Opinión

Reflexións arredor do debate das pensións

Rematar coas pensións públicas, ou cando menos deixalas reducidas a un carácter asistencial, é un dos obxectivos de sempre do capital, xa que estas significan un negocio seguro, máxime tendo en conta o avellentamento da povoación e a crise sistémica. Daquela que os medios de comunicación de masas aproveiten toda circunstancia que coiden propicia, para bater contra a oposición das clases populares ás medidas de privatización. Este é un deses momentos, tanto pola esixencia da UE de diminuír o déficit público, en 5.500 millóns de euros, como porque os ingresos no sistema de pensións son inferiores aos gastos (en 15 mil millóns de euros) e o Fundo de Reserva está a piques de se esgotar. Durante o seu mandato, Rajoy utilizou 41.600 millóns de euros deste Fundo, un 4 por cento do PIB. E, mesmo sabendo da gravidade da situación, Fátima Báñez acaba de anunciar que está en estudo ampliar a tarifa plana dos autónomos; algo que afecta negativamente os ingresos da Seguridade Social. Hoxe, por exemplo, os novos autónomos pagan 50 euros mensuais durante os primeiros seis meses da súa actividade, que se poden prorrogar durante outros dous tramos de idéntico tempo con aumentos progresivos da cota, moi por debaixo da tarifa mínima de 267 euros. Para alén de que esta subvención sexa correcta ou non, o lóxico é que se pagase con cargo aos orzamentos do Estado, xa que se trata de gastos para a promoción do emprego. Outro tanto pódese dicir das subvencións á contratación, á conversión de contratos fixos en indefinidos, etc.

Por se non abondase coa difícil situación na que se colocou o sistema por parte do Governo, os medios e analistas neoliberais poñen o acento en que o avellentamento nas próximas décadas fai imposíbel que a povoación ocupada xere os recursos suficientes para manter as pensións (esquecendo a centralidade neste tema da alta taxa de desemprego, a precariedade e a diminución dos salarios). Este bombardeo de ideas catastrofistas e interesadas constitúe neste momento a primeira parte da folla de ruta do capital. Un camiño que continúa coa necesidade de convocar axiña a Mesa do Pacto de Toledo para lle dar aval político e social aos novos axustes, e escenificar así o Partido Popular unha actitude dialogante. Reunir o Pacto de Toledo non é malo en si. Mais, todo amosa que se chegará á negociación das pensións coa patronal e a dereita política avalada por unha forte campaña mediática, ou sexa, nunha situación de forza; mesmo máis desfavorábel para as clases populares que en procesos anteriores, nos que os resultados xa foron regresivos. Neste intre, os sindicatos e os partidos da esquerda estatal están nunha actitude defensiva, desmobilizados e derrotados, sen proxecto alternativo ao capitalismo, polo que fan propostas que son parches. Non cuestionan a tendencia dominante de centralización e concentración do poder e da riqueza, que irremediabelmente conduce a facer de todo un negocio, dende as pensións ate a sanidade, o ensino, a morte, e mesmo a guerra.

Todo amosa que se chegará á negociación das pensións coa patronal e a dereita política avalada por unha forte campaña mediática

A teima privatizadora do Governo non devece, malia que as pensións privadas teñan resultados negativos para os “clientes”, xa que só está garantido o beneficio das entidades xestoras (banca e parceiros). Polo tanto, no Estado español perderon cota de mercado nós últimos anos, aínda que os incentivos fiscais cos que o Executivo alenta estes fondos teñen un custe anual de nada menos que 1.200 millóns de euros para as arcas públicas. Entre xuño de 2013 e o mesmo mes do ano seguinte houbo 266.000 persoas que tiveron lucros superiores ao 20 por cento e outras 705.000 con perdas ou beneficios inferiores ao 1%. Ou sexa, un xogo de lotaría no que 3 de cada 4 perden. Os especialistas din que os fundos privados pagan a pena en salarios superiores aos 60.000 euros. En calquera caso non serán nunca unha alternativa ás pensións públicas, tanto polo seu carácter solidario como por ter a garantía do Estado. Lembremos a morea de Fundos que quebraron no mundo durante a crise, deixando millóns de xubilados na indefensión, por exemplo nos Estados Unidos e o Reino Unido.

