Opinión

Un proceso electoral en clave estratéxica

Como noutras ocasións semellantes, a militancia do BNG elixiu en asemblea as candidaturas para as vindeiras eleccións municipais. Mais nesta ocasión, dado que rematou un ciclo histórico, a renovación de candidatos/as é grande en moitos concellos, especialmente nas cidades. 

Como noutras ocasións semellantes, a militancia do BNG elixiu en asemblea as candidaturas para as vindeiras eleccións municipais. Mais nesta ocasión, dado que rematou un ciclo histórico, a renovación de candidatos/as é grande en moitos concellos, especialmente nas cidades. Foi así, pola lóxica renovación, e porque era esencial escoller as persoas máis acaidas para defender o proxecto estratéxico neste novo contexto. É dicir, non se debía tratar só unha mudanza de persoas, senón que era fundamental axustar a proposta programática e poñer en valor a política realizada nos concellos (sexa dende o goberno ou dende a oposición). 

"O BNG ten unha participación moi activa nas protestas contra os abusos do imperialismo e reclamando a soberanía nacional e unha sociedade xusta"

Neste contexto ten relevancia salientar que, a diferenza doutros partidos, o BNG ten unha participación moi activa nas protestas contra os abusos do imperialismo e reclamando a soberanía nacional e unha sociedade xusta. Sen dúbida isto último é un activo importante nas alforxas da organización, especialmente para a xente máis politizada ou afectada por este duro reaxuste entre clases e países (a chamada crise), e con seguridade serían moitas as forzas que verían con bos ollos que a mobilización deveza ou teña un carácter conxuntural e fragmentado durante a campaña electoral, ficando nun segundo plano. Deste xeito as/os votantes terían que decidir esencialmente entre promesas, arroupadas ou non polos medios de comunicación ao servizo das clases dominantes, para que o pobo valore ou ignore a práctica política de cada unha ou a ausencia dela. Coido que esta é unha cuestión importante, tanto no aspecto electoral como no estratéxico, para unha forza realmente antisistémica, polo que volvo teimar máis unha vez no tema. Mesmo pode que non abonde coa participación, e que nesta etapa sexan necesarias campañas de mobilización propias, estendidas no tempo, para que sexan máis efectivas, nas que se ligue a cuestión social e nacional. Campañas que convoque a fronte, en exclusiva ou con outras organizacións, para que non exista ningunha dúbida no grao de compromiso político coas clases populares.

Asemade, é fundamental que, alén das propostas especificas para cada concello, exista un programa común para todos eles, nos que se defenda o proxecto nacional. Nunca mellor que hoxe, o pobo comprende os límites dos localismos, e que só cunha Galiza unida que defenda os seus intereses pódese dinamizar a economía e xerar emprego e servizos dignos. Un obxectivo que non poden acadar en solitario nen as cidades economicamente máis fortes e dinámicas, como son Vigo, A Coruña ou Compostela. Na nosa nación non existen saídas illadas, como calquera pode ollar, aínda que uns concellos xestionen mellor que outros, con ou sen crise. 

"A dependencia, a colonización, condiciona a situación da lingua e cultura, mais tamén afecta á economía e ao grao de explotación laboral. E comprender este atranco en toda a súa dimensión permite que se faga unha mellor xestión naqueles municipios que goberna o nacionalismo".

A dependencia, a colonización, condiciona a situación da lingua e cultura, mais tamén afecta á economía e ao grao de explotación laboral. E comprender este atranco en toda a súa dimensión permite que se faga unha mellor xestión naqueles municipios que goberna o nacionalismo. Algo que cómpre poñer en valor, especialmente neste proceso electoral. Non se pode dar por sobreentendido que esta é unha reflexión que xa fixo toda a sociedade, e que non se aprecia abondo por razóns ideolóxicas. Non sempre é así; neste intre histórico o exceso de información termina por afogar e distorsionar as realidades máis evidentes. Todo o que se faga para socializar o traballo realizado, todos os medios que se poñan para comunicar e informar (reunións orgánicas, charlas, asembleas, boletíns, internet, radios locais, etc), sempre son poucos en relación aos que posúen as clases dominantes. 

Agora ben, coido que nestas eleccións, máis que en ningunha outra anterior, os aspectos estratéxicos estarán no centro do debate, e hoxe xa o son como principal preocupación da poboación. Entre os aspectos máis destacados temos: o modelo de Estado e a capacidade para decidir das nacións oprimidas; os dereito sociais e laborais; a corrupción e a democracia; o tema da UE, do euro e do libre comercio; a marxinación da lingua propia; a igualdade de xénero; etc. Isto é moi positivo, mesmo sabendo que o debate está ateigado de conclusións erradas, xa que para a xente o sistema amosou con toda claridade o seu carácter excluínte, depredador e represor coa maioría social. 

Ficamos nunha conxuntura histórica que non se pode desaproveitar, onde o fundamental, mesmo por riba dos resultados electorais inmediatos, aínda sendo importantes, é concentrar todos os esforzos en chegar ao pobo coa nosa proposta de sociedade e a folla de ruta que hai que percorrer para acadar a liberación nacional e social. Mais para atinxir este obxectivo, cómpre fuxir dos vangardismos (os propios ou dos compañeiros de viaxe), ser pedagóxicos, partir do nivel de conciencia actual, politizar (politizar!), formar cadros e organizar. É imposíbel facer esta andaina sen un feixe de argumentos, bos/as comunicadores e axitadores, que liguen os problemas culturais e lingüísticos cos económicos e sociais, porque entre eles existe unha interdependencia enormemente clarificadora  encol do carácter da sociedade nos países coloniais. Non se trata de rexeitar as consignas, mais si de evitar utilizalas como quen guinda unha lanza, xa que as clases dominantes son refractarias e dende a súa hexemonía cultural crearon historicamente muros de incomprensión na sociedade. Mais, tamén é necesario refugar coa mesma contundencia o reformismo claudicante, que pon o foco na xestión do sistema e substitúe o protagonismo do pobo polo clientelismo socialdemócrata, que troca a liberación pola cesión dalgunhas melloras, axiña cuestionadas polas clases dominantes. 

