Opinión

Reflexións sobre o conflito entre Rusia e o imperialismo hexemónico

Sendo esencial a análise do que está a acontecer na nación galega, e o proxecto e as tarefas para acadar xustiza social e soberanía plena, que non é pouco, nunca se pode ignorar a situación internacional. Especialmente cando temos en conta a nosa relación de dependencia e unha situación de axuste económico, social, cultural e político no mundo. Vivimos nunha conxuntura histórica, e é moito o que nos xogamos como país. Polo que, máis que nunca temos que caracterizar acotío o contexto internacional dado que é moi complexo e dinámico.. Ante todo, cómpre aclarar que esta non é só unha guerra entre Rusia e a Ucraína, senón que participa activamente nela todo o imperialismo hexemónico, enviando armas, voluntarios, aplicando sancións. Ou sexa, na práctica realizando un bloqueo económico e un discurso de confrontación, moi afastado de buscar unha saída negociada, que garanta a todas as partes seguridade e soberanía. Para non estenderme moito, nas reflexións a este respecto, fareino esquematicamente.

1) No ámbito militar, pregúntome. Porque se o exército ucraíno ten practicamente freado o avance das tropas rusas, como se di en moitos medios, estas non teñen recuado en ningunha fronte, e seguen a ter a iniciativa, e o imperialismo non deixa de enviar armas e medios? Semella pura propaganda para alentar a participación na defensa dos ucraínos. Non será en realidade, que ademais de non querer ocupar as grandes cidades onde habería unha enorme morte de civís, xa que a ultradereita os utiliza como barricadas, Moscova tampouco ten interese a esta altura de penetrar na Ucraína. Se cadra xa lle abonda con agradar o territorio do Dombás, garantir unha zona de seguridade na Crimea, controlar o Mar Negro e as zonas fronteirizas con Rusia e Bielorrusia. Semella a opción mais lóxica dado a superioridade que ten na aviación, en materia de mísiles, e que ademais así pode conxelar a actividade económica, social e política na Ucraína, e forzala a negociar. De verse obrigada podería ocupar as tres principais cidades do país, incluída a capital, que están practicamente arrodeadas por tropas rusas, mais seguramente con enormes custes en vidas de civís, co que isto implica como imaxe para o Governo ruso. Lembremos que Moscova sempre dixo que non ía a ocupar a Ucraína e que só quería garantir a seguridade do Dombás (e por lóxica tamén de Crimea) e sobre todo afastar o perigo dunha ameaza militar e nuclear externa, daquela que puxese como condición que a Ucraína non ingresase na OTAN.

Até agora a tendencia dominante é o control ruso das zonas estratéxicas da Ucraína e a súa capacidade para atacar en todo o territorio, mais iso non impide que manténdose esta correlación de forzas en determinados momentos e zonas o exército da Ucraína poda tomar a iniciativa e mesmo facer recuar ás tropas rusas. Tampouco se pode obviar que o inmenso apoio da OTAN e socios en armas e homes (mercenarios, voluntarios) non é algo secundario, así como a posibilidade de que nos meses de chuvia que están a chegar pódase afectar o desprazamento de material terrestre, algo que pode ser máis negativo para as forzas rusas (outra razón para non se distanciar moito da fronteira, especialmente no norte). Outra cuestión que non se pode esquecer é que a guerra librase en territorio da Ucraína, con todo o que iso implica no aspecto social, produtivo, destrutivo, de estado de animo da povoación. Neste aspecto o control dos medios incide máis no exterior que na primeira liña da fronte militar, especialmente a medida que pasa o tempo.

