Opinión

A primeira folga xeral galega (solidaria e combativa)

Durante a Segunda República, en maio de 1932, despois de moitas actitudes confusas, o Governo de Manuel Azaña acordou o despedimento dunha parte dos obreiros da Construtora Naval de Ferrol por “falta de carga de traballo”. Os operarios pedían que se construíse cando menos un barco, para dar unha saída transitoria e evitar os ceses, confiando en que se superaría a crise. O cadro de persoal do estaleiro era daquela de 4.000 persoas.

Nese momento a situación económica era complexa (lembremos a crise do ano 1929 nos Estados Unidos que se foi estendendo á periferia), e a política tamén. Por exemplo, lendo os xornais ollamos que nas xornadas do 1 e 2 de maio no Estado español houbo enfrontamentos entre comunistas e forzas da orde, con mortos e feridos; que ORGA era unha forza de peso na política do país; que no Parlamento estaba a debate a autonomía das nacións periféricas; que na nosa nación a polémica polo Estatuto tamén estaba no centro da actividade política, e con tal fin facíase unha reunión no concello de Compostela de parlamentarios e representantes sociais; os anarquistas axitaban o día 29 de maio con folgas e mobilizacións. No eido internacional destacaban a situación en Alemaña, o triunfo das esquerdas en Francia e a revolución socialista de Chile.

Encol da correlación de forzas políticas no Estado no momento dinos Carlos F. Velasco Souto, no seu libro “Galiza na Segunda República”, Edicións A Nosa Terra, o seguinte: “A apartación de Galiza á conformación da maioría parlamentar progresista no primeiro bienio foi considerábel, situándose, con 26-27 deputados, en torno ao 10% do total estatal, para unha povoación de pouco máis de dous millóns douscentos mil habitantes que supuñan un 9,5% da española”. Unha presenza política que sen dúbida incidiu na solución final, aínda que menos do que se podía esperar. O galeguismo, malia que acababa de nacer o Partido Galeguista, tamén fixo acto de presenza no conflito, tal como amosa o feito de que o grupo galeguista de Pontevedra dirixirase ao presidente do Consello de Ministros (Azaña) pedíndolle unha solución urxente; ou que Castelao expuxese no Parlamento, na comisión que seguía o tema, a súa preocupación pola gravidade do problema.

O 1º de maio facíase un mitin no teatro Jofre, que estaba ateigado unha hora antes de comezar o acto, valorando o xornal El Pueblo Gallego en 5.000 as persoas que acudiron. Nesta xuntanza tomáronse varios acordos entre os que estaban a esixencia ao Governo de que construíse un barco, e que os concelleiros da comarca dimitiran como medida de presión, se llo pedise o “Comité de la Defensa de los Intereses de Ferrol”. Todo ficaba á espera da decisión que encol do tema tomase o Consello de Ministros. O día 12 de maio prodúcese un intento de asalto ao polvorín do Arsenal e un tiroteo intermitente que dura catro horas, ao día seguinte o Governador desminte a noticia, mentres que El Pueblo Gallego indica que a confirmou co xefe do polvorín.

O día 18 prodúcese o primeiro despedimento, a contestación das organizacións obreiras, entidades empresariais, Circulo Mercantil e outras entidades, será contundente, xa que se consideran enganados polos ministros e outros altos cargos do Governo. Ese día ás tres do serán dimitían todos os concelleiros do municipio (13 republicanos radicais, 13 socialistas e 7 monárquicos), que estaba presidido polo socialista Jaime Quintanilla (fora director da revista Celtiga). Ese mesmo día tamén presentaban a dimisión os concelleiros de Fene e a directiva do Circulo Mercantil. Pola súa banda os sindicatos comezaron unha folga no estaleiro e ás 6 hs. do serán facían unha manifestación, e de A Coruña chegaba unha sección de gardas de asalto dirixida por un tenente.

O 20 de maio, coa folga estendida a toda a cidade e produciuse o primeiro morto, despois dun tiroteo, e do intento dun grupo de persoas de liberar a un detido (El Pueblo Gallego 20-05-1932). Dous días despois o mesmo xornal fai referencia á detención de 11 persoas. O 23 de maio estoupaban na cidade varios petardos, e producíase un tiroteo no barrio de Esteiro. A esta altura comezaban a faltar alimentos de primeira necesidade, como pan e leite. Os xornais tamén informaban o día 24 de maio que o Governo dicía que “non habería conversacións mentres non remataran as medidas de presión”. Unha actitude que non amosaba ningún espírito de negociación.

