Opinión

Público e privado, a proba do algodón

 

A caída da URSS non foi un feito menor, non só pola derrota da experiencia socialista, senón porque tivo consecuencias sobre a correlación de forzas, a fortaleza do movemento obreiro, os procesos de liberación nacional, e por suposto, respecto da viabilidade da construción do socialismo no imaxinario colectivo. Seguir repetindo consignas obviando este triunfo, tamén ideolóxico, das clases dominantes, non axuda a rectificar, dar o debate no eido das ideas, e conquistar a hexemonía. 

 

En base á análise anterior, teño afirmado, en moitos dos meus artigos, que neste contexto histórico non abonda con marcar obxectivos estratéxicos, xa que terminan sendo consignas, máis que metas,  cando non se planifican e desenvolven tarefas e obxectivos intermedios. Trátase dun aspecto transcendente. Quen pode considerar transformadora unha forza que non é capaz de a medio prazo gañar espazos de soberanía, conseguir conquistas laborais, sociais e de modelo económico que impliquen retrocesos do sistema opresivo e explotador? Non é factíbel acumular para a liberación, exclusivamente: con consignas estratéxicas nos actos de consumo interno, a boa xestión das institucións no marco do sistema, e propostas parciais e reformistas na mensaxe de masas.

 

As clases populares saben, por experiencia, que é imposíbel avanzar sen construír previamente poder popular, sen cambiar a correlación de forzas, e que iso non se logra dun día para outro. Polo tanto a liberación nacional e social, aínda que debe estar sempre presente no debate e no discurso, é un proceso, no que os obxectivos e avances intermedios, dacordo coa realidade de cada país e contexto internacional, permiten construír conciencia política e fortalecer a organización. Son pasos que, a medida que se avanza, converten en viábeis, aos ollos de sectores populares cada vez máis amplos, os obxectivos estratéxicos. Esta visión dialéctica, que liga práctica e teoría á praxe, é unha das grandes diferenzas entre o marxismo e o idealismo. 

 

Un dos aspectos nos que se podería avanzar neste momento histórico, debilitando ao sistema, e fortalecendo ás clases populares, debería ser: re-municipalizando e nacionalizando servizos esenciais e básicos. Teñamos en consideración que, mesmo neste marco de hexemonía do capital, hai unha morea de servizos cuxos custes son considerados como abusivos polas clases subalternas, e non só por elas. Servizos básicos, como os bancos, a enerxía e as telecomunicacións, e por supostos as prestacións esenciais (ensino, sanidade, pensións, dependencia,...). Aínda que nestes últimos a actividade privada aínda non é tan forte, polo que se dá na sociedade unha menor preocupación sobre o carácter privado ou xestión empresarial dos mesmos. Mais, o interese polo lucro non deixa de aumentar co apoio dos partidos da dereita, e non só deles; mentres medra a contestación social.

 

Esta agudización da contradición entre o privado e o público ten unha enorme relevancia política, xa que é unha panca primordial para transformar a realidade, máxime cando existe unha boa opinión sobre a xestión pública dos servizos esenciais. Ademais, outros servizos básicos até non hai tantos anos estaban xestionados en gran medida polo Estado. Sectores que foron privatizados en beneficio do capitalismo máis ligado aos governos do momento, dando lugar as portas xiratorias entre directivos e asesores empresariais e altos cargos públicos. 

 

Esta agudización da contradición entre o privado e o público ten unha enorme relevancia política, xa que é unha panca primordial para transformar a realidade

 

Todo amosa que neste tema as eivas non están tanto, no estado de animo e o grao de conciencia das clases populares, como nas debilidades dos suxeitos partidarios. Por iso chama a atención, que, malia a esquerda manter na teoría unha postura favorábel á socialización, e a dereita propicia a privatización, despois na práctica (que é o fundamental) non sempre funciona así. Temos como exemplo a cidade de León, governada polo PP, que decidiu no ano 2013 re-municipalizar os servizos de limpeza a recollida do lixo. O resultado foi que o concello pasou dun gasto de 19,5 millóns de euros a 10,5 millóns coa xestión municipal. 

 

Dirán moitos e moitas que esta pode ser unha excepción, e que polo tanto non prefigura unha regra xeral, e teñen razón, especialmente no que representa a política do PP. Tampouco se pode ignorar que reflicte as eivas da esquerda, especialmente da sistémica, e clarifica porque unha boa parte do electorado popular buscou acubillo na abstención. 

 

Mais, o relevante é que as re-municipalizacións non son unha postura ideolóxica e fóra de época. Cidades tan importantes como Berlín, París e Turín, por poñer tres casos, optaron polo carácter público dun servizo que coidan básico para a vida humana como é a auga. En París a auga sería privatizada por Chirac cando foi alcalde, no ano 1985, e recobrou o carácter público no 2010. Non se pode considerar como unha arroutada, xa que “boa parte das máis de 200 re-municipalizacións que se deron no último lustro rexistráronse en Francia” Outro tanto pasou en Berlín onde a auga volveu a ser pública no ano 2014; e en Turín, o Consello Municipal, a proposta do partido 5-Estrelas, aprobaba unha resolución neste sentido por maioría absoluta o pasado outono. 

 

Agora ben, a auga, a electricidade e gas, os carburantes, a emisión e coidado do diñeiro, a comunicación e información, non se poden valorar en función do custe e rendibilidade, cando o fundamental é a garantía do servizo. Estamos a falar, igual que no ensino, a sanidade, a defensa, as pensións e outras prestacións, de servizos elementais. Actividades que teñen á povoación do país como clientes finais, que non dependen do comercio exterior, e onde a calidade e universalidade da prestación está por riba da competencia e variedade. Polo tanto, dar pasos adiante na socialización destes e outros servizos é elemental para aumentar a complicidade social e acumular forzas.

 

A auga, a electricidade e gas, os carburantes, a emisión e coidado do diñeiro, a comunicación e información, non se poden valorar en función do custe e rendibilidade

 

A práctica amosa que, normalmente, o público está igual ou mellor xestionado que o privado e resulta máis barato. Entón: cal é a validez das escusas para que haxa forzas de esquerda que cando governan non convertan en públicos todos estes servizos? Os argumentos que dan son os mesmos que utilizan os partidos sistémicos para privatizar, en total coincidencia e convivencia co discurso empresarial. Esta reflexión que fago tamén é valida para o nacionalismo galego, porque se carece de iniciativa revolucionaria perdería a súa esencia: seu carácter anticolonial, democrático e popular. E mesmo sendo excepcionais estes casos contraditorios, como é lóxico dada a orixe destas forzas, a falta de coherencia, de iniciativa, ou de vontade, sempre se paga máis cara naqueles partidos que fan propostas de cambio, de liberación, que poñen o listón máis alto. E a superación destas eivas nunca virá por agochalas debaixo da alfombra ou esperar que o tempo o cure todo.

 

 

https://obloguedemera.wordpress.com/