Opinión

Reflexións sobre o concreto e o xeral nos concellos

Tiña razón o alcalde de Pontevedra, Miguel F. Lores cando, no Encontro Nacional do BNG realizado co gallo das eleccións municipais, afirmaba que el non ía prometer o que non podía cumprir, como solucionar o problema do desemprego cos recursos e competencias coas que contan os concellos.

Tiña razón o alcalde de Pontevedra, Miguel F. Lores cando, no Encontro Nacional do BNG realizado co gallo das eleccións municipais, afirmaba que el non ía prometer o que non podía cumprir, como solucionar o problema do desemprego cos recursos e competencias coas que contan os concellos. Engadía, que a sinceridade é un valor moi importante para a construción do proxecto nacionalista. A xeración de emprego, e que este sexa de calidade, así como rematar coa explotación de clase e impedir un papel cada vez máis subalterno de Galiza, dependen fundamentalmente de quen ten o poder. E hoxe, as decisións políticas e a lexislación están en mans do Estado español ou foron transferidas á UE. 

"É posíbel dende a Xunta e os concellos desenvolver medidas que contrarresten parcialmente a desfeita actual"

Agora ben, iso non implica que, tanto dende a Xunta, como dende os concellos, non se poda denunciar o que pasa co emprego, e a quen serven os poderes con competencias neste tema, e como prexudican ao noso país e á clase traballadora. Asemade, é posíbel dende a Xunta e os concellos desenvolver medidas que contrarresten parcialmente a desfeita actual, e que alenten o emprego ou diminúan a súa destrución, aproveitando as fendas no sistema. Tamén se poden remunicipalizar aqueles servizos que foron privatizados, e non dar ningún apoio a aquelas empresas que teñan unha actitude antisindical ou non cumpran coas normas laborais. Resulta evidente que unha parte desta regresión corresponde ao entreguismo e desleixo dos partidos de obediencia estatal (sistémicos). Un exemplo alternativo neste aspecto é Allariz e a inmensa maioría dos concellos governados polo nacionalismo. 

A historia amosa que baixo este sistema e sen soberanía, máxime nesta etapa do imperialismo, non hai marco dende as institucións subalternas para mudar cualitativamente o papel que xogan as clases populares galegas, é dicir Galiza, na división estatal, europea e mundial do traballo. Non é posíbel dende a dependencia e un sistema que recrea a desigualdade, nun contexto no que se está a fortalecer a lei da selva, cambiar a tendencia dominante que acentúa a concentración e centralización da riqueza e do poder. Para conseguilo, cómpre unha mudanza na correlación de forzas, unha ruptura democrática, un cambio sistémico, contar con soberanía. 

"A xestión debe formar parte dun proxecto de país, dunha folla de ruta, dun discurso que, partindo do local, constrúa conciencia colectiva"

Nen sequera durante a burbulla inmobiliaria, que xerou millóns de empregos e aumentou de xeito significativo a povoación no Estado español, Galiza tivo a posibilidade de crecer ao mesmo ritmo, malia as enormes potencialidades e contar coa xeración máis preparada da historia. Estancouse en número de habitantes, mantívose a emigración definitiva e parcial a outras autonomías do Estado mentres se producía unha substitución por inmigrantes. Xunto cos avances tecnolóxicos do momento, todo isto contribuíu a alentar na conciencia colectiva a falsa idea dun forte desenvolvemento económico e social. A prolongada crise reflectiu que todo era un espellismo. 

A actividade municipal debe estar centrada nunha boa xestión das competencias que lle corresponde administrar. Ese é o punto de partida, xa que é o que espera a inmensa maioría social! Porén, como fai o governo do BNG en Pontevedra, en Allariz e noutros concellos, a xestión debe formar parte dun proxecto de país, dunha folla de ruta, dun discurso que, partindo do local, constrúa conciencia colectiva para mudar a correlación de forzas e conquistar así a liberación nacional e social da Galiza. É iso o que desexa a militancia e a base máis concienciada do nacionalismo. Para isto, é fundamental o traballo en común do local co nacional, dos cargos nas institucións coa dirección da fronte. Dende estes obxectivos para a etapa enmarcados no proxecto estratéxico, o como e o cando dependen de cada localidade concreta. O importante é que en todos os recunchos da nación se percorra o mesmo camiño detrás dos mesmos obxectivos. O ritmo está condicionado polo contexto local, polo estado de ánimo da povoación, pola capacidade da organización... Sempre que ninguén fique tan demorado que na práctica sexa como se nunca iniciase a andaina.