"Cada vez son máis os sectores das clases populares que albiscan que este axuste no medre da explotación e opresión viu para ficar, que non é verdade que cun pouco de sacrificio durante algúns anos ao final todo volvería a ser como antes da crise".

Cada vez son máis os sectores das clases populares que albiscan que este axuste no medre da explotación e opresión viu para ficar, que non é verdade que cun pouco de sacrificio durante algúns anos ao final todo volvería a ser como antes da crise. Daquela non é só a corrupción política o que provoca o desprestixio dos partidos sistémicos, senón o convencemento dos/as votantes de que os grandes partidos os traizoaron. A seguridade de que en vez de facer todo o posíbel para sacalos da poza, o que fan o PP e o PSOE é agrandar a fenda entre ricos e pobres, aumentar a precariedade, a exclusión, a desigualdade, a represión, e diminuír os dereitos laborais e as prestacións sociais. 

Isto significa que se esta producindo unha ruptura política co pasado dunha gran parte da sociedade, que busca novas alternativas políticas que lle permitan saír da poza do desemprego, da precariedade, da falta de de axudas e servizos públicos, da represión social, lingüística, etc. Non valen polo tanto as propostas de hai unha década, porque non teñen en consideración a realidade económica e social actual, mesmo de confrontación entre potencias, do papel dos medios, da destrución do ecosistema, e tampouco responden ao estado de ánimo actual das clases populares. Son tempos de ruptura, de agudización da loita de clases, malia que sexa en conflitos fragmentados, e que dende o poder se utilicen os medios de comunicación para reconducir este reaxer cara a vía electoral. Se o conseguen, será máis doado que recreen de novo o “felipismo” no Estado español (Podemos?), como se fixo con Syriza en Grecia, e manteñen na recámara o Bloco de Esquerda en Portugal.  

"Neste momento histórico, a xente quere, ademais de respostas concretas para a súa localidade ou sector, un proxecto que a ilusione, un programa e unha folla de ruta liberadores".

Neste momento histórico, a xente quere, ademais de respostas concretas para a súa localidade ou sector, un proxecto que a ilusione, un programa e unha folla de ruta liberadores. A atención social non está focalizada no que faríamos con esta correlación de forzas, senón naquilo que construiríamos se nos convertésemos en forza hexemónica. E isto comprendérono Podemos e o nacionalismo catalán, abrindo en ambos casos o debate estratéxico. Mais ningunha destas vías vale para o noso país, xa que o noso proceso de conquista foi diferente e temos historicamente un papel económico distinto ao catalán no Estado español, e por outra banda, a proposta de Podemos é un ariete contra a autoorganizacion do pobo galego e o dereito real a decidir.  

Unha proposta liberadora para a nación galega só é posíbel, neste contexto histórico, se temos plena soberanía, mais esta vale de ben pouco se non se nacionaliza a banca, enerxía, telecomunicacións e protexen as actividades vitais para o país (como agro, pesca, naval, etc); se os impostos non se utilizan para un reparto máis xusto da riqueza e do traballo e do investimento estratéxico. Cómpre que o traballo asalariado se dignifique mediante ingresos e xornadas que eliminen a precariedade (un 81% dos ocupados/as son asalariados/as); que a protección aos/as dependentes, desempregados e pensionistas, e a sanidade e ensino, teñan prioridade no gasto público. É necesaria unha reforma electoral que aumente o número de deputados no Parlamento galego, que o sistema sexa proporcional, e a circunscrición única, para que a pluralidade da sociedade estea correctamente reflectida, e que existan mecanismos revogatorios en mans do pobo para os cargos electos. Cómpre a saída da OTAN, do euro e máis da UE, e a democratización da participación política e da economía. É fundamental facer pedagoxía, no senso de que é imposíbel conseguir estes e outros obxectivos, para o benestar das clases populares do noso país, se non somos os galegos/as quen, soberanamente, decidimos como xestionalos. Todas estas ideas, e moitas máis, dalgún xeito están nos programas do BNG. 

"É fundamental facer pedagoxía, no senso de que é imposíbel conseguir estes e outros obxectivos, para o benestar das clases populares do noso país, se non somos os galegos/as quen, soberanamente, decidimos como xestionalos". 

En todos os períodos históricos nos que estivemos baixo a bota de Castela (en todos!), ou se nos marxinou do desenvolvemento, ou se nos utilizou para acumular riqueza e poder no centro do sistema. Por iso Faraldo afirmou en 1846 que Galiza era unha colonia da Corte. E a única vía para rematar con isto é que o nacionalismo sexa a forza hexemónica nas institucións na Galiza; mais tamén que as masas populares estean organizadas e mobilizadas, que gañen a rúa, que pulen pola cultura e lingua propia, que constrúan medios alternativos de comunicación; que teñan referentes en todos os eidos, e dirixentes políticos que transmitan capacidade para transformar a realidade. Claro que todo isto é mais doado escribilo que facelo, mais o BNG ten milleiros de militantes e simpatizantes, un traballo exemplar en moitos aspectos, e foi quen de superar situacións máis complexas en momentos igual de duros. En todo caso, o que nunca se pode transmitir á sociedade é que a organización non sabe que facer, como, e cando facelo, porque ademais non é verdade, e a xente o que quere é que aqueles que se presentan como alternativas lle propoñan solucións. 

 http://manuelmera.blogaliza.org/