Opinión

O PSOE sometido e dividido

Que se adiase tantos días a reunión do Comité Federal do PSOE, máximo organismo entre congresos, valeralle exclusivamente para poder escenificar unha unidade máis ampla na votación de investidura de Mariano Rajoy. Serviu para que moitos/as daqueles que apoiaban Pedro Sánchez no seu non é non, foran abrandando e estean agora dispostos a aceptar a disciplina partidaria, mesmo sendo contrarios á abstención. Porén, adiar a resolución formal non puido impedir que outros se fortalecesen no seu non, como os representantes de Catalunya e Baleares, pasando os primeiros por un proceso electoral interno no traxecto, reflectindo un forte apoio na base, o que amosa a importancia da fenda política diante dos simpatizantes e a sociedade. E non serán os únicos que votarán non. Se cadra, Susana Díaz e os felipistas non esperaban máis, e só pretendían evitar que se presentase no Congreso un PSOE dividido sen un gañador claro.

Clarificado este aspecto na votación do Comité Federal, o seguinte paso na folla de ruta pode ser, apartar os revoltosos nun recuncho e darse un prazo para recuperar as simpatías perdidas no electorado. Coidan que a contestación na base é conxuntural, e Felipe González contaríalles que cando foi o da OTAN, foron quen de convencer o seu electorado de que aquilo era á saída intelixente, que as valoracións negativas sobre o bloque militar eran produto doutra etapa, de falta dun coñecemento profundo da realidade. Porén, aqueles argumentos eran mentira e as épocas non son as mesmas. Despois de tantas promesas incumpridas e axustes salariais, recortes nos servizos e prestacións básicas, e reformas a costa das clases populares, mentres as grandes empresas e fortunas acumulaban máis poder e riqueza que nunca, co aval fervente da dereita e o consentimento vergoñento da socialdemocracia, a confianza nos partidos sistémicos está en mínimos.

O PSOE non ten saldo na conta. Así o evidencia que a contestación interna contra o apoio á investidura de Rajoy teña máis forza na base que na dirección do Partido, reflectindo unha fenda que non lles será doado pechar, máxime se toman actitudes autoritarias para impoñer a disciplina. Non se pode ignorar que Pedro Sánchez foi elixido por un Congreso e destituído por un Comité Federal, un organismo de menor rango, e que a Xestora non fixo caso dos milleiros de sinaturas pedindo un Congreso Extraordinario. En calquera caso, ademais das formas, este paso da dirección do PSOE significa avalar un Governo, que ademais de ter importantes nexos coa corrupción, fixo unha política agresiva coas clases populares e contra as nacións periféricas do Estado español.

O PSOE non ten saldo na conta. Así o evidencia que a contestación interna contra o apoio á investidura de Rajoy teña máis forza na base que na dirección do Partido

Asemade, e isto ten unha gran relevancia, ficamos nun contexto no que a socialdemocracia está en crise en practicamente todo o mundo, xa que fracasou a súa proposta de reformar o capitalismo, de facelo humano, e mesmo se consolidou un proceso regresivo nas conquistas laborais, sociais e democráticas. A socialdemocracia subordinouse á globalización neoliberal, ás guerras imperialistas, á deslocalización empresarial e ás migracións masivas, reducindo a disputa ao debate entre expansionismo monetario ou austeridade, aborto, recoñecemento da diversidade de orientacións sexuais, e pouco máis. Porén, en todos estes casos, a explotación laboral e a opresión nacional non deixou de medrar, e como contrapartida aumentaron as guerras, a inxerencia externa, a especulación financeira, a violencia e a delincuencia en todas as súas formas. E formando parte dos administradores: a socialdemocracia. E isto ficou demostrado nesta crise do PSOE, onde o gran capital impuxo os seus intereses, garantindo a continuidade do réxime, a través dunha alianza PP+PSOE, que se escenificará máis veces nos temas que atinxan o modelo económico e social.

