Opinión

Programa Mínimo, unidade e participación

A esquerda está a pasar por unha conxuntura difícil, de carencia de alternativas para o medio prazo, aquel que liga o momento actual coas transformacións sistémicas, estratéxicas. Falta unha folla de ruta. Daquela que neste contexto no esencial ofrécense solucións progresistas, dentro do sistema, e cando se expón un relato radical saltase ao obxectivo final, ao socialismo como palabra máxica que todo o resolve. Normalmente este discurso considerado estratéxico está reservado para os actos internos ou simbólicos, de minorías e activistas. Esta eiva no proceso trasladase polo tanto ao relato, e á sociedade. Evidentemente que isto sexa así ten moito que ver co desmantelamento da Unión Soviética, coa falta dunha análise do sucedido asumida colectivamente pola militancia dos partidos e organizacións sociais valorando os erros e os acertos desta etapa, e sobre todo socializar as conclusións. O propio pódese dicir respecto das análises en relación con China, Cuba, etc.

Daquela que hoxe as visións dominantes son que aquela experiencia ou foi un fracaso económico e social imposto pola forza, ou que se tratou dunha etapa de xustiza e avances sociais, económicos e científicos, que foi destruída pola confabulación dunha camarilla e o xogo suxo do imperialismo. Son análises en branco e negro. É evidente que a caída da Unión Soviética implicou un avance do imperialismo, restando soberanía ás nacións periféricas, e dereitos fundamentais á clase traballadora en todo o mundo. Uns avances que en gran medida se consolidaron coa Revolución Rusa e o papel determinante da URSS na derrota do fascismo na Segunda Guerra Mundial. Ou sexa que no esencial foi un proceso positivo para as maiorías. Non é casual polo tanto que os medios fagan tanta énfase hoxe en facer unha re-lectura desa etapa histórica, adxudicando todo o protagonismo da loita contra a Alemaña nazi a Estados Unidos, e pretendendo homologar a Hitler e Musolini con Stalin e mesmo Lenin. Ou que se obvie algo tan inxustificábel como a utilización da bomba atómica contra Xapón, cando este país imperialista xa estaba practicamente vencido.

A caída da Unión Soviética implicou un avance do imperialismo, restando soberanía ás nacións periféricas, e dereitos fundamentais á clase traballadora

Faltan propostas esenciais para unha parte da folla de ruta, e polo tanto dun relato que engaiole aos sectores da sociedade máis necesitados do cambio. Refírome a aquel que rachando co sistema sexa visto como realista e posíbel de acadar pola maioría social, aínda que o rexeiten frontalmente as clases dominantes. Falta a parte da folla de ruta que sempre deu sentido ao Programa Mínimo e a unha fronte de clases, na que cada clase social mantén as súas reivindicacións prioritarias, ben porque as considera como as máximas posíbeis e asumíbeis ou só como un chanzo necesario para aumentar a acumulación de forzas, e lograr o obxectivo do socialismo -e a plena soberanía nos países dependentes-. Un carácter contrario a unha forza interclasista, reformista, nacida da man da Igrexa Católica, coa fin de restar valor á loita de clases como contradición fundamental. Na fronte transformadora hai unidade e contradicións, que se manifestan no programa, na correlación de forzas internas, no debate sobre as tarefas prioritarias, etc. A Fronte Ampla do Uruguai é un bo exemplo dunha fronte de esquerda, transformadora, para alén de cal é a correlación de forzas interna en cada momento e polo tanto do énfase que cada unha poña no Programa Mínimo.

Resulta evidente que no contexto actual, no mundo, na UE, no Estado español, tanto pola correlación de forzas como polo grao de conciencia política existente, a plena independencia e o socialismo son propostas que non responden a esta etapa, aínda que sexan urxentes e un obxectivo estratéxico, e serían a solución definitiva á explotación e opresión na Galiza, e hai que mantelas vivas no imaxinario colectivo. Ademais, na práctica semella que o Programa Mínimo da fronte de clases, nacional, popular e democrática, da década dos oitenta do século pasado, foi substituído   progresivamente polas propostas electorais para a lexislatura, que son as que se debaten acotío nas reunións da organización frontista, e que o papel dos partidos de clase reservouse para erguer os obxectivos máximos, e propios dunha etapa posterior, mesmo que se obvien as tendencias dominantes. Daquela, que reivindicacións que son fundamentais no proceso, e sinalan un camiño, serían un gran paso adiante, e contarían cun gran consenso social neste intre na sociedade. Como por exemplo a nacionalización da banca, telecomunicacións, enerxía, laboratorios farmacéuticos, etc. o recoñecemento do carácter plurinacional do Estado (unha confederación?) e que deberían formar parte do debate cotiá sobre o modelo, se socialicen illados e empurrados pola conxuntura, mais non como parte esencial dun proxecto alternativo de modelo económico e social para esta etapa, que é a finalidade do Programa Mínimo.

Na fronte, hai cando menos outros dous aspectos importantes, que merece a pena ser tratados polo miúdo, como é lograr unha composición que sexa representativa das problemáticas sociais nos organismos de dirección. Para evitar deste xeito a dinámica imposta polos partidos hexemónicos neoliberais se traslade as organizacións anti-sistémicas converténdoas en forzas exclusivamente institucionais e de certos segmentos sociais. Deste xeito tamén daríaselle pulo á participación e protagonismo da militancia e simpatizantes nas tarefas de socialización do proxecto e da folla de ruta. Iso implica que o debate nas células e asembleas a todos os niveis sempre trataran, ademais de temas que son propios do ámbito, aqueles que forman parte da situación política xeral, das reflexións e das propostas e tarefas nacionais que se marca a fronte. Xa que isto caracteriza unha organización asemblearia. Canta máis participación nas decisións haberá unha militancia máis formada e activa, e un apoio social e institucional máis consolidado.

https://obloguedemera.wordpress.com/