Opinión

As propostas electorais da dereita

O Partido Popular acaba de facer as súas últimas ofertas (polo momento) na campaña


O Partido Popular acaba de facer as súas últimas ofertas (polo momento) na campaña das eleccións xerais, coa finalidade de rañar votos de persoas desinformadas, xa que os “beneficiados” serían colectivos minoritarios. Procura con medidas efectistas e sen moita concreción, acadar os mellores resultados posíbeis, e marcar un diferencial que lle permita presentarse como gañador indiscutíbel e xustificar un pacto de goberno do PP e Ciudadanos. Algo que tanto arelan ambos os partidos, dada a súa afinidade ideolóxica, e que o tema da corrupción, que é a bandeira da campaña electoral de Albert Rivera, dificulta hoxe. 

As propostas que realizou Montoro co argumento de aliviar o gasto das pensións e de alentar a contratación da mocidade, son dous temas que, deixados nos enunciados, recollen preocupacións sociais. Claro que estas medidas, que se executarían se gobernase o PP, malia a pensada posta en escena, na práctica non terían moita eficacia, porque abranguen unha franxa reducida destes colectivos. Mesmo habería que consideralas negativas, porque desvían a atención a respecto dunha solución real da problemática das pensións e terían efectos contraproducentes na redución do desemprego. 

Alentar que as persoas continúen a traballar despois dos 65 anos, pode beneficiar as contas da Seguridade Social, porén vai en detrimento daqueles que están no desemprego e buscan ocupación

Alentar que as persoas continúen a traballar despois dos 65 anos, pode beneficiar as contas da Seguridade Social, porén vai en detrimento daqueles que están no desemprego e buscan ocupación, xa que mingua a oferta de traballo; algo negativo cunha taxa de paro tan alta. Sen dúbida atinxe de cheo ao principal celeiro de votos dos conservadores, aínda que se trata dun sector moi cativo. Esta medida seica afectaría neste intre a 150.000 persoas en todo o Estado, especialmente profesionais e directivos das empresas. Poucos operarios/as de traballos manuais chegan en condicións de alongar a vida laboral despois dos 65 anos. Ren fai pensar que exista oferta de traballo para persoas desa idade. Esta proposta non ten polo tanto como obxectivo as clases populares. Os beneficios da medida no económico serán moi limitados (deixar de pagar as pensións), outro contexto moi distinto sería se   a taxa de desemprego fose moi baixa. 

A outra oferta que acaba de realizar o Partido Popular é a de eximir do pago do IRPF os mozos e mozas durante o seu primeiro ano de traballo. Mais unha vez tería un efecto moi restrinxido, porque poucos dos novos contratos superan os 12.000 euros anuais de ingresos, polo que xa non tributan IRPF. Nomeadamente, na Galiza a inmensa maioría dos menores de 35 anos están por debaixo destes ingresos, segundo dados da Axencia Tributaria para o ano 2014. Asemade, pode ter un efecto regresivo, ao considerar os empresarios que este complemento que paga o Estado permite reducir total ou parcialmente nesa contía o salario percibido polo traballador/ra. 

Cómpre dicir que estas iniciativas non son ningunha novidade. Lembremos que hai un mes Rajoy realizaba unha proposta na mesma liña, pola que ampliaba unha medida que xa está en execución. Trataríase de alargar ate catro anos a tarifa plana de 500 euros polas cotizacións á Seguridade Social para os contratos temporais que se convertan en indefinidos. Neste caso concreto, a redución dos gastos salariais faise a conta dos ingresos dos pensionistas, tanto dos actuais como dos futuros. Despois o Governo e certos especialistas no tema afirman, cinicamente, que as contas das pensións non dan, e que se debe realizar unha nova reforma que reduza as contías económicas e endureza as condicións de acceso.

O certo é que o Governo optou por ignorar que en moitas (moitisimas!) empresas é normal traballar máis horas daquelas polas que a patronal cotiza ou/e polas que paga

O certo é que o Governo optou por ignorar que en moitas (moitisimas!) empresas é normal traballar máis horas daquelas polas que a patronal cotiza ou/e polas que paga. As subvencións non van evitar esta picaresca, máxime cando non se persigue nen sanciona como corresponde os infractores, e a lexislación é cada vez máis permisiva. Ademais, impuxéronse medidas paralelas por parte do Governo, como a redución da indemnización por despedimento e a ampliación dos supostos, a ruptura a prol da patronal do equilibrio na normativa da negociación colectiva, e unha lexislación que limita o dereito de protesta sindical, que favorece a explotación laboral e o incumprimento da legalidade. 

Analizadas como parte dun conxunto, que é como cómpre facelo, estas novas propostas do PP queren, máis unha vez, favorecer os/as empresarios; sumándose como un novo extra á rebaixa e exencións ao imposto de sociedades, ao patrimonio, ou ás SICAV, etc. En poucas palabras, preténdese que a clase traballadora, que está sometida a unha enorme presión fiscal directa (IRPF) e indirecta (IVE), costee tanto a cobiza empresarial, como os seus fracasos, e que ademais se faga cargo dos custes laborais e sociais daqueles traballadores/as cos que o capital incumpre a legalidade e/ou sobreexplota, baixo a ameaza de non xerar emprego ou deslocalizar empresas. O Governo alenta coas súas políticas os baixos salarios e a precariedade, e dá folgos a un sistema fiscal regresivo, pecha os ollos diante da fraude ao non tomar as medidas efectivas para eliminalo, poñendo en perigo o sistema de pensións e empobrecendo as clases populares.

O Governo alenta coas súas políticas os baixos salarios e a precariedade, e dá folgos a un sistema fiscal regresivo

Estas son medidas regresivas como un conxunto, e tampouco dan unha resposta conxuntural aos colectivos que din beneficiar. Porén, a clase traballadora, o sindicalismo, pode esperar sentado que estas iniciativas e os seus efectos desaparezan sen loita masiva, obxectivos estratéxicos e folla de ruta. Sendo os sindicatos as organizacións con maior afiliación, e onde a protesta ten máis extensión social (que non forza, neste intre), chama a atención que nesta campaña electoral a cuestión laboral fique nun segundo plano. Todo parece reducirse a eliminar a reforma laboral do PP, mesmo no discurso daquelas forzas que se reivindican  de esquerda. E aínda que as centrais sindicais non son todas iguais (o nacionalismo mantén a combatividade, aínda que de xeito moi fragmentado), todo amosa que a responsabilidade non é unicamente dos partidos políticos e dos/das representantes institucionais. 

http://manuelmera.blogaliza.org/