Hai quen valora que a aposta da dereita contra a Seguridade Social pódelle ter un custe electoral moi grande, dado que os pensionistas son o maior celeiro de votos do PP. Mais esta é unha ollada moi esquemática. Durante o Governo de Rajoy, e tamén no de Zapatero, non se lle deu o mesmo tratamento a todas as pensións. As máis baixas tiveron un aumento que sempre superou o IPC, mentres que o resto perderon poder adquisitivo. Como as primeiras concéntranse nas de viuvez, orfandade e nos/as autónomos, os sectores realmente afectados negativamente foron esencialmente os asalariados/as (precisamente os que fixeron a maior contribución ao sistema). E dentro destes, aqueles con ingresos máis baixos, dado que os maiores salarios normalmente complementan as pensións con rendas inmobiliarias e accións, ou pensións privadas, e teñen un tope de retención.

Durante o Governo de Rajoy, e tamén no de Zapatero, non se lle deu o mesmo tratamento a todas as pensións

Tampouco é casual que os partidos sistémicos reduciran as cotas da Seguridade Social para determinados contratos e os autónomos (tarifa plana), que alenten a temporalidade na contratación, manteñan moi baixo o salario mínimo, ou degraden a negociación colectiva en prexuízo dos salarios, e non persigan coa intensidade necesaria a fraude no tipo de contrato ou traballo en negro, dando pulo a unha suma que xerou e dá folgos ao burato no sistema de pensións. Todas estas medidas ou omisións significaron unha transferencia planificada de recursos das/os asalariados ao capital. Isto tamén aconteceu coa reforma do IRPF, a redución do imposto de sociedades, e as achegas directas ás empresas, especialmente a banca. E, agora mesmo, fálase da segunda oportunidade para os “emprendedores” (empresarios) en caso de que as débedas os afoguen. Haberá unha medida semellante para os asalariados/as que perderon o seu traballo pola desaparición da empresa ou a redución de persoal?

Por outra banda, cando se fala das pensións, non se pode ignorar que os anos de goce dependen do xénero e do tipo de actividade previa. E como a pensión é parte dos ingresos laborais (actuais ou diferidos), adiar a idade de acceso non é indiferente, nen tampouco a proposta do PP de poder compatibilizala cun traballo cobrando a pensión íntegra. A media de vida non é a mesma para quen traballa na minaría, construción, mar, etc., que para un médico ou directivo. “Os médicos, os contábeis e os enxeñeiros viven unha media de 80 anos -85 anos as mulleres- mentres que os labregos, os peóns da construción ou o persoal que fai tarefas de limpeza só atinxe os 72 anos -78 anos as mulleres-. É dicir, determinados traballos son premiados con oito anos adicionais. Entre ambos extremos: un profesor e un xornalista 79 anos; un oficinista e un vendedor 78 anos; un fontaneiro e un electricista 76 anos; e un camareiro e un vixiante 75 anos. (http://www.demayores.com/2008/01/02/la-profesion-si-importa-para-la-longevidad-del-jubilado/). Polo tanto, a solidariedade prodúcese dende aqueles/as con traballos máis duros e salarios máis baixos, para aqueles que normalmente teñen maiores ingresos e mellores condicións laborais. É un aspecto que se debe ter en consideración cando se analiza o a situación laboral e as súas consecuencias.

A media de vida non é a mesma para quen traballa na minaría, construción, mar, etc., que para un médico ou directivo

Ate eiquí analizamos os intereses contrapostos que hai en relación coas pensións, así como a estratexia que se marcan as clases dominantes, que nesta conxuntura teñen no Estado español a iniciativa, para deixalas nunha renda mínima e privatizalas no fundamental. Quero expoñer a continuación as propostas que se fan sobre o tema dende as opcións progresistas. A primeira delas é: eliminar as subvencións ás empresas e autónomos/as nas cotas da Seguridade Social (2.500 millóns de euros), aumentar o salario mínimo e suprimir o tope máximo de cotización (3.642 euros). Outro aspecto que coido se debería ter en consideración sería diferenciar os sistemas, por exemplo, o xeral, daquel que afecta aos autónomos/as (cun déficit de 5.800 millóns de euros), dadas as diferenzas evidentes, tanto no proceso histórico e relacións de clase, como en ingresos e gastos. En calquera caso, todas as situacións especificas, que non teñen unha relación directa coas retribucións salariais do suxeito activo, deberían ter se cadra un tratamento particular.