A histórica caracterización nacional-popular segundo a cal o PP e PSOE eran dúas caras da mesma moeda, retrátase agora diante da sociedade dun xeito patente. Van apoiar un governo da dereita, esa que os últimos anos combateron, de palabra. Agora demóstrase que foi máis por procurar substituíla nas institucións que por diferenzas insuperábeis. As portas xiratorias que colocaron Felipe González, e moitos/as máis, como asesor das grandes compañías evidencian o cambio ideolóxico nestas catro décadas. Non semella que este PSOE poda recuperar electorado no futuro. Só ten garantida a base máis conformista, e a disputa dunha parte do electorado do PP con maior sensibilidade social e democrática. Non é doado, xa que sempre ten máis atractivo o orixinal que a copia. Ademais, como xa se dixo, esta deriva no PSOE é parte da que ten a socialdemocracia a nivel internacional. O PSOE está fronte a unha disxuntiva para a que non está preparado, xa que a súa única posibilidade de sobrevivir como partido de esquerda, alternativo á dereita, é recuperar as súas bandeiras históricas: de xustiza social, solidariedade, federalismo, democracia. As contradicións sistémicas son de tal importancia, cun capitalismo na súa fase senil, que non deixa espazo para as terceiras vías, nin para as reformas sen disputa coas clases dominantes. E esta perspectiva é valida para calquera das hipóteses de futuro do PSOE: unido baixo a batuta da dereita, ou virado un chisco á esquerda, ou dividido en dous partidos que representen as actuais tendencias internas. Por iso fracasaron tanto o Labour británico, como o socialismo francés, ou noutra vertente, Syriza en Grecia ou o PT no Brasil.

A histórica caracterización nacional-popular segundo a cal o PP e PSOE eran dúas caras da mesma moeda, retrátase agora diante da sociedade dun xeito patente

Por último quero facer referencia a como pode incidir no noso país, sobre o PSdeG-PSOE, a decisión de entregarlle o Governo ao PP. Chama a atención que Galiza fose un dos lugares nos que se iniciou a contestación de base, e que en cambio, a xestora galega tivo pouco protagonismo na defensa do non a Rajoy, cando si o fixeron os sectores partidarios da abstención. Todo fai pensar que os primeiros buscan facer o menor ruído posíbel e aguantar nos cargos e no Parlamento todo o que poidan, diante dos ataques de Caballero, Silva, Blanco, e compañía. Non lle vai ser doado a Cancela e Leiceaga conseguilo. E non penso que sexa a actitude máis correcta, mesmo sabendo cal é a postura dos medios hexemónicos. A batalla é interna e externa, e quen cala consente. O que resulta evidente, é que avalar a Rajoy para que governe (porque diso se trata) vaille ter grandes custes ao PSOE e ao PSdeG-PSOE (outra cuestión son as eleccións municipais onde pode amortecer o retroceso). Sería un dado importante saber cantas sinaturas se recolleron na Galiza reclamando un Congreso Extraordinario que decidise o voto na investidura.

O que resulta evidente, é que avalar a Rajoy para que governe (porque diso se trata) vaille ter grandes custes ao PSOE e ao PSdeG-PSOE

Agora ben, mesmo se o sector que parece que vai controlar o PSOE galego ten as posturas máis de dereita, aqueles que perderon a confianza no PSdeG-PSOE non teñen por que emigrar ás Mareas ou ao BNG. Moitos poden facelo a ese inmenso caixón de cabreados/as indecisos/as, ou sinxelamente persoas que pasan, que se suman a abstención electoral. Neste caixón non están sempre as mesmas persoas, ás veces hainos de dereita, outras, da esquerda estatal ou nacionalista. Ciudadanos tamén pode tirar a súa tallada. Ambos partidos de esquerda poden atraer unha parte do electorado do PSdeG, mais as diferenzas de proxecto e de cultura política son grandes. Nun caso, o afastamento vén polas formas, noutro, polos contidos soberanistas e algunhas propostas claramente antisistema. O que se constata, nun sector importante daqueles que hai tempo que están defraudados co PSOE, é que esta foi a pinga que colmou o vaso, e polo tanto estará máis aberto a escoitar outras mensaxes. E, sobre todo, van analizar a praxe de En Marea e do BNG moi de preto. Sen dúbida, o que máis van valorar será a coherencia, dadas as razóns da súa ruptura coa socialdemocracia sistémica. Daquela que os cambios, os caneos para gañar as simpatías deste sector, ademais de amosar actitudes camaleónicas e oportunistas, non serán efectivas. Ademais, farán perder complicidades pola esquerda. E sobre todo, son un atranco para a construción da liberación nacional e social do povo galego. Se algo ten valor hoxe é a coherencia.

http://manuelmera.blogaliza.org/