Opinión

Presentación de armas no Golfo Pérsico

A estratexia dos Estados Unidos para reverter á tendencia actual do desenvolvemento da economía, favorábel a China e outras potencias emerxentes, vaiase volvendo máis perigosa. Xa que utiliza cada vez con maior intensidade a presión militar, o bloqueo e as sancións, a especulación financeira, a propaganda nos medios de comunicación, e o control e espionaxe na rede. Causando un recuar da economía e o sufrimento da poboación nos países atacados, especialmente aqueles máis dependente do comercio exterior, ou con economías pequenas e medias, como son Venezuela, Iran, Cuba, Nicaragua, etc. Mentres que China e Rusia teñen que lle adicar inxentes recursos ao ámbito da defensa e das novas tecnoloxías, para garantir un mundo multipolar.

Neste contexto, a captura dun buque iraniano en Xibraltar pola armada británica, coa escusa de que levaba petróleo a Siria (un bloqueo imposto pola UE), foi un salto cualitativo no bloqueo das exportacións de Teherán, das que depende para manter a flote súa economía. Un acto que busca someter a Iran, no que o Reino Unido axe de forza de choque de Trump, que xa enviou un forte continxente da mariña de guerra ao Golfo Pérsico. Despois da reunión do G-20 en Osaka, Xapón, segundo o analista Pepe Escobar, Tayyip Erdogan propuxo que Turquía fixese de mediadora entre Teherán e Washington. Algo que Escobar coida que foi consultado previamente con China e Rusia.

A pasada semana Iran capturou un barco británico no estreito de Ormuz, que se adicaba ao contrabando de petróleo

A pasada semana Iran capturou un barco británico no estreito de Ormuz, que se adicaba ao contrabando de petróleo. Posibelmente como moeda de troque e como advertencia ás potencias occidentais respecto da súa capacidade para intervir no Golfo Pérsico, e polo tanto para cortar un 30% do fornecemento de cru mundial, o que dispararía o prezo do petróleo, co que isto implica para a economía mundial. Asemade é unha nova escusa para que os Estados Unidos e a OTAN ameacen a Iran,  e para que Trump anuncie unha represalia nunca vista (unha nova Hiroshima?).

Para alén da verborrea militarista a práctica amosa que Estados Unidos e os seus aliados toman cada vez medidas máis contundentes, adxudicándose o dereito divino a marcar as regras económicas e políticas no mundo. Seica así garanten a democracia. Aínda que na realidade representen intereses claramente económicos e estratéxicos, ligados ás grandes corporacións e fortunas occidentais. Queren asegurar pola forza e con trampas, o que perden pola vía do esforzo humano e o coñecemento. Así como, en boa medida, por mor dun proceso de deslocalización empresarial que eles iniciaron por cobiza, para maximizar o lucro. Un proceso que proxectaron ligado a manter indefinidamente o carácter subalterno das nacións periféricas.

Esta folla de ruta do capitalismo fracasou en China, e Rusia recuperou seu poderío militar

Esta folla de ruta do capitalismo fracasou en China, e Rusia recuperou seu poderío militar, na investigación e de produtor de recursos enerxéticos. Ambas potencias non poden permitir que o imperialismo occidental asoballe a Iran e Venezuela, e a outras nacións que queren manter a soberanía, porque saben que este sería un paso decisivo para illalas primeiro e sometelas despois, recreando un mundo unipolar controlado por Washington.

Hoxe Iran está no foco de Washington, como antes aconteceu (e pode volver a suceder) con Siria, Corea, Venezuela, a migración na fronteira de México, etc. Semella un proceso máis calculado do que aparenta, no que o imperialismo busca o punto débil, dar sucesivos pasos adiante mesmo que en aparencia sexan pequenos para illar a Rusia e China, evitando o conflito militar directo con estas dúas potencias emerxentes. É un xogo perigoso, no que os erros de calculo pagaríanse moi caros, xa que está en cuestión o futuro da humanidade... Todo por cobiza e soberbia.

https://obloguedemera.wordpress.com/