Opinión

Sen predica, iniciativa e loita, non mellorará o reparto (Tampouco se conquistará a soberanía)

Dirase que son teimoso. E é verdade. Mais nunha sociedade como a galega, dependente, polo tanto subordinada aos intereses das clases dominantes foráneas, e periférica no marco desta potencia económica que é a Unión Europea, non comprender que a problemática nacional ten unha relación directa coa cuestión de clase é un suicidio político. É así porque os intereses e protagonismo das clases populares, e moi especialmente da clase traballadora (que representa máis do 80% da povoación activa), son factores esenciais para conquistar a liberación e para que esta teña como meta a xustiza social. 

Sendo así, e dado que non existe atallo, nen substituto, é tan importante avanzar na normalización da cultura e lingua galega, no desenvolvemento da actividade produtiva, na loita contra as medidas que fortalecen a economía de escala, ou sexa as que benefician ás corporacións tras-nacionais, como esencial garantir unha distribución xusta da riqueza producida. Porque, a liberación nacional non é algo inmediato, e as desigualdades sociais aumentan cada día que pasa, e iso está relacionado cos baixos salarios, a alta taxa de desemprego e as cotizacións insuficientes para manter as pensións. Tamén, (como ignoralo?), cunha presión fiscal favorábel as empresas e aos altos ingresos, coa privatización de servizos básicos, e a redución de axudas á dependencia, desemprego, etc. Mais o laboral é un aspecto central, tanto porque abrangue á maioría, como porque é centro da confrontación cotiá, aínda que os medios agochen ou deformen esta contradición. 

A liberación nacional non é algo inmediato, e as desigualdades sociais aumentan cada día que pasa, e iso está relacionado cos baixos salarios, a alta taxa de desemprego

Non se pode pasar por alto que aumentaron os ritmos de traballo, a temporalidade e a rotación dos contrato, que se fan horas polas que non se paga e cotiza, aumentando a taxa de paro, que a metade dos/as traballadores fan 10 ou 11 horas na xornada laboral. Iso é do que se fala nos bares, nas casas, o que aguilloa a eses 2/3 de familias galegas que teñen problemas para chegar a final de mes. Ademais, os baixos salarios e as achegas ás empresas reducen as cotizacións á seguridade social hipotecando as pensións actuais e futuras (falamos de 754.000 persoas na Galiza). Estes temas deben ser parte importante do discurso electoral de todos os partidos de esquerda, e moi especialmente dos nacionalistas!!! Sei que en moitos casos a Xunta de Galiza carece de competencias. Porén, do que se trata, tanto nestes temas como noutros, é da vontade política, de utilizar o Parlamento galego como caixa de resonancia (e esixencia) de todo aquilo que sexa transcendente para as clases populares, para a liberación nacional e social do povo galego. Por isto comeza a loita pola soberanía.

O axuste social, para alén do desemprego, non está relacionado directamente coa crise económica, aínda que o capital a utilizase como escusa, senón coa debilidade do movemento obreiro

Por se non abondase, cada día que pasa, aumenta a desigualdade e a precariedade laboral, malia  medrar o PIB e crecer o emprego (temporal e mal pago). En poucas palabras, o axuste social, para alén do desemprego, non está relacionado directamente coa crise económica, aínda que o capital a utilizase como escusa, senón coa debilidade do movemento obreiro, da resposta sindical e co afastamento progresivo dos partidos de esquerda da loita de clases, obviando o conflito traballo-capital. Non é polo tanto só un problema económico, senón tamén ideolóxico, de proxecto, de discurso e mobilización. Nun contexto moi semellante ao actual, no período 1973-1981, en plena crise mundial da enerxía, os salarios na Galiza pasaron do 54,8% ao 62,1% do PIB. Mentres que na crise actual de 2008 a 2014 os salarios galegos, baixaron do 47,5% a un 45,14% (véxase que hai catro décadas era unha porcentaxe maior, malia que os asalariados/as na Galiza eran só a metade da povoación activa). Ou sexa, unha tendencia inversa; e a diferencia fundamental para que isto aconteza é a correlación de forzas, a fortaleza do suxeito para a transformación. Daquela, tanto na etapa de crise como de recuperación, con medre do PIB e do emprego, non van mellorar as condicións laborais, nen se vai a reducir a desigualdade social por arrastre ou solidariedade. Para que mellore o reparto da riqueza producida cómpre máis presión sindical e política, coa que se impoñan convenios colectivos e medidas dende as institucións públicas. 

http://manuelmera.blogaliza.org/