As propostas que se fan dende a esquerda neste tema non semellan ser sempre as máis apropiadas. Por exemplo, Podemos apunta con razón que a última reforma, ao desligar a suba das pensións do IPC, fai perder poder adquisitivo aos/as afectados, así como que se demore aos 67 anos o acceso á xubilación, e que o aumento do tempo para o computo rebaixa a contía da prestación. Porén, a proposta de que todas as pensións sexan cubertas cos impostos non é acertada (aínda que se aplique de xeito progresivo), por varios motivos. A presión fiscal exércese máis sobre as clases populares, tanto sexa por medio do IRPF ou IVE, que son os dous impostos principais. Nos custes salariais, unha parte importante, sobre un 28,3% normalmente, son as achegas á Seguridade Social (descontados á empresa ou ao traballador/ra). Que pasaría entón con estes ingresos salariais diferidos? Eliminalos xeraría un importante aumento dos lucros dos empresarios, polos menores custes laborais, en prexuízo dos ingresos da clase traballadora e da súa participación na renda nacional. É verdade que a vía impositiva utilizase en moitos estados da UE para financiar as pensións, mais os salarios netos son moi superiores, mesmo tendo en consideración as diferenzas de renda por persoa, entre países.

A proposta de que todas as pensións sexan cubertas cos impostos non é acertada

A proposta dun imposto especial parece axeitada cando se trata das prestacións non contributivas (hoxe xa se fai a cargo dos orzamentos do Estado), e tamén nos casos de acceso ao dereito por vía indirecta (viuvez, orfandade,...) que implican contías importantes. A súa utilización cun carácter xeral precisaría dunha redefinición das retribucións salariais e do sistema impositivo, que garantise unha redistribución solidaria do traballo e dos ingresos. Esta non é a tendencia actual, e faría falla un cambio moi importante na correlación de forzas para conquistar este obxectivo. En calquera caso, os partidos anti-neoliberais coinciden en que as solucións deben vir polo aumento dos ingresos, nunca da supresión ou diminución de dereitos, tanto no referente ás pensións como a outras prestacións e servizos sociais básicos. Nesta liña está a esixencia da eliminación das reformas laborais e das pensións, etc. Segundo a Fundación das Caixas de Aforros, as últimas reformas das pensións implican a medio prazo unha depreciación do 35% na contía. Concretamente un 20% a realizada no ano 2011 co PSOE, e un 15% a que aprobou posteriormente o PP no ano 2013.

Segundo a Fundación das Caixas de Aforros, as últimas reformas das pensións implican a medio prazo unha depreciación do 35% na contía

É obvio que no futuro serán necesarios máis recursos para manter o sistema de pensións dado o avellentamento da povoación (en todo o mundo, pola mellora da calidade de vida e o control demográfico). Agora ben, non se pode por unha banda gabar o crecemento da idade media das persoas, e por outro lado laiarse dos custes que isto implica. Tampouco se pode ignorar que o acceso masivo da muller ao traballo remunerado significa unha redución dos custes indirectos no sistema, e que o aumento da produtividade permite dedicar unha porcentaxe menor do PIB estimado ás necesidades vitais, podéndose utilizar unha parte maior do excedente a pensións, dependencia, cultura, formación, sanidade, etc. En realidade, isto xa se podería facer hoxe, de existir un sistema económico e social máis xusto. Teñamos en consideración que practicamente todo o aumento da produtividade na última década transfírese ás corporacións transnacionais e á especulación (polo tanto ás grandes fortunas e altos directivos). Daquela que o capital excedente se empregue na actividade especulativa, delituosa, ao intervencionismo e á guerra, como a saída das elites e das potencias hexemónicas á crise de sobreprodución e á disputa do lucro.

A falta de soberanía e xustiza social na Galiza ten efecto sobre todos os aspectos, tamén no referente ás pensións

No caso concreto de Galiza, temos que engadir o factor da dependencia nacional, que agrava os efectos da globalización neoliberal, pola subordinación da nosa economía e das institucións galegas aos centros de poder foráneo. Os efectos máis destacados son o control exterior das grandes e medianas empresas, a exportación do excedente e o pago dunha parte importante dos impostos nas sedes centrais das empresas (especialmente en Madrid), a perda de peso da actividade económica, do emprego, e salarios máis baixos que nos centros de poder do Estado español. Todo isto como produto da transferencia da crise que se fai do centro cara a periferia. Consecuencias: retroceso demográfico, baixa natalidade e emigración da mocidade, agochando unha taxa de desemprego maior da reflectida nas estatísticas. Por se non abondase, dado que moitos emigrantes retornan cando se xubilan, e que as súas pensións figuran como transferencias, aumentan artificialmente o déficit, presentando a Madrid como centro da solidariedade, cando se beneficia do desenvolvemento desigual. A falta de soberanía e xustiza social na Galiza ten efecto sobre todos os aspectos, tamén no referente ás pensións. Sen dúbida este será un dos temas estrela no debate político e social durante esta lexislatura. O resultado final dependerá da correlación de forzas, ou sexa: das propostas, de fixar conceptos na sociedade, e sobre todo da mobilización dos afectados actuais e futuros.

http://manuelmera.blogaliza.org/