Opinión

Rachar coa globalización: contexto e tarefas

O Goberno central, en mans da dereita, destaca nas últimas semanas como dados positivos a desaceleración da perda de emprego, o equilibrio da balanza comercial exterior, a rebaixa da prima de risco e indicios de que o PIB sairá no terceiro trimestre dos números vermellos. Pola súa banda, a oposición lembra que a ocupación segue baixando, o consumo interior recuou un 6%, o equilibrio co exterior acádase en boa medida grazas a redución de importacións, que o emprego que se crea é temporal, e que segue medrando a débeda pública. Nestes aspectos o futuro pode dar a razón a uns ou a outros, xa que neste contexto económico todo indica que se van combinar períodos de recuar do PIB con outros de crecemento. Tamén é posíbel que cun medre moi cativo do PIB xa se xere emprego neto. O realmente importante é analizarmos a tendencia, ou sexa: cal é a evolución a medio prazo da economía e das condicións de vida da maioría social, de se manter as políticas económicas e sociais actuais?

O Goberno central, en mans da dereita, destaca nas últimas semanas como dados positivos a desaceleración da perda de emprego, o equilibrio da balanza comercial exterior, a rebaixa da prima de risco e indicios de que o PIB sairá no terceiro trimestre dos números vermellos. Pola súa banda, a oposición lembra que a ocupación segue baixando, o consumo interior recuou un 6%, o equilibrio co exterior acádase en boa medida grazas a redución de importacións, que o emprego que se crea é temporal, e que segue medrando a débeda pública. Nestes aspectos o futuro pode dar a razón a uns ou a outros, xa que neste contexto económico todo indica que se van combinar períodos de recuar do PIB con outros de crecemento. Tamén é posíbel que cun medre moi cativo do PIB xa se xere emprego neto. O realmente importante é analizarmos a tendencia, ou sexa: cal é a evolución a medio prazo da economía e das condicións de vida da maioría social, de se manter as políticas económicas e sociais actuais?

"Resulta evidente que a crise converteuse nun acelerado e duro axuste, tanto entre países como entre clases sociais".

 

Analicemos primeiro a situación global da que ninguén se pode illar. Por unha banda, está a disputa entre as vellas potencias hexemónicas e as novas emerxentes (os BRICS) polo reparto da riqueza, o traballo e o poder. Confrontación que non sempre se resolve por medios pacíficos, como en Libia e Siria, por poñer dous exemplos. Pola outra banda, resulta evidente que a crise converteuse nun acelerado e duro axuste, tanto entre países como entre clases sociais. O capital tende a se concentrar nos países e zonas máis fortes, e creceu e ampliouse como nunca a desigualdade social, a marxinación e a pobreza; é así porque ao capitalismo resúltalle funcional a centralización e concentración da riqueza e do poder. Só nos países da ALBA desenvólvense políticas, aínda incipientes, que pretenden construír un sistema económico e social alternativo que evite estes aspectos perversos da globalización neoliberal. 

Neste contexto a Unión Europea, o Estado español e a Xunta de Galiza, rexeitando calquera cambio de fondo, apostan pola deflación interna, o militarismo e baleirar de contido os poucos mecanismos democráticos de participación popular. Pola deflación social para competir nun mercado globalizado, especialmente dentro da UE, e tamén no resto do mundo, onde asociados ao imperialismo hexemónico dos Estados Unidos combinan competencia económica con militarismo, para asegurar deste xeito mercados, materias primas e enerxía. En todos os casos, ademais de alentar o militarismo e a depredación do medio ambiente, queren impor a desregulación das condicións laborais e a aniquilación da organización obreira e popular. Nas relacións laborais, nos servizos e prestacións sociais básicas, na cuestión fiscal, o exemplo xa non son as sociedades máis avanzadas, senón aquelas nas que se obteñen os máximos lucros cos mínimos custes. Noruega e Islandia son substituídos por China como referencia, e en pouco tempo seguramente por India, Indonesia ou Nixeria.

"Non é doado que o Estado español poda crecer solidamente nos vindeiros anos. Primeiro, porque todos os demais países da UE están aplicando a mesma política de retrocesos laborais e sociais"

Neste escenario non é doado que o Estado español poda crecer solidamente nos vindeiros anos. Primeiro, porque todos os demais países da UE están aplicando a mesma política de retrocesos laborais e sociais; algúns, como os da Europa do leste, parten de chanzos máis baixos; e outros, como Alemaña, tamén o fan, aínda que aportan un alto valor engadido de tipo técnico nos bens e servizos que ofertan. Daquela os avances son moi conxunturais e no fundamental suxeitos a novos retrocesos laborais e sociais. É unha carreira de caranguexos, ate que se chegue ao mínimo común denominador mundial, que como calquera pode ollar, aínda fica moi lonxano para Europa. Neste escenario, con políticas que aplican as regras de xogo impostas polas clases dominantes, o recuar en dereitos sociais e laborais é indetíbel e ten un carácter permanente. Ademais, pequenas mudanzas non permiten rachar con estas dinámicas, dado o grao de interconexión existente entre as economías dos distintos países e a hexemonía das grandes potencias imperialistas. 

Só unha forte contestación social e unha correlación de forzas favorábel en todos os ámbitos, incluíndo o institucional, pode rachar con esta tendencia. E para que sexa deste xeito, ademais de que cada país poda exercer plenamente a súa soberanía nacional, é esencial o control público daqueles sectores fundamentais para a actividade económica, como son nesta etapa, como mínimo: o crédito e seguros, a enerxía, as comunicacións e telecomunicacións. Xa non abonda cunha reforma impositiva progresista e progresiva, nen con garantir servizos e prestacións públicas como a saúde, ensino, pensións, seguro de desemprego ou protección da dependencia. Nesta etapa é fundamental o control doutras actividades, como as referidas, en beneficio da maioría social. Máxime cando a nacionalización dos sectores comentados sería apoiada non só pola clase traballadora senón polos autónomos, os pequenos e medianos empresarios. A crítica da poboación diante dos custes abusivos do teléfono e internet, da electricidade e dos carburantes, está presente na conversa cotiá. Aínda moito máis desprestixiado socialmente está o sector bancario, despois do roubo das preferentes e subordinadas, do alento á especulación e á burbulla inmobiliaria, dos xuros abusivos a familias e pequenas empresas que multiplican o que pagan polo diñeiro a aforristas e ao BCE. Son propostas que implican unha forte mudanza nas relacións económicas, que debilitan a globalización neoliberal, ou sexa a concentración e centralización da riqueza. 

"Ter soberanía é fundamental, mais non abonda con conquistala, dado que por mor do desenvolvemento actual do capitalismo son necesarios fortes cambios na estrutura produtiva e nas relacións laborais e sociais"

Ter soberanía é fundamental, mais non abonda con conquistala, dado que por mor do desenvolvemento actual do capitalismo son necesarios fortes cambios na estrutura produtiva e nas relacións laborais e sociais (como xa se analizou neste artigo). Polo tanto non chega con se opoñer ás reformas laborais reaccionarias, senón que cómpre propoñer un modelo que implique salarios e condicións laborais dignas, a democratización das relacións no seo das empresas. Outro tanto podemos dicir dos dereitos individuais básicos, como a igualdade de xénero. Son propostas estratéxicas, para dar resposta a unha situación que esmaga as clases populares, e que só se pode superar mediante unha ruptura democrática co sistema e nun proceso que implicará outras medidas socializadoras ademais das que eiquí se nomearon. Daquela, facer esta andaina implica tarefas concretas de carácter estratéxico xa nesta etapa, que abranguen o discurso, as propostas, a loita reivindicativa, e o organizativo (e, repito, non só no aspecto nacional). Evidentemente, débese ligar o estratéxico co táctico, ou sexa, coas reclamacións de conxuntura e cos métodos de traballo acaidos para o nivel de conciencia deste momento. Iso non ten ningunha dúbida.

Por último. A interrelación entre o nacional e o social non se debe entender como unha superposición de categorías, porque así resta e non suma. Cómpre que en todo intre se asocien ambos conceitos (o capital xa o fai, cando centraliza e concentra poder e riqueza a un tempo, afectando ás clases populares). Coido que entender esta interrelación en toda a sua dimensión permitirá chegar máis doadamante á maioría social, deixando ao descuberto o proceso de alienación, e deste xeito acumular as forzas necesarias para a liberación.

http://manuelmera.blogaliza.org/