito político, e moi especialmente coa folla de ruta e os métodos de traballo. Sen dúbida, a insurrección zapatista deixa contribucións no referente á construción do suxeito social e político capaz de crear unha nova sociedade, mais tamén fixéronse evidentes as eivas, a medida que foi avanzando o tempo. 

A capacidade que tivo o zapatismo para acumular forzas na clandestinidade, desenvolver unha importante forza ofensiva no eido militar, e afianzarse con tanta fortaleza na zona, son dignos de admiración. Tamén o son a súa utilización dos medios de comunicación, non só no aspecto divulgativo senón como instrumento para ampliar a todo México o suxeito político que agromaba á vista de todos e todas. Lembremos os sete mil delegados/as que se reunían na selva Lacandona no mes de agosto de 1994 para participar na Convención do EZLN, ademais asistían numerosos xornalistas e convidados de todo o mundo. Alí estaban, moi especialmente, aqueles que eran críticos cos partidos da esquerda rupturista tradicional, aínda que tamén había destes últimos. Malia o cerco do exército, o zapatismo conseguía irradiar a súa estratexia liberadora, polo que o proxecto continuaba avanzando mediante outras formas. 

A capacidade que tivo o zapatismo para acumular forzas na clandestinidade, desenvolver unha importante forza ofensiva no eido militar, e afianzarse con tanta fortaleza na zona, son dignos de admiración

A última demostración pública foi o pasado 20 de decembro, cando uns 6.000 indíxenas zapatistas percorreron pacificamente as rúas de Ocosingo, localidade no que hai dúas décadas se deron os enfrontamentos máis duros co exército mexicano. O maior dos éxitos foi manter como “zona liberada” unha área da selva Lacandona, poboada por xentes das nacionalidades maias, e que unhas 65.000 persoas en distintas comunidades de todo México, especialmente en áreas illadas de montaña, permanezan  autoorganizadas baixo principios de igualdade. 

O movemento zapatista ten importantes méritos, mais non foi quen, en dúas décadas, de crear unha forza política capaz de cuestionar o Goberno mexicano e o sistema. Por que? Non se trata dunha cuestión menor, xa que marca a diferenza entre unha folla de ruta correcta e outra que, sendo quen de construír unha referencia, carece de capacidade ofensiva no contexto da globalización neoliberal, e polo tanto capacidade para a transformación da sociedade. Neste aspecto é onde a afirmación do subcomandante Marcos de que non quere mudar o goberno senón o sistema, no senso de que a súa loita vai para alén dun cambio de figuras, sendo acertada, tamén deixa ao descuberto a incapacidade para acumular, e que algo non se está a facer ben. Todo amosa que, no fundamental, o zapatismo ten un enorme engado sobre os sectores máis marxinados e sobre os intelectuais de esquerda, mais non foi quen de atraer coa mesma forza a clase traballadora e o campesiñado organizado. 

O zapatismo ten un enorme engado sobre os sectores máis marxinados e sobre os intelectuais de esquerda, mais non foi quen de atraer coa mesma forza a clase traballadora e o campesiñado organizado

Na cuarta declaración da selva Lacandona, do 1 de xaneiro de 1996, dicia o EZLN o seguinte: “Unha forza política cuxos integrantes non desempeñen nin aspiren a desempeñar cargos de elección popular ou postos gobernamentais en calquera dos seus niveis. Unha forza política que non aspire á toma do poder. Unha forza política que non sexa un partido político (...) Unha forza política que loite pola democracia en todo e non só no electoral. Unha forza política que loite por un novo constituínte e unha nova Constitución”. No seu libro La izquierda después de Seattle, Marta Harnecker (2001) dicía que: “malia a súa audacia, a súa creatividade, a súa orixinalidade, non puido fuxir do que constitúe unha das debilidades máis serias da actual esquerda mundial: a carencia dunha proposta alternativa. A propia dirección zapatista recoñéceo cando expresa: opoñémonos a un proxecto de país que implica a súa destrución, mais carecemos dunha proposta de nova nación, unha proposta de reconstrución. E ante a ausencia dun proxecto político que estea á altura dos tempos que vivimos corre o risco de que o movemento de apoio ao zapatismo se disperse ou se desestruture e que moito do impacto da rebelión termine por se diluír.” No seu libro A la conquista de una nueva hegemonía (2012) ela destaca o repregue dos zapatistas cando analiza que: “Os invisíbeis non chegarán a ser visíbeis se non se fan visíbeis. Creo que ese foi o erro dos zapatistas. Aínda que eles conseguiron facerse visíbeis en 1994 a través da rebelión armada logo, ao se marxinar da política do país, dalgún xeito volveron a se invisibilizar”. Aínda que algunha destas reflexións de Marta Harnecker teñen máis dunha década o tempo verificou que eran acertadas. 

Coido que a eiva non está tanto nos obxectivos, xa que sen dúbida o EZLN ten un modelo de sociedade que procura desenvolver nas comunas, como na folla de ruta e o instrumento político que sirva para construír un novo bloque histórico que derrote as clases dominantes. No caso do EZLN como noutras experiencias arredor de todo o mundo, coa queda do socialismo real, non só entrou en crise o modelo alternativo senón tamén, e isto non é algo secundario, o suxeito social e político que debe comandar a liberación nacional e social. 

A desnaturalización do partido revolucionario na inmensa maioría dos casos fíxose a costa de secundarizar ao principal protagonista en número e capacidade de loita, a clase traballadora, polo que perdeu pulo

Nas últimas décadas houbo unha morea de intentos para construír modelos máis horizontais de partido, en realidade movementos, que abrangueran a outras camadas en ascenso social. Unha actitude positiva. Mais, a desnaturalización do partido revolucionario na inmensa maioría dos casos fíxose a costa de secundarizar ao principal protagonista en número e capacidade de loita, a clase traballadora, polo que perdeu pulo. Deste xeito creáronse organizacións fracturadas, onde cada segmento coloca en primeiro plano os seus propios intereses de grupo. Unha secundarización que se alargou á loita de clases, como se o modelo actual non estivese en función dos intereses do capital. Resulta evidente, que para poder derrotar as clases dominantes, máxime nun intre como este no que acadou a máxima concentración e centralización da riqueza e do poder, e un enorme control mediático, cómpre unha forza numerosa, moi ben organizada e cunha mensaxe homoxénea. Ou sexa, un partido marxista leninista (células, centralismo democrático...), enraizado na realidade nacional, xa que ate hoxe é a experiencia máis exitosa, tanto para a conquista de avances sociais como para a construción do poder popular, a ruptura democrática, e avanzar na socialización dos sectores estratéxicos (Neste aspecto está a principal debilidade de procesos de cambio como os que se están a dar en Venezuela, Ecuador e Bolivia). 

Para alén das limitacións o EZLN tivo un papel relevante no inicio da loita contra a globalización neoliberal, en darlle visibilidade aos indíxenas mexicanos na vida política do país, amosando que é posíbel outro modelo de sociedade, mesmo en zonas tan atrasadas como a selva Lacandona. Non é pouco mérito. Éxitos que foron posíbeis porque os zapatistas partiron da realidade social existente e déronlle protagonismo á xente do común. Mesmo amosaron unha gran eficacia para conseguir presenza mediática e acadar a simpatía dunha boa parte das persoas de esquerda ou progresistas. Mais, cando se colle como exemplo revolucionario, estas virtudes non deben facer que esquezamos as eivas, porque está en xogo a conquista da liberdade, a xustiza e a democracia. Non é pouca cousa. 


http://manuelmera.blogaliza.org/