O día 26 de maio faise unha reunión sindical en A Coruña na que se acorda acoller nas casas dos obreiros da cidade a todos os operarios, nenos e mulleres das familias dos folguistas (nos días seguintes comezaran a chegar nenos á Coruña); ese mesmo día debatese a folga xeral entre un comité de Ferrol e outro de Vigo. A esta altura comezan a aparecer as diferenzas entre as entidades patronais e as organizacións obreiras, as primeiras xa aceptan o ofrecemento do Governo de limitar os despedimentos a 300 operarios, a construción dalgúns barcos menores, e a promesa de novas construcións. O xurado da construtora naval vai matizando as súas propostas, centrándose agora en peneirar o colectivo que será cesado. Porén esta proposta obreira non será aceptada pola empresa. Neste período continua o éxodo de nenos a outras cidades, e no Ferrol os incidentes.

Logo de dúas semanas de folga no Ferrol El Pueblo Gallego reflicte a situación “A falta de recursos chega ao seu grao estremo. Os obreiros viven ao día e atópanse sen cobrar xornal desde fai dúas semanas, non poden mercar máis que o preciso para subsistencia dos seus, por iso moitos que se resisten a afastarse dos seus fillos, vense na necesidade de deixalos marchar a povoacións irmáns, que tan humanitariamente os recollen (...)  Desde Carballo ofrécense para coidar os nenos fillos de obreiros en folga (...) Abríronse comedores (en Ferrol) para alimentar a obreiros e fillos destes”. Ese mesmo día a patronal informaba que o comercio normalizaba as súas actividades (aínda que despois de abrir tiveron que pechar), e a UGT, despois de duros debates internos, mantiña o apoio á folga.

O día 7 de xuño os xornais recollen que a Confederación (CNT) declarou a folga xeral en toda Galiza, e que o día anterior ás dez da noite declárase o paro en A Coruña, e que en Compostela tamén se acordou ir á folga. El Pueblo Gallego do 8 de xuño informaba que a folga alargariase ademais no primeiro día a Compostela, Betanzos, Ourense, Tui, Vigo e outras povoacións. Ao día seguinte os xornais informan que en Ourense a garda civil clausurou a Casa do Povo desta cidade e que en Tui aconteceran graves incidentes. Nesta última cidade gardas civís e carabineiros enfrontábanse, disparando con mauser, a obreiros concentrados, producíndose un intercambio de disparos, ficando un obreiro ferido.

Nos xornais do día 10 de xuño informábase de que a folga xeral xa rematara, aínda que o día anterior se mantiña moi forte aínda en Ourense e Tui, nalgúns gremios de Vigo, que en Compostela se clausuraba algúns sindicatos, en Lugo o paro realizábase sen incidentes, e que en A Coruña seica restableceríase ese día a normalidade. Foron tres días de folga xeral en todo o país  nos que a CNT tivo un papel destacado na convocatoria. O remate do paro debeuse a que o xurado da construtora naval decidiu “para evitar males maiores” circunscribir o conflito só ao estaleiro. Os concelleiros dimitidos, de varios concellos da comarca, reincorporáronse axiña aos seus cargos. Sen dúbida os incidentes, a presión patronal e do Governo, a división interna na UGT, foi inclinando a postura dos sindicatos da construtora naval.

Finalizada a folga a sociedade de socorros mutuos La Naval disolvese ao ter esgotado os fundos, diante do alto número de desempregados (35-38%). As mobilizacións continúan pedindo, con menos alento, unha maior diversificación industrial para Ferrol. Foron 23 días de paro en Ferrol e tres días de folga solidaria na Galiza. Este é o antecedente das tres folgas xerais que durante o ano 1984 se fixeron no noso país, tamén neste caso por mor do desmantelamento do sector naval. Houbo outras convocatorias de folgas xerais, por exemplo en 1917 e 1934, que conseguiron parar algunhas empresas ou cidades, porén ningunha tivo o ámbito exclusivamente galego e a amplitude, e a solidariedade, desta folga xeral de 1932, polo que realmente é un paro nacional a non esquecer.

Comentarios