2) No eido da economía. A decisión de Moscova de cobrar as exportacións en rublos (só de gas e petróleo en principio) a todos aqueles países que manifestaron unha actitude hostil, ou sexa de envío de armamento á Ucraína ou impoñendo sancións, representa un salto cualitativo nas medidas de Rusia para responder ás sancións. Diante desta situación os países afectados, que ademais están a vivir unha crise económica e social, que vai a máis, pola subida do custe da enerxía, terán que aceptar a esixencia de Moscova ou perder o subministro de enerxía. As consecuencias desta medida de Rusia significa que o rublo recuperaría un valor de cambio respecto do dólar e outras moedas, moi semellante ao existente antes das sancións. Non aceptar por Bruxelas a decisión de Moscova implicaría o corte dos envíos e o agravamento da crise enerxética na UE e no resto do mundo, xa que os países exportadores de gas e petróleo xa manifestaron que non poden substituír todas os envíos da Federación Rusa (ademais tería un prezo maior). A resposta de Bruxelas a Moscova, especialmente de Alemaña, amosará até que punto a UE aposta pola paz ou por manter a guerra, porque só considerando este obxectivo como estratéxico se entenderían os novos sacrificios que se lle imporían á povoación e o trastorno que causaría na actividade produtiva mundial. Se cadra antes de que se publique este artigo xa coñeceremos a resposta, debuxando con claridade a folla de ruta das potencias occidentais, até onde chega a unidade, e canto manda os Estados Unidos. Os antecedentes non sexan nada optimistas a este respecto.

3) No relativo á confianza nas potencias hexemónicas. Para alén de como remate este conflito polo reparto do poder, da riqueza e o traballo, e polo tanto do exercicio real da soberanía e cales van ser as regras de xogo, nunca resultou tan evidente, especialmente dende a caída da Unión Soviética e o triunfo da globalización neoliberal, que o que realmente ten valor é a lei do máis forte. Os Estados Unidos define o que é a democracia, impón o dólar como moeda de reserva e intercambio, ten centos de bases en máis de 80 estados, invade e sanciona países, detén ou mata a opositores sen xuízos previos, co único argumento de que son negativos para o mundo e a democracia, segundo eles a definen. Saben que nunca serán condenados por estes feitos, están por riba dos organismos  internacionais, das decisións da ONU, e tamén o están aqueles países que arroupa, como Israel.

Neste aspecto axúdalles moito a hexemonía que mantén, esencialmente Estados Unidos, no eido da cultura de masas e dos medios de información, e o papel dominante que xogaron na revolución das comunicacións (internet,...), así como a alianza que existe entre as grandes corporacións do sector, o Pentágono, e o Governo. Non se suprimen canles rusas por defender a democracia, senón para evitar que cheguen outras interpretacións da realidade, ou a divulgación de ideas molestas para o relato sistémico. Neste aspecto as potencias emerxentes, porén sobre todo os pequenos países e as clases subordinadas teñen un reto pendente, que non me canso de repetir, porque é un dos piares esenciais para a construción dun mundo xusto, igualitario, solidario, democrático...

É verdade que a revolución nas comunicacións deulle voz a milleiros de persoas anónimas, iso é positivo, porén nunca como hoxe estivo tan concentrada a información de masas, e existe unha dependencia moi forte das grandes corporacións, das persoas super ricas. Son as dúas caras da mesma moeda, aparentemente contraditorias, mais a primeira élles necesaria para lexitimar a segunda, que é a que ten os recursos necesarios para incidir na construción do subconsciente colectivo, crear un determinado estado de animo. Polo tanto, sendo imposíbel cambiar a realidade sen disputar a rúa, sen unha sólida organización e unha folla de ruta axeitada, tamén o é sen socializar nas clases populares a realidade destas loitas e do proceso transformador. O que implica medios de comunicación efectivos, non só dirixidos á vangarda senón tamén ao conxunto do povo. Aínda que este non é o centro deste conflito entre Rusia e a OTAN, onde as diferenzas están entre cantos e como se reparte o poder. A Ucraína ademais de ser o teatro de operacións, e utilizada polas potencias occidentais como carne de canón.

4) Cada vez son máis as voces do sistema, especialmente no ámbito económico, que consideran que a invasión rusa da Ucraína, e as sancións, pechan a etapa da globalización mundial das últimas tres décadas. Todo fai pensar que será así, mais iso non implica a superación do neoliberalismo, nen que non se busque substituír a globalización por unha copia en áreas controlábeis. Ou sexa, que aínda o fracaso do capitalismo non está a debate, malia que sexa unha realidade. Polo tanto, todo indica que esta non será unha transición doada, que haberá fortes resistencias do imperialismo hexemónico. E neste transito ateigado de confrontacións e debilidades as clases subalternas e as pequenas nacións (con ou sen soberanía, como Galiza) poden ter a súa oportunidade histórica para abrir a porta a un mundo máis xusto e solidario. Pola dialogo, pola paz, non á OTAN.