Opinión

Reboiras, un exemplo militante... e algo máis

Hai 44 anos na rúa da Terra na cidade de Ferrol e a poucos pasos da praza de Armas, o 12 da agosto, morría tiroteado pola policía da ditadura franquista Xosé Ramón Reboiras Noia. Tiña só 25 anos, enxeñeiro técnico, e dirixente da UPG. Relataba posteriormente un veciño “escoitei tres rafagas de metralladora sobre as tres menos cuarto da mañá... dúas horas despois guindaron unha bomba de gases lacrimóxenos, utilizaron o megáfono pra que se rendera... ouviuse un disparo illado e a continuación rematou todo”.

Durante o ano 1972 participou da conflitividade laboral existente na cidade

Moncho Reboiras naceu en Imo, concello de Dodro, e criouse en Vigo, no barrio de Teis a pouca distancia do estaleiro Vulcano. Desde moi mozo bebeu nas ideas de progreso e nacionalistas, nun primeiro intre ligado ao grupo alentado polo Padre Seixas e despois á Asociación Cultural de Vigo. Durante o ano 1972 participou da conflitividade laboral existente na cidade. Un militante de Organización Obreira lembrábame, hai uns anos, que foi el quen lles facilitou o aparello de impresión, que de tanto lles axudou na folga xeral de setembro.

En novembro de 1972 retornei da Arxentina, e poucos meses despois en Compostela presentáronme a Moncho. Posteriormente vivimos un tempo na mesma casoupa, no vran de 1973, xunto con Manolo “de Remesar”, na cidade da Coruña, a un cento de metros da cadea. Daquela eu xa deixara todo o relacionado coa organización de ERGA, e estaba dedicado en exclusiva, por indicación do partido, á Fronte Obreira da UPG. Reboiras tiña un seiscentos co que facía moitos quilómetros para contactar con persoas en Viveiro, Lira, Caldas de Reis, Melide, e en moitos outros lugares do país..., as veces pedíame que o acompañase, cando podía, xa que eu tamén traballaba nunha empresa do metal. Era unha persoa agradábel, de conviccións firmes, que analizaba o contexto, e militaba arreo por unha Galiza ceibe e popular, e que non esixía nada aos demais que el non estivera disposto facer.

Co seu asasinato polo franquismo perdeuse un moi bo dirixente do movemento de masas e do partido

Co seu asasinato polo franquismo perdeuse un moi bo dirixente do movemento de masas e do partido, nun contexto tan difícil como o dunha ditadura senil e a militancia clandestina. Mesmo neste contexto de represión destacou pola súa contribución no eido organizativo, tanto no aspecto sindical como das asociacións culturais. Foi un aporte decisivo, que se sumou ao doutras persoas, non moitas naquel período, para que o nacionalismo popular ampliase a súa base, nun período tan complexo e transcendental. Lembremos os xermolos sindicais, que se desenvolveron a partir da Fronte Obreira da UPG, e que serían a base do Sindicato Obreiro Galego, que daría os primeiros pasos meses antes dos tráxicos feitos de Ferrol. Un sindicato que foi vital para botar adiante a Intersindical Nacional Galega en 1977 e para o desenvolvemento posterior do sindicalismo nacionalista galego.

Non esquezamos pois a Moncho Reboiras como militante exemplar, mais sobre todo lembremos os obxectivos polos que loitou e morreu

Cómpre ter presente que seu asasinato, e a súa coherencia persoal, foi un revulsivo que petou moi forte no corazón de moitos miles de persoas na Galiza naquel intre, en boa medida mozos e mozas. Polo que, este feito tráxico e os militantes presos, xunto co traballo de masas e o debate das ideas, tiveron moita importancia para facer do nacionalismo un referente, non só na loita prol da liberdade nacional, senón tamén da xustiza social. Máxime cando na Galiza son aspectos interdependentes. Disputándolle deste xeito este papel ao PCE, que cumprira na década anterior este rol practicamente en exclusividade. Non esquezamos pois a Moncho Reboiras como militante exemplar, mais sobre todo lembremos os obxectivos polos que loitou e morreu. Unha etapa que foi chave para o nacionalismo democrático e popular, e tamén para escoller a folla de ruta máis axeitada, algo que nunha situación tan cambiante non era doado.