"O nacionalismo ten nos concellos outra tarefa fundamental nun contexto tan agresivo coa nosa identidade, como é a defensa e promoción da lingua nacional"

Outro aspecto esencial da actividade nos concellos, e en calquera outra actividade política, é a participación, tanto da militancia e dos sectores máis activos da sociedade, como das clases populares. E esta non se debe dar só exclusivamente mediante a consulta da povoación sobre partidas do orzamento. Cómpre tamén debater con ela directamente todas as medidas que se toman, ou aquelas que se esixen cando se está na oposición, para explicar e escoitar as críticas, para sumalos ao proxecto. Non se trata tanto de negar os organismos representativos, como de ampliar o protagonismo do povo. Só así, ampliando a democracia, conseguirase que a povoación se vexa integrada en cada conquista, e que de cada vez se asuma por sectores máis amplos, que non son cesións gratuítas do sistema, nen resultado exclusivo dunha boa xestión, senón sobre todo consecuencia da correlación de forzas, da liña política, da mobilización. O que vén dado dende arriba, sen un esforzo directo, sempre perde moito do seu valor político e é mais doado de manipular polos medios hexemónicos. 

Ademais, o nacionalismo ten nos concellos outra tarefa fundamental nun contexto tan agresivo coa nosa identidade, como é a defensa e promoción da lingua nacional. Algo no que o BNG realizou grandes esforzos alí onde governa. Mais sería un erro non facelo coa mesma énfase con outros aspectos da nosa cultura, e moi especialmente da historia, porque esta é clave para que a povoación saiba por que se chegou a actual situación socio-económica, cultural e de subordinación, e especialmente para que poda contextualizar os feitos e entender os escenarios futuros. 

"Demostrarlle acotío á xente, no discurso e nos feitos, que o BNG é unha forza capaz de conducilos á vitoria"

E, por último, coido que o nacionalismo popular, soberanista, antisistémico, debe equilibrar mellor, na súa mensaxe, a relación dialéctica entre as consecuencias da crise (o axuste imperialista), e a folla de ruta para a ruptura democrática. Alén das medidas que se propoñen en cada concello e do programa xeral, isto é o que máis preocupa ás clases e camadas que procuran o cambio. Ou sexa, con quen facelo, cando e como conquistalo. E non casualmente, é neste eido onde o BNG ten máis que ofrecer, non só por acumular méritos históricos pola súa xestión nos concellos, e como forza de oposición alí onde non ten responsabilidades de governo, senón porque leva décadas sendo a forza que máis eficazmente combina a mobilización social e a representación institucional, as cuestións locais e sectoriais cunha visión global. Mais isto hai que lembralo arreo. Dalo por sabido, cando se ten nos medios unha presenza tan cativa e ás veces terxiversada, é un suicidio. 

Hai máis de catro décadas, durante a ditadura franquista, a UPG editara un cartaz cun debuxo de Castelao que dicía: “petar na alma do povo ate producir un estado de conciencia revolucionario”. Ese petar non era daquela, e non é hoxe, tanto interpretar a realidade, como demostrarlle acotío á xente, no discurso e nos feitos, que o BNG é unha forza capaz de conducilos á vitoria. E para iso hai que dar publicidade acotío á folla de ruta e aos méritos, algo que non debería de ser tan difícil cando, en comparación con outras forzas, se teñen tantos, na actualidade e no pasado. 

Non hai saídas socio-económicas, nen democráticas (ou que resolvan a cuestión identitaria), concello a concello, como se pode ollar hoxe mesmo naqueles que durante décadas medraron, por mor da industrialización primeiro, e o auxe dos servizos despois. O rural ficou desfeito, xa non ten capacidade para aportar sabia, e o mundo urbano está iniciando unha andaina semellante, mesmo nas cidades máis grandes. É un problema de país, de falta de competencias, de carencia de soberanía. Agora ben, mesmo sendo así, pódense facer cousas e construír poder popular. Daquela, por que non dar novos pasos, e  coordinar os concellos con maioría nacionalista para ofrecer ao povo galego unha referencialidade clara de xestión? Unha sorte de “zona liberada”.

http://manuelmera.blogaliza.org/