Opinión

O que está en xogo na confrontación entre potencias

Hai tres décadas, o 8 de decembro, que Gorvachov anunciaba a disolución da Unión Soviética. Foi o inicio dun proceso que implicou a rápida caída das democracias populares, e eliminación do contrapeso que significaba Moscova fronte ás cobizas de Estados Unidos e as potencias aliadas. Consolidouse unha tendencia que debilitou ao movemento obreiro, os partidos de esquerda, e os movementos de liberación nacional. E aínda que esta evolución modificouse na última década polo ascenso de China, como potencia económica e militar, a recuperación de Rusia como potencia nuclear e enerxética, e o avance de varais potencias rexionais (India, Turquía, Irán..), as diferenzas de modelo económico e social non son fundamentais. Ademais Washington non está disposto a aceptar un mundo multipolar (compartindo a dirección coas outras potencias), facendo valer a súa expansión militar, as alianzas históricas, o control das comunicacións, da moeda de reserva,... 

O que está en xogo non é a democracia (que se utiliza como escusa por "occidente") senón os intereses da burguesía (alta e media), respecto do reparto da renda, tanto entre países (intercambio desigual) como no interno entre clases sociais. Aínda que este último tema sendo esencial na procura da igualdade non está hoxe no centro do confronto político como hai dúas décadas. Iso non quer dicir que non existan múltiples conflitos laborais, por mor do medre da precariedade, os salarios reais, e os servizos públicos, e o aumento do desemprego e a desigualdade, que se suma aos graves problemas ecolóxicos, á pandemia, ás crises económicas, ao retroceso en dereitos democráticos, nunha sociedade cada vez máis vixiada e con dereitos límitados. 

A cuestión é que, malia o fracaso do capitalismo, que está na súa etapa senil (como a definía Samir Amin), este mantén súa hexemonía no eido das ideas, convertendo a caída da Unión Soviética na derrota do socialismo, con todo o que isto implica no subconsciente colectivo para a construción de alternativas. Isto se debe, entre outros factores, a que os partidos da esquerda anti-sistema non foron quen de socializar amplamente unha análise desa etapa histórica, rexeitando os erros e revalorizando os acertos, que non foron poucos. Entre outros aspectos a clarificar está a cuestión do multipartidismo, dos dereitos e obrigacións individuais, de cal debe ser o ritmo da socialización e por onde comezar... das vantaxes e limitacións da produción en escala (que encetou na URSS, lembremos os anos de fame posteriores á caída)... de como tratar para alén do recoñecemento formal a cuestión nacional (lembremos as criticas de Lenin ao nacionalismo gran ruso)... a relación do capitalismo de estado con outro tipo de formas colectivas de propiedade, etc. E esta gran experiencia que foi a Unión Soviética completala coa de China, Viet-Nam, Cuba... 

Ademais da reconstrución da esquerda nacional democrática e popular, tanto a nivel nacional como mediante estruturas internacionais de debate, colaboración e accións en común, é básico fortalecer  ao movemento de masas en todos os ámbitos e gañar a loita no eido das ideas. Isto é esencial, porque sendo positivo avanzar cara un mundo multipolar non é o mesmo que este se reduza a aumentar o número de potencias con capacidade de decisión, a que estas se tomen en organismos no que estean representadas en igualdade de condicións todas as nacionalidades (garantindo tamén a presenza daquelas que carecen hoxe dun estado propio). Un avance deste tipo sempre estará asociado a un intercambio igualitario, á solidariedade e á paz como alicerces fundamentais. 

E por último, para que as transformacións impliquen xustiza social, igualdade de trato, cómpre garantir que se vai redistribuír o traballo e a riqueza producida en función do esforzo, capacidades e necesidades. Para avanzar en todos estes aspectos sociais, de modelo económico, organizativos, democráticos, de soberanía nacional e popular, sería un avance que a confrontación entre potencias se resolva co triunfo do multilateralismo. É fundamental. Tanto polo que implica respecto da resolución pacifica dos conflitos como para poñer en primeiro plano as carencias de soberanía aínda pendentes, a xustiza social, e o respecto pola diversidade (sexa cultural, étnica, sexual, xénero